Pucheirazo Habemus
Cardalda, Theo - miércoles, 17 de septiembre de 2014
Desde o Preguntoiro: Pucheirazo Habemus
Todo semella sinalar, segundo o goberno e reflectido nos xornais, que o PP está disposto a modificar a lei electoral municipal. Ou sexa, prepara un pucheirazo electoral para manterse no poder, que a minoría domine á maioría xa que están en xogo o desarme desas redes caciquís que teñen instaladas desde fai décadas. Feita a lei feita a trampa, pois segundo a forma de facer esa lei, condiciona o resultado.
A vicepresidenta do Goberno Soraya Sáenz de Santamaría en roda de prensa, saíu dicindo que esta lei é unha rexeneración da democracia, non sei se o dixo de coña mariñeira ou pode ser outra mentira máis das que levan dicindo, Tamén pode ser que sexa unha volta ao pasado daquela democracia orgánica de triste lembranza.
Estamos ante outra volta de parafuso, un ataque máis á liña de flotación deste barco xa tocado co rol de democracia, sendo o obxectivo de asegurar o poder municipal para seguir mantendo o seu programa de reformas cavernícolas e regresivas.
Estes corsarios da política farán todo o que atopen nas súas mans para manterse no poder e aqueles que o toleran, que llo permitan, serán cómplices desta infamia.
Mentres non se reforme a lei electoral, cun sistema máis proporcional, máis xusto, unha persoa un voto, poderán chamalo como queiran, pero democracia desde logo que non o é. Un estado nunca pode ser democrático, cando no seu sistema electoral todos os votos non teñan o mesmo valor.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora