Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A ampla fronte de Tabaré Vázquez

martes, 16 de septiembre de 2014
Non hai que ser adiviño para afirmar que a miña fermosa e querida Banda Oriental [República Oriental do Uruguai] volverá ser presidida polo recoñecido médico oncólogo Tabaré Vázquez. Os que coñecemos un pouquiño da historia recente na terra de Xosé Artigas, coincidimos en que nos últimos dez anos a mellora foi moita mellora.

Hai pouco máis dun ano que estiven unhas horas en Montevideo. A viaxe no “Buquebus” é moi recomendable. O servizo da empresa uruguaia ---na que traballou nos seus comezos a miña boa amiga vilalbesa Marisa Barrio Otero--- cumpre cos horarios establecidos. Ademais no traxecto podemos atoparnos con personaxes coñecidos nas dúas beiras do Prata; no meu caso coincidín co meu admirado Ruben Rada a quen non me atrevín a saudar para non quedar de “gayego pesado”.

Se facemos un percorrido por calquera das rúas céntricas montevideanas axiña comprobamos que a cidade está máis arranxadiña. Hai máis limpeza e orde na circulación viaria. A empresa máis galega de Montevideo, a famosa CUTCSA, renovou a súa frota de vehículos de transporte urbano de pasaxeiros que son unha marabilla en comparanza coas vellas cascarrias con plataforma traseira dos meus tempos de estudante secundario no Liceo Rodó.

A maioría dos cidadáns amosan alegría. Quizais sexa nas caras onde se certifique que o Uruguai abandonou definitivamente a súa tradicional cor gris que o caracterizaba. Estou a falar dunhas décadas tristes nas que a sombra do pesimismo escureceu un país afondido no desalento. E cando mudaron a súa expresión os uruguaios? Certamente que a alegría volveu despois de que as urnas se enchesen con votos de tres cores: azul, branco e vermello.

Quero poñer un exemplo moi clariño do grande aumento do poder adquisitivo cando votamos coa cabeza. Imos ver os precios do leite, da gasolina e da bombona de butano no 2005 e no 2014. Un litro de leite custaba 9,70 pesos en 2005 e hoxe custa 18 pesos. O salario mínimo en 2005 era de 2.050 pesos e hoxe é de 8.960 pesos. Se facemos unha sinxela división entre o salario e o prezo do litro de leite sae: 211, 3 litros [2005] e 497,7 litros [2014]. A gasolina [un litro de nafta super] custaba 27,4 pesos o litro e agora custa 41,8 pesos.

Antes mercabas 74,5 litros e hoxe mercas 214,3 litros. Coas bombonas de butano que alí son garrafas de supergas o actual presidente Mujica gáñalle por goleada ao daquela presidente Batlle. En 2005 eran 6 bombonas e hoxe son 20.

Se todos os indicadores son positivos e os organismos internacionais aplauden a xestión económica do Frente Amplio, a pregunta é sobre cales son as medidas da oposición para mellorar a vida no Uruguai. Os opositores deberían presentar programas con alternativas e cambios e críticas aos erros que leven a un sector do electorado a escoller a opción do voto “blanco” ou “colorado”.

Non semella que busquen un debate de ideas. Coido andan coas parvadas de que a inseguridade cidadá, combátese baixando a idade de imputabilidade penal. A oposición leva na súa xenética o contiño do candidato do clube da esquina que o domingo electoral poñía na porta o “medio tanque parrillero” para convidar aos votantes da veciñanza.

Os que coñecemos a Tabaré Vázquez sabemos que é unha persoa seria e por tanto cumpridora dos seus compromisos. A primeira vez que escoitei falar del foi por boca de Omar Gianero que era un entusiasta seguidor de Frugoni e da “90” e persoa moi coñecida en Aires Puros pola súa camioneta “Panhard” coa que ía a todas as ferias montevideanas. O pouco que falei con don Tabaré ---sendo intendente municipal de Montevideo--- deixou en min un emotivo recordo porque o neto de emigrantes non esquecía a súa primeira viaxe a Galicia pouco despois de rematar os estudos de Medicina.

Son da opinión de que a alegría que se vive no meu Uruguai; débese de trasladar a todos os lugares onde haxa residentes uruguaios. Unha tarefa pendente para don Tabaré é que os emigrantes poidan votar e sei que o tema o preocupa especialmente polas súas orixes familiares e pola inxustiza de que o afastamento do país inclúa o castigo de non poder votar. Aproveito para facerlle unha suxestión sobre o necesario cambio da cor gris que rexe na embaixada en Madrid. A miña humilde proposta vai encamiñada a que sexa unha muller a que alegre o ambiente na loitadora colectividade de residentes uruguaios. Ninguén mellor que Cristina Fernández Fernández. A neta de don Rosendo da Pastoriza promocionará con sabiduría, eficacia e sensatez os valores culturais da terra na que o seu avó ---de oficio, zapateiro--- ergueu un niño de solidaridade.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES