Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Ver ou fuxir dos telexornais?

lunes, 15 de septiembre de 2014
O verán é un momento propicio para deixar de ver a televisión, polo menos temporalmente. Este é un fenómeno social facilmente observable. As vacacións, a praia, a montaña, as viaxes, os contactos que recuperan vellas relacións ou instauran novas amizades, fan que a televisión quede moitas veces só como un ruído de fondo. Pero se acercamos máis o foco da observación descubrimos un fenómeno social que ofrece certa novidade: un crecente número de persoas adultas e maiores evitan ver os telexornais, especialmente de determinados canais. Este feito semella un movemento aparentemente irrelevante, mais debemos interpretar o seu significado.

Como explicar esta actitude? Se nos atemos ó que nos din moitas desas persoas, os telexornais reflicten só unha restra de desgrazas, de imaxes violentas repetidas ata o infinito, de latrocinios ilegais e legalizados, de corrupcións sen fin, de casos individuais patolóxicos que se producen nos máis recónditos lugares do mundo. E así sucesivamente, sen apenas respiro de algo agradable. Moito de todas esas noticias, dinnos, pode e debe ser contadas de outro xeito, noutra linguaxe; e a narración dos casos individuais raros que ocorren no ancho mundo non aportan máis que morbosidade e impotencia. Vistos desde esta perspectiva os telexornais, resulta difícil rebater estas contundentes afirmacións.

Se inquirimos algo máis nas palabras e comportamento deste considerable conxunto social de persoas, podemos albiscar algúns sentimentos que están aniñando na vivencia e conciencia colectiva dalgúns grupos sociais. Son persoas responsables e sensibles ante o mal que ven na sociedade inmediata e mundial, pero que sofren un impacto de horror e impotencia. Non foxen da información, senón do grafismo brutal que aparece nas pantallas; por iso abandonan a televisión e pasan a escoitar a radio ou a illarse de todo. Non son persoas nin amorfas nin descomprometidas co mundo circundante, senón que as súas contribucións parécenlles insignificantes para tantos e grandes problemas que apreixan ó mundo actual. Esta actitude destilada e construída a partir da información dos medios de comunicación, pode ser socialmente paralizante.

Cando ensaio defender estoicamente os telexornais, a inmensa maioría dos interlocutores aceptan que hai que informar, mais non con ese grafismo brutal, unhas veces ó servizo do morbo e outras só para provocar reaccións emocionais nunha opinión pública saturada de informacións para impresionar. Moitos titulares e información gráfica descarnada non inducen á reflexión senón ó horror. Semella que estamos pasando da información á manipulación, din con contundencia moitas persoas que argumentan con sensatez. Bastantes delas poñen como exemplo de esa información desatinada a violencia contra as mulleres, noticiarios que dan toda clase de detalles sobre a arma homicida e o modo de usala, cando nada diso e necesario para compoñer e transmitir a noticia.

Despois de escoitar bastantes destas alegacións, non hai dúbida de que o problema existe e está aí como un desafío para os xornalistas e as grandes axencias mundiais de información. A cultura do extremo, da competencia descarnada e da saturación mediática inducen a un grafismo e a unha fraseoloxía mediática cada vez máis sensacionalista, co problema engadido dunha opacidade ás veces ó servizo de intereses ocultos. De aí xurde o crecente abandono de moitos televidentes, tanto dos telexornais como doutros programas das televisións. Mais a onde foxen? Uns ás emisoras de radio, outros á programas aparentemente inocuos, outros á Internet con toda clase aparellos; e quizais o grupo máis numeroso, os de maior idade, quédase no limbo dos rumores e da desinformación. Deste xeito a gran audiencia das televisións vaise baleirando paseniñamente. Estamos nunha fase de vacinación fronte á televisión ou é só un fenómeno estacional ou conxuntural?
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES