Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A metástase secesionista

viernes, 12 de septiembre de 2014
Non serve de nada ocultalo ou manifestalo eufemisticamente, España está afectada, política e socialmente, dun estado de desacougo, igual que o coñecido en Bioloxía como proceso canceroso. Claro, ten remedio; pero hai que poñerllo e chegar a tempo, porque hai principios de metástase.

Eu quixen saber ata onde se podían levar as extrapolacións do campo biolóxico ao socio-político, e aínda que me confeso moi pouco “informado” (tal vez mellor, “pouco formado”) nun e noutro, non resistín a teima de adquirir unha obra, en inglés, de Marta Bertolaso, incluída no marco da “filosofía da ciencia”. E créanme que me resultou proveitosa, na miña modesta opinión, por suposto.

A obra titúlase HOW SCIENCE WORKS (“Como opera a ciencia”). E como Subtítulo, “Choosing levels of explanations in biological sciences” (“Acoutando os niveis de explicación nas ciencias biolóxicas”), por Marta Bertolaso, ARACNE editrice S.r.l., 2.013, Roma. Non coñezo tradución ao español, e a que eu fago é da miña exclusiva responsabilidade. Por dicilo en poucas palabras, trátase dun estudo epistemolóxico das distintas perspectivas, vinculadas aos distintos niveis, de definición dos procesos cancerosos.

Pero eu aquí só quixera xustificar a miña denominación de “metástase secesionista”, para situar ese intento evidente de desintegración nacional, facendo unha extrapolación da realidade biolóxica á socio-política; pero, limitándome, máis ben, a resaltar algúns comportamentos políticos que a facilitaron, en relación ás constitucionalmente chamadas nacionalidades.
“Metástase” é un termo derivado do grego que significa “cambio”, en xeral, aínda que, referido tamén ao político, pode traducirse por “revolución”. En medicina designa as colonias que forman, noutros órganos, os tumores malignos. A nivel político-social pode entenderse como a reprodución propagandística de pretensións e ideas, que migran dunha individualidade ou estrutura a outras, a modo de MEMES, dos que farei mención.

Penso que son necesarios estes conceptos para unha mellor comprensión do que paso a dicir: Marta Bertolaso, na páxina 66 do libro citado, escribe que despois do descubrimento do primeiro xene relativo ao cancro foi proposta unha secuencia lineal como un relato explicativo das características neoplásicas ( é dicir, da formación nalgunha parte do corpo dun tecido no que cambiaron os seus elementos normais por outros estraños). Creouse no ámbito político algún relato protocolario das neoplasias sociais?.

Esas características, coñecidas como “sinal propia do cancro”, son as seguintes: As células adquiren a capacidade de cambiar a regulación da replicación, mostran independencia dos factores de desenrolo e son capaces de evitar a “apoptosis” (que explico a continuación) e de situarse en metástases.
(A “apoptosis” é unha morte da célula, provocada por ela mesma, para realizar controis propios, facendo posible que calquera célula danada sexa destruída, e evitando así enfermidades como o mesmo cancro). É, pois, de admirar este proceso natural, como unha “autocrítica” celular que non practican as sociedades, alomenos dende dentro de si mesmas.

Pero permítanme que, polo menos, faga mera alusión aos MEMES. Por suposto, non pretendo entrar nin tan sequera en darlles un tratamento moi breve. Só dicir que así como os xenes teñen un papel na evolución biolóxica, os memes, segundo moitos estudosos, teñen o mesmo na cultural. Pero, para esta colaboración, bástame con dicirlles o seguinte:
1º.- O “meme” ten que ver coa memoria e a “mímesis”, ou imitación. Nosoutros transmitimos ideas e conceptos, no ensino, uns a outros. Pois ben, a unidade mínima desta información élles un “meme”, que procesamos no cerebro, creando o correspondente patrón de actuacións.
2º.- Tamén o xenoma é o procesador da información xenética, mediante a transmisión dos xenes hereditariamente.
3º.- O “meme”, como dixo un especialista, é COMO UN VIRUS: POLA TRANSMISIÓN DUNS A OUTROS INFECTAMOS DE IDEAS E CONCEPTOS O CEREBRO E A MENTE DOS NOSOS SEMELLANTES.
4º.- É consecutiva a comprensión da súa importancia social, así como acadar a intuición da semellanza entre xene e meme.

Con todas estas ideas previas, extrapolándoas, pretendo ofrecerlles unha descrición dos elementos e procesos da “metástase secesionista”, do cancro social e político.

Penso que si analizamos a fondo a panorámica que nos ofrece a España dos nosos días, non é nada difícil descubrir que unha complexa estrutura de aparencias e compromisos de convivencia, máis ou menos artificiosa, que se foi constituíndo para cubrir as esixencias político-sociais derivadas da Transición, naceu desconectada da realidade subxacente: Había demasiados problemas de fondo pendentes cuxas solucións quedaron preteridas para “saír do paso”.

Como esta estrutura de compromiso nacía, pois, desconectada da do fondo, onde está aletargado, entre outros, o problema da diversidade territorial, que, con “avisos” e erupcións esporádicas, non deixou de dar conta da súa existencia, xeráronse as tensións que nos están afectando: A veces polas decisións do Goberno Central, e outras polos Autonómicos. E non en poucas ocasións por razóns de infantilismo terminolóxico.

Evidentemente, as persoas que rexeron e rexen o destino da Nación-Estado, carentes, sen dúbida, dos atributos propios dun verdadeiro “home de estado”, caeron no paradoxo de buscar perigosas alianzas con partidos de matiz nacionalista e de bandeira étnica, ata o estremo de compartir parlamentariamente asuntos de interese xeral do País, abrindo así camiño os brotes secesionistas, máis ou menos vigorosos, que esperaban, con estratexias non moi disimuladas, a oportunidade de saír a superficie. E estano facendo.

Mentres tanto, os “memes” transmitidos, horizontal (dentro de cada estrutura) e verticalmente (entre estruturas) van creando complexidades meméticas capaces, como nas estruturas biolóxicas, de replicarse, e este fenómeno da replicación parece que pasa desapercibido aos gobernantes responsables de propiciar unhas relacións que permitan o necesario equilibrio, entre os distintos poderes.

Ademais, a incoación dos procesos perturbadores que operan no nivel do compromiso constitucional, corresponden a condutas sen altura de miras, con unha visión opaca da verdadeira realidade, cubrindo intereses singulares e de ocasión, con unha taxa de corrupción inadmisible no complexo contexto español, e con actitudes sectarias, sempre en mans de persoas que necesitan preparación, a medida que van xurdindo os problemas, polo que carecen dunha previsión da súa entidade.

As reivindicacións das nacionalidades e rexións, transmiten memes de independencia, sofisticando a identificación rexional para adaptala ás conveniencias partidistas, sempre presentándose como vítimas da política nacional, elevando a conflitividade no ámbito cultural, e seguindo estímulos románticos, aniñados na estrutura de fondo, que teñen como catalizadoras as elites intelectuais e como instrumentos as linguas vernáculas, apoiados por sectores da economía diferentes ou en competencia aos do resto de España.

Se tomamos como exemplo de memes transmitidos verticalmente a atribución da soberanía nacional, establecida no noso marco histórico constitucional, non podemos evitar a síndrome de inestabilidade e dunha carencia de principios minimamente compartidos. É que nin sequera as mesmas institucións manteñen a necesaria coherencia, deixándose arrastrar polo barullo dunha multitude de poderes desarticulados. Botemos unha ollada ao pasado histórico.
Para a Constitución de 1.812, a soberanía reside na Nación (art.3); a de 1.837, xa a pasa ao Preámbulo (sácaa do articulado); a de 1.845, establécea como compartida entre o Rei e as Cortes; a de 1.852 queda nun mero proxecto, no que establecía un poder case absoluto para o Rei, volvendo ao Estatuto Real de 1.834; na de 1.856 reafírmase de novo a soberanía nacional, como na de 1.869; na de 1.873 establécese unha República Federal, con 17 estados que podían darse a súa propia constitución; PERO FOI IMPOSIBLE ARTICULAR AS SÚAS FUNCIÓNS DENTRO DA FEDERACIÓN...!

Sen dúbida, a valoración de calquera outro elemento constitutivo da estrutura subxacente, levaranos á mesma síndrome de inestabilidade e carencia de principios compartidos. E, se a todos estes problemas de fondo, engadimos os xerados pola Guerra Civil e a subseguinte Ditadura, non parece difícil explicarnos o bombardeo de colonias mémicas de todo xénero, na nosa estrutura constitucional, como eficaces catalizadoras da METÁSTASE SECESIONISTA, na que reina unha anti-apoptosis que, lonxe de corrixirse e enervarse como células danadas, poténcianse como factores dexenerativos, creando verdadeiras estruturas de ruptura constitucional.

Polo contrario, a NEUTRALIZACIÓN DELIBERADA dos efectos mémicos da persistencia CONSTITUTIVA ( que non, desgraciadamente, CONSTITUCIONAL), radicada na estrutura subxacente de toda a nosa historia durante máis de 500 anos (neutralización esta que se produce, cautelosamente, na “complexa estrutura de aparencias e compromisos de convivencia, máis ou menos artificiosa”), é a que nos levará, se non se lle pon coto axiña, a un proceso de desvertebración (Ortega) nacional de efectos xeneralizables imprevisibles.

Penso, por conseguinte, que todo isto ben avala o empeño de non acometer reformas de fondo, nestas circunstancias de histerismo, da nosa Constitución, a máis duradeira da historia, pese aos erros institucionais e os embates de oportunistas, que se obstinan en escornarse contra as correntes dunha globalización que se impoñerá por razóns de supervivencia, aínda que haxa que pasar por un caos explicable na dinámica evolutiva, a que, poñéndolle atrancos, intensificaremos a súa agresividade contra as tendencias involutivas.
E aínda que tardamos en facernos eco destas correntes de globalización, xa hai tempo que os intelectuais as coñecían, moito antes da impregnación da dixitalización das comunicacións, pois nada menos que no ano 1.945, así o evidencia un científico ruso, Vladímir Ivánovich Vernodsky, profesor de mineraloxía e cristalografía na Universidade de Moscou e membro da Academia de Ciencias Rusa, e que tampouco descoidaba a antropoloxía, publica un artigo titulado “Biosfera e Noosfera”, na revista “American Scientist”, vol. 33, nº 1, en xaneiro, no que afirma o seguinte:

“Non pode facerse fronte IMPUNEMENTE ao principio da unidade de todos os homes pola súa calidade de lei da Natureza.(...)Tomada no seu conxunto, a humanidade estase convertendo NUNHA PODEROSA FORZA (...). Xurde entón o problema da reconstrución da biosfera en interese da humanidade libre pensadora como totalidade”, pp. 215-216. (As maiúsculas, miñas).

Finalmente, quero facer constar que eu non pretendo ensinar nada a ninguén; só me permito colaborar con meras suxestións, sen reparos ideolóxicos, por se serven para catalizar unha reflexión máis acerca dos problemas que apreman a España.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES