Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Con Domingo Goás en Vilalba

miércoles, 10 de septiembre de 2014
Palabras de Xulio Xiz -no nome dun grupo de amigos de Domingo Goás Chao- na homenaxe que se lle rendeu en Vilalba(Lugo) o 29 de agosto pasado:

Gracias, Sra. Presidenta da Asociación Terra Chá, por permitirme falar neste acto, que quero empezar mencionando un feito que a vostede lle afecta por ser da súa familia: Cando eu fun para Lugo, no xa lonxano 1964, por Lugo dicíase que cando á consulta de Oftalmoloxía do Ambulatorio da Seguridade Social chegaba un paciente de Vilalba, comentábanlle que non sabían porque ìa alí, que os desta terra tiñamos aquí un oculista fabuloso –Agustín López- que superaba a calquera dos que alí pasaban consulta. Dito queda.
Con Domingo Goás en Vilalba
Nun acto coma este sentinme na obriga de falar como vilalbés e como amigo de Domingo, para recoñecer o xesto da Asociación Terra Chá, facendo honra ao vilalbés senlleiro, que aínda levando arredor de sesenta anos fóra, fai patria onde queira que estea, levando inherente un apostolado vilalbés como premisa e como bandeira.

Que o que aquí hoxe nos interesa é precisamente a creencia de Domingo na súa patria pequena, e a querencia por ela, que todos sentimos, aínda que non poñamos na súa defensa tanto amor, tanto entusiasmo, tantos medios e tanto tempo.

O que nós valoramos especialmente nel, non é –aínda que non o esquezamos- o ter sido o primeiro avogado español que –mesmo antes de que España formase parte da Unión Europea- defendeu un caso de dereitos humanos no Tribunal de Estrasburgo.

Estimamos, pero non é hoxe o noso principal punto de referencia, que teña feito máis de duascentas planificacións urbanísticas en toda España e no extranxeiro, e que o mesmo Manuel Fraga, cando foi Presidente dunha potentísima empresa forestal –Resinera española- acudise a el para que lle solucionase importantes temas de planificación.

Que esteamos hoxe todos aquí non ten que ver –ou si, tamén- con que o seu bufete de avogados teña sido dos principais de Madrid na súa especialidade urbanística, tendo entre os seus principais clientes a institucións con capacidade e influencia maior ca de moitos gobernos.

Estamos aquí – membros da asociación Terra Chá e outros amigos aos que xenerosamente se nos admiteu a este convite- para deixar moi clara a nosa sensibilidade pola amizade de Domingo Goás, pola súa xenerosidade e entrega, pola súa teima vilalbesa, porque agocha a súa presencia maxestuosa coa humildade da grandeza... cumprindo ata o fundamento aquel principio da nosa doutrina aprendida de pequenos de que “o que se humilla será ensalzado”. Xa que el non se ensalza, a nós toca facelo.

A Asociación “Terra Chᔠescolleu o restaurante Terra Chá, na rúa Domingo Goás, para esta xuntanza; simbólicos un nome e o outro. E os amigos de novo poden pensar que Domingo ten xa rúa propia en Vilalba, que en algo si é verdade, porque leva o nome de seu pai, médico histórico desta vila, cunha traxectoria de servizo á nosa xente que lle propiciou honras militares, que sufríu afrenta no tempo difícil que comezou no 36, rehabilitado case de inmediato, e do que os maiores gardan memoria inesquecible. Como gardamos memoria de Pilar Chao, súa nai, que queda viuva con catro fillos menores, aos que sacou adiante dun xeito ao que hoxe calificarían de “madre coraje”, cun permanente señorío, e un fondo labor social e asistencial. Moitas casas vilalbesas sabían que chegaba o Nadal pola visita de Pilar Chao – e tamén de Pepucha Leira- (para os do meu tempo, Doña Pilar e Doña Pepucha), de gratísimo recordo.Con Domingo Goás en Vilalba

Con eses antecedentes, lóxico é o consecuente de que a descendencia do matrimonio Goás-Chao (e hoxe está aquí tamén un irmán seu, e parte da súa familia) teña en Vilalba unha dimensión especial que o tempo non fixo máis que acrisolar.

Dixen que non estamos aquí polo avogado, polo planificador, polo empresario, polo concelleiro e tenente de alcalde do noso concello que foi un tempo, nin polo estudante dos días de “viño e rosas” con García Leira nos primeiros tempos madrileños... Estamos polo vilalbés confeso; polo defensor da nosa terra, das nosas xentes, dos nosos productos; polo gastrónomo e viaxeiro; polo escritor, cronista riguroso de toda unha vida, namorado do mundo... e aquí digo que na súa vida hai un deses amores que duran sempre... que se foi de ouro en vida, agora é diamantino... aureolado como os “Nimbos” de Xosé María Díaz Castro; nimbado con esa aura especial coa que o xenial poeta chairego ao que se lle dedicou este ano o Día das Letras coroaba as cousas máis humildes, e as máis grandes. Para situalas nunha dimensión especial.

Estamos aquí, Celso Emilio dixo, “porque queremos, nos peta e danos a gaña” de facer homenaxe a un vilalbés especial que na súa casa ten sempre francas as portas, que a súa man está sempre aberta; e todo o seu, é seu e de todos os demáis.

E non digo máis aínda que puidera... Que aquí son convidado e xa foi moita a gracia que a organización me fai de deixarme falar de Domingo, o seu amigo, o noso amigo... nun dos momentos máis importantes da súa vida, porque ningunha cousa hai máis grata, nada máis difícil, nin nada máis grande, que que os teus, os da túa terra, os que mellor te coñecen, che fagan saber que agora mesmo eres o “primun inter pares”, o primeiro de todos nós, non porque ti quixeras ou aspiraras a selo, senón porque todos nós o recoñecemos así.

Gracias, presidenta e membros da Asociación “Terra Chᔠpola iniciativa e por permitirnos participar. Gracias a todos por escoitarme. E gracias, Domingo, por ser e estar. E como dun xeito improvisado xurdíu entre un grupiño de amigos entregarche algo alusivo a esta festa, tamén co permiso da organización, Luis Castro –para os da Porta de Cima, Luis da Serafina- vaino facer a continuación, cando a Presidenta Reyes Corsini o dispoña.
Viva Domingo Goás, Viva a Terra Chá, e Viva Vilalba!.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES