Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Por 'h' ou por 'b'

lunes, 08 de septiembre de 2014
O certo é que nunca se me dera por pensar -nin consultar- na orixe da expresión que hoxe insiro no titular. Pero agora, como todo está na Rede, non me resultou dificultoso, senón máis ben todo o contrario, esculcar a cuestión e aprender que a mesma ten uns principios ben simples relacionados coa endémica dificultade que os nenos e as nenas que todos fomos, tivemos con esas dúas letras á hora de escribir os dictados que con máis ou menos "mala baba" nos dictaban os mestres.

Polo que lin, resulta que cando nos dictados había moitas palabras que incluían esas dúas letras, era (a agora cos novos xeitos de escrita, aínda o é máis) moi común que onde non había que poñer "h" se puxera (malia que os galegos para iso contabamos -e aínda contamos- cunha vantaxe ben grande pola súa transformación en "f"), e onde había que poñer "b" se puxera "v" ou viceversa.

É dicir, que fose por "h" ou por "b", sempre había algunha razón para que nos trabucabasemos de máis e o mestre tivera un motivo para nos suspender nos exames.

Pois ben, hoxe véuseme á idea esta común expresión ó ler unha información sobre o abandono dun multimillonario proxecto (50 millóns de euros, seica) do sector cárnico en Xinzo de Limia por unhas presuntas diferencias de criterio (¡a saber cáles!) entre os responsables da sociedade promotora do proxecto e o alcalde da vila antelá.

E véuseme á idea porque ó lela dixen para min: "Eu non sei qué pasa nesta provincia, pero, por "h" ou por "b", sempre hai algunha razón que mata no camiño á pita dos ovos de ouro que primeiro nos presentan coma a panacea económica para esta ou aquela bisbarra".

E non sei qué é o que raios pasa, pero a nada que botemos man da hemeroteca (se cadra vale como tema de estudo para calquera tese de doutoramento de socioloxía ou economía) atoparémonos con macroproxectos por aquí e por acolá (disto ninguén se salva) que son presentados anunciando o maná (millóns de euros de investimento, tantos postos de traballo directos e tantos máis indirectos, etc...) e co pasar dos meses (sexa culpa de quen sexa, que niso as culpas tamén están ben repartidas) transfórmanse nun fiasco máis monumental aínda co mosteiro de Oseira.

E así -sexa por "h" ou por "b"- nos luce o pelo... Mentres outras provincias na diferencias buscan consensos e nas dificultades procuran solucións, nós "erre" que "erre" (que tampouco sei de onde procede).
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES