Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O poder sobrehumano da comunidade

domingo, 07 de septiembre de 2014
Moitas veces se di que na nosas sociedades modernas occidentais a xente se volveu individualista e pouco interesada nos asuntos e problemas dos demais. E parece que hai indicadores abondo que apuntan cara a este diagnóstico. Sobre todo as persoas que gozan, como adoitamos dicir, dunha certa independencia económica e profesional. Xente así prefire non meterse en leas, non complicarse a vida. Que cada un –pensan- arranxe os seus problemas e asunto concluído.

Xesús, polo contrario, non se refuxiou en si mesmo. Non lle facía perder o tempo o ocuparse de resolver os seus propios problemas ou de tomar especiais cautelas contra os perigos que o podían ameazar. Comentei nalgún momento que el era un home público. É dicir, buscaba facer comunidade, irmandade. Ocupábase de axudar ós demais e de estar atento, coa súa acción e a súa palabra, ós problemas dos outros. Problemas morais, espirituais e, naturalmente, tamén físicos ou corporais.

Por iso desde o principio os primeiros cristiáns se reunían a celebrar as súas asembleas comunitarias, lembrando a palabra de Deus e participando comunitariamente na Eucaristía. Ó participaren na Eucaristía, Xesús (a súa persoa e os seus ideais) ía tomando corpo e forma en cada un dos participantes.

En realidade, isto é o que continuamos a facer os cristiáns do noso tempo nos nosos encontros dominicais. Pero non pensemos que isto é un simple encontrármonos xuntos, intentando fortalecer a nosa piedade co exemplo dos demais que están con nós e cumprindo con máis ou menos devoción persoal un rito concreto: o da comuñón. E, claro, tamén rezamos, no noso interior ou particularmente, e tamén nos asociamos cos demais e co que preside a nosa reunión ou asemblea.

Todo isto é así naturalmente. Pero o máis importante é algo que non aparece a simple vista. O evanxeo de hoxe ponnos en boca de Xesús as seguintes palabras: “Se dous de vós se poñen de acordo na terra para pedir calquera cousa, conseguirano do meu Pai que está nos ceos. Porque onde están dous ou tres reunidos no meu nome, alí no medio deles estou eu”.

Este Xesús invisíbel, mais realmente presente, entre os que se reúnen no seu nome, é o que teriamos que aprender a ver e a sentir cada vez con máis forza e intensidade. A oración comunitaria, a que se realiza sobre todo ó recitarmos conxuntamente na Eucaristía o “Noso Pai que estás no ceo”, é una oración na que Xesús está a realizar conxuntamente con nós, ó lado de cada un de nós e no interior de nós mesmos.

Como vai fallar unha oración na que el mesmo se une a nós para garantir o seu resultado? Xunto con todos nós, fillos adoptivos de Deus, está a orar ou rezar o que é o seu Fillo unixénito, eterno e infinitamente querido por Deus-Pai.

Non nos esquezamos. Deus é esa comunidade misteriosa e incomprensíbel de Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito que loxicamente non se pode revelar ou manifestar, en canto comunidade que é el no máis fondo, senón creando comunidade, comunidades. Nós constituímos conxuntamente unha desas comunidades: un grupo de persoas que nos xuntamos aquí para, coa forza e o poder de Xesús que reza con nós, pedirmos a Deus a súa graza e a súa axuda para tódalas persoas do mundo enteiro, de maneira especial para as que máis precisan da súa axuda.

Por iso, nestas sociedades de hoxe que tenden polo que din os sociólogos ó individualismo e ó particularismo, cantos nos denominamos cristiáns temos que facer valer, fronte a esas tendencias, a importancia dos nosos encontros eucarísticos dominicais. Porque é neles onde Xesús nos garante, de maneira especial e explícita, a súa presenza.

Por esta razón, e unha vez máis fronte a egoísmos e particularismos, na segunda Lectura de hoxe afirma Paulo de maneira formal que todos os mandamentos de Deus se reducen a un só: “Amarás ó teu próximo como a ti mesmo”. E está claro que non ama ó próximo quen non quere saber dos demais, quen non quere estar cos outros e participar así con eles das súas necesidades, dos seus problemas, das súas angustias, das súas esperanzas. Quen, polo tanto, non participa do espírito dun Xesús que non é outra cousa, como ben sabemos, senón pura entrega de amor a toda a humanidade, ós homes e mulleres concretos de tódolos tempos, de tódalas culturas, de calquera relixión que sexan, incluso ós que non se interesan por relixión ningunha. O amor non fai excepcións. Por iso engadirá Paulo nesta súa Carta ós Romanos que o amor e “verdadeiramente o pleno cumprimento da Lei”.

Ben se ve así cómo o sentido comunitario e o amor son en definitiva a mesma cousa. Por iso, se onde se encontran varios reunidos no nome de Xesús alí se atopa el mesmo entre eles, do mesmo xeito alí onde unha persoa ama ó seu próximo alí está el, alí está Deus.

É difícil encontrarse con alguén que non teña a experiencia de ser querido ou de ter sido querido algunha vez por alguén. Agora ben, por que apreciamos e amamos tanto as persoas que realmente nos quixeron ou nos queren e aman? Pois, en último termo, porque en definitiva esas persoas nos fan presentes en realidade a Deus mesmo, que non é outra cousa senón amor, a teor do que tantas veces repetía o evanxelista Xoán, aquel discípulo a quen Xesús quería de maneira especial.

Só persoas coma elas poden ser portadoras de amor e de esperanza para o mundo.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES