Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Polo último chanzo?. Non...!.

viernes, 05 de septiembre de 2014
Eu non lles sei moi ben se debemos estudar e formarnos para enriquecer o sentido común, ou para superalo, desbotándoo; e non o sei porque persoas de moito estudo teñen dificultades para manterse nel. Isto xa o percibían os nosos antepasados, cando dicían dunha persoa tida por instruída, despois de oílo falar, o seguinte: “Este..., se non estudara, comía a roupa”.

Claro, un escolástico obxectaríame que hai que empezar por explicar os termos. Que leria, señores!. Porque, plaxiando o que dicía S. Agostiño en referencia ao tempo, eu ben sei o que é o sentido común; outra cousa é se mo preguntan, que, ó mellor, non o sei dicir.

E confésolles que iso de ser “unha persoa instruída”, tamén hai que coller folgos para explicalo. Polo tanto, déixenme aquí argallar co paradoxo que produce o feito de encontrarse, na vida práctica, cun “instruído” sen ese sentido, e con outros que, só con el, ben parecen uns bos académicos.

Non o podo afirmar con certeza; pero iso de pintar cousas que non se entenden ou facer música disonante, aínda que descoñezo ata que punto perturba os espazos cerebrais nos que se rexe a orde lóxica e cronolóxica dos elementos das estruturas dos nosos idearios, algo que soe expresarse dicindo que esa cabeza non debe estar ben amoblada, vaian vostedes a saber se ten que ver coa mingua do sentido común.

O caso é que moitas persoas que non puideron prepararse a un nivel aceptable, mantiveron e manteñen ese sentido cunha agudeza envexable, incluso no campo das poucas matemáticas que sabían: “Non se pode dividir sen saber sumar, restar e multiplicar”. “Non sexas túzaro; non empeces polo último, que é perder o tempo!” – adoitaban dicirnos os nosos antepasados.
Pero tampouco hai que pensar que estamos indixentes de certas manifestacións moi elegantes e enxeñosas, relativas ao sentido común. Samuel Coleridge escribiu que “o sentido común levado a un grado nada común é o que o mundo chama sabedoría”, e o mesmo Olivar W. Holmes, dice que “a ciencia é un moble magnífico para o segundo piso, se se pon o sentido común na planta baixa”.

Tamén hai quen se expresa con menos entusiasmo, como Don Miguel de Unamuno, que non parece estar de acordo con aquela xente “que está tan chea de sentido común que non lle queda o máis pequeno recuncho para o sentido propio”. E se o sentido propio se axustara ao común de cadaquén, D. Miguel...?.

Seguramente algún lector se estrañou de que aquí non aparecera o exemplo de “empezar a casa polo tellado”. Pois foilles intencionado (e isto explica tamén o meu paradoxo). Nunha revista, que confeso non podo citar por esquecemento, lin a información de que, nalgún sitio, fixeron casas empezándoas polo tellado.

Ademais, por outra parte, non ven mal lembrarse de que o sentido por ser común non ten que ser, necesariamente, invariable, polas mesmas esixencias contextuais, históricas, culturais e técnicas, que van emerxendo no seo dunha evolución cultural nada desprezable.

Pero, así e todo, non hai que teimar en subir pola escaleira empezando polo último chanzo, se non queremos correr o risco de caer estrepitosamente polos outros abaixo. E, créanme, esta tan coloquial observación pode ser de gran proveito, extrapolada, analoxicamente, a outros campos.

É preciso tamén lembrarse de que a evolución que preside os procesos do universo, á que fixemos alusión noutra colaboración, vai recorrendo os chanzos da escaleira cósmica cunha lentitude abraiante, e, segundo afirman os que a estudan, non vacila en retroceder cando “experimenta” o fracaso do esforzo por acadar certas metas.

Se transportamos isto, así mesmo analoxicamente, ós liderados sociais, non parece difícil comprender que son os suxeitos dos comportamentos dinámicos os que deben coidarse de subir a escaleira empezando polo primeiro chanzo, non precisamente os pachorrentos, que sempre se quedan abaixo, ao pé dela, como pasmándose polas solucións adventicias, nas que acaban recreándose: Os primeiros deberían de coidarse de ser prudentes, e os cachazudos, que non saen ao encontro dos acontecementos e, cando o fan, saltan chanzos, non confundir a prudencia coa pereza no exercicio do deber.

Corrixir as inxustizas e os abusos dos poderosos e establecer os instrumentos sociais adecuados, institucionalizándoos, para acadar que unha sociedade teña unha rede maioritaria de actuacións, eticamente correctas, dos seus membros, sen compulsión gobernativa, como hábitos de ben facer e actuar, froito dunha boa educación, deben ser, sen dúbida, obxectivos primordiais.
Non obstante, digamos que, aínda que se presentan estes obxectivos como moi pertinentes e irrenunciables, teñen un certo grao de utópicos, que pode levar a ignorar que son moitas as vías nas que é mester verificar a súa viabilidade (porque non son OB-VIAS) ata eles, sobre todo se non se perciben situados nun horizonte, hoxe por hoxe, inalcanzable.

Mais todo isto non implica renunciar a subir pola súa orde os correspondentes chanzos, contextualizando as accións e coidándose de non poñer xa atrancos a un bo inicio da subida, co amordazamento da Prensa, a insensata refuga das opinións dos cidadáns – aínda que estas sexan emitidas polos nosos perspicaces actores ou actrices – e enfrontamento cos fachas, porque revela incompetencia en quen a fai ou manda facela, introducindo desconfianzas e inseguridades nos pobos, que sempre desexan estar o amparo das veleidades que os levaron, nalgunha etapa histórica, a situacións bélicas de estrema crueldade, e que persisten no subconsciente de moitas persoas, impedindo o establecemento dos necesarios espazos de apertura, que son os que deben facilitar a tranquila convivencia que todo cidadán anhela.

Polo tanto, ao alcance do que “podemos” hai que poñerlle cancelas, en sintonía cos impedimentos contextuais globalizados, que soen ser de tal magnitude que non poden medirse nin coas unidades dos sentimentos e dos desexos (supoñendo que sexan sinceros e non propostos cun matiz social cínico), nin cos canons de intelixencias en agraz, sempre máis pendentes dos fins que dos medios.

Penso que non estaría de máis, nas cuestións socio-políticas, non confundir o “poder-querer” que ten o home/a muller, inmerso/a nunha situación, co “querer-poder”, sobre todo cando debe tomar decisións nesa inmersión, xa que, mentres no primeiro caso, ao “poder” non lle impón lindes o “querer”, por aínda indefinido e difuso, no segundo, en cambio, hai que decidir que atrancos o “poder” lle poñerá a un concreto e definido “querer-facer”. Xustamente por iso este querer debería preguntarse ata onde o cobre un poder sen violencias.

De aquí que, política e socialmente falando, xurda unha esixencia que, en termos coloquiais, podería expresarse así: “ se me dis o que queres, direiche o que podes”. Aquí a forza do poder está, pois, condicionada; precisamente por iso parece aconsellable tomarse precaucións cos chanzos.

Por tanto, na miña modestísima opinión, ofrécese, cando menos, como perigosa a persecución dos desexos sen ponderar o poder, para que, nunha boa praxe, non se dispersen as paixóns, desbordando os límites do mesmo. Pois exemplos tivemos e temos abondo, dentro e fora, de que a violencia desencadea violencia; pero isto é algo que nos compre a todos evitar, tanto ós que a utilizan como método como ós que se benefician das situacións que a provocan, nas que persisten con contumacia.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES