Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Memoria histórica ou memoria histérica?

miércoles, 03 de septiembre de 2014
Acabamos de despedir os amigos a Darío Rivas nestes días previos ó seu retorno a Buenos Aires despois de pasar por aquí arredor dun mesiño. Trás de si deixa, como sempre, o rastro do seu carácter desbordante de cordialidade, de bonhomía, de pícara inxenuidade e da perseveranza na loita por uns ideais. Ese carácter é o froito ben maduro dos seus xoviais 94 anos de esforzos acrisolados e ben curtidos pola emigración desde os 9 e pola dor do asasinato do pai cando el contaba 20.

Consigo leva feixes de afectos e de admiracións e a medalla da Provincia de Lugo outorgada pola Deputación a petición de representantes da “Asociación da recuperación da memoria histórica” e a veces tamén histérica e mesmo histriónica. -Que gañas de rizar o rizo! Toda memoria é histórica, porque a memoria sempre é do pasado-. Con esta medalla quíxose honrar en primeiro lugar a memoria do pai de Darío, Severino, alcalde socialista de Castro de Rei, vilmente eliminado, de dous tiros traizoeiros o día 29 de outubro de 1936, por desalmados fanáticos disfrazados de patriotas. En segundo, honrouse a Darío pola súa loita en defensa dos dereitos humanos dos represaliados e dos seus familiares e pola dignificación da memoria de seu pai.

Pero, ignorando a intención completa de Darío, parece que algúns e algunhas dos que andan arredor del por mor desta causa oen só por un oído. Quizabes só teñen activado o do lado esquerdo. Ben sei que os represaliados que caeron sobre o lado dereito tiveron xa algúns recoñecementos e mesmo se levantaron monumentos e cruces no se honor, aínda que non todos os tiveron, por exemplo: Francisco Vega Ceide, o noso Paquiño da Fientosa de Castro de Rei, miserablemente tiroteado e esquecido nunha cuneta en Aravaca. Xa nos gustaría, xa, que a Asociación da Memoria histórica tamén o tivese en conta e nos axudase a atopar a súa foxa.

Pero a historia poucas veces é contada con obxectividade e ecuanimidade, porque primeiro escríbena os vencedores desde a prepotencia, acorde co poder obtido pola forza, e despois reescríbena os descendentes dos vencidos e dos vencedores, (a veces reconvertidos), acorde cos seus intereses revisionistas e menosprezando a memoria dos que aínda non a perderon de todo.

Sinal da deficiencia auditiva dun lado á que me refería máis arriba é que a cabeza visible da organización da homenaxe a Darío censurase o seu discurso na Deputación facéndolle suprimir varios párrafos, invocando como pretexto o protocolo e coa desculpa de que se facía moi longo. Xa,xa. Todo iso sería crible se non se tivese en conta cales foron os párrafos censurados, co que, coma quen non quere a cousa, mutilouse o pensamento do homenaxeado e expropióuselle a súa liberdade de expresión.

Un dos que rescatara aló polo ano 1993 a memoria de Severino Rivas foi D. Antonio Gato, daquela só concelleiro do partido socialista en Castro de Rei. El promoveu a dedicatoria dunha rúa a Severino. No seu intento abertamente partidista contou co sensato apoio do alcalde Arturo Pereiro do PP e co da case totalidade da corporación con maioría de dereitas, -por seguir utilizando esa terminoloxía tan trasnoitada e imprecisa-. Ocorrería o mesmo se a cousa fose á viceversa? Don Antonio parece que tamén ten algún problema de memoria, porque non estivo no acto da Deputación nin mandou nota de adhesión. (Dixéronme que estaba de vacacións). Non obstante, citouno na crónica do acto un periodista, ou un proxecto de tal, que probablemente por falta de tempo ou de información escribiu que Don Antonio fora o autor do prólogo do libro autobiográfico de Darío Rivas. E non. Nese libro insértase un escrito de catro páxinas que Don Antonio titula: “Apunte biográfico de D. Severino Rivas Barja” pero o coordinador da autobiografía e autor do prólogo son eu. Síntoo, pero esa chaqueta que o escribano lle atribúe a outro é miña.

Home, non é que eu necesite máis que as dúas chaqueta que xa tiña, porque para cambiar de chaqueta, mentres vai unha á tinturería ben me chegan coa outra; pero visto que pasa o tempo e que ninguén corrixiu o erro, probablemente por non terse decatado do mesmo debido a que no mes de agosto non se usa moito esa prenda de vestir, dou eu o aviso, aínda correndo o risco de ser mal interpretado e tomado por interesado. Fágoo sobe todo porque eu son miúdo e esfracareñado e, pola contra Don Antonio é home de moita máis talla. Que conste que non falo de memoria que tiven ocasión de comprobalo durante os anos que coincidimos de profesores na EXB no Colexio de Castro de Rei, eu sen cobrar e coméndolles o coco aos alumnos co trasnoitado evanxeo na man como ensinante de relixión, e el cobrando do Estado e ensinándolles a ser libres co progresista e constantemete cambiante libreto do partido e co nihil obstat dos censores fieis gardiáns da disciplina de voto.

Preocúpame que se sinta constrinxido nunha chaqueta que forzosamente ten que quedarlle apertada, máxime sendo dun cura.

Darío,amigo, non fagas caso de lerias de pouca monta. Non apees dos teus principios, Segue na loita que che axuda a vivir e pensa que, xa postos, que máis ten noventa e cinco ca noventa e catro? Agardámoste en xuño do 2015 e, mentres non chega, terás na nosa memoria afectuosa, e non comenenciuda, un recunchiño cada día.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES