Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

12 días para coñecerse

miércoles, 03 de septiembre de 2014
“Entre maestros” é un documental baseado no libro de Carlos González “Veintitres maestros desde el corazón”; a partir do mesmo, Pablo Usón contacta con Carlos para facer a experiencia na realidade e reflectila nun documental no que colabora RTVE.

Selecciónanse un grupo de alumnos que durante doce días van vivir unha experiencia distinta que ten a Carlos González como guieiro.

O método de Carlos devólvenos ao que quizais constitúa a mellor base educativa da historia da humanidade: o principio socrático “coñécete a ti mesmo”. A partir de aquí, Carlos proponse formar persoas retándoas a descubrir todas as personaxes que levan dentro así como o seu diverso potencial. Este obxectivo achégao ao concepto de educación natural de Rousseau onde o neno aprende interactuando co medio, palpando e sentindo as súas diferentes texturas. Así, Carlos sabe que a súa función como educador é sementar a dúbida e retar aos seus alumnos a ser o que desexan ser sen auto impoñerse barreiras mentais que couten a súa liberdade. Quizais, por isto, un dos primeiros exercicios é imaxinar un futuro sen límites. Neste exercicio moitos descubrimos que o principal límite é o medo que nos leva, por un lado a non ser e, polo outro, á sobre protección daquelas persoas máis queridas.

Na balanza liberdade/ protección case sempre gaña a segunda e iso implica a illarnos nunha burbulla exenta de perigo. Carlos reflicte esta idea cando se recoñece dentro dun búnker que pouco a pouco vai rompendo para aprender dos demais.

A base da proposta de Carlos é a emoción que moitas veces foi a gran esquecida do sistema educativo. Ter en conta a emoción significa que o educador sinta o que transmite e, ao mesmo tempo, faga sentir ao seu alumno nesa transmisión. Isto implica crer no diálogo e interaccionar constantemente coa perspectiva que o alumno está a formar sobre o tema. Esta é a base sobre a que Freire formula a acción dialóxica e é, tamén, a forma de romper búnkers persoais e lograr unha sociedade interdependente.

Carlos desenvolve unha metodoloxía moi persoal que se basea, sobre todo, no respecto absoluto ás emocións e aos tempos individuais, polo que cada persoa é libre de abandonar a actividade cando o estime oportuno. No documental vese como, en certos momentos, un determinado alumno non está preparado emocionalmente para tratar o tema proposto e, sen máis, abandona a actividade. Non hai xuízos, non hai desprezos, simplemente tras o desenvolvemento da actividade búscase a ese alumno para saber cómo está, como se sente.

Dá a sensación de que Carlos entendeu moi ben a teoría freiriana pero acompañouna do desenvolvemento da intelixencia emocional que fai Daniel Goleman para formar persoas con espírito crítico capaces de mirarse para dentro e dar o mellor de si para ser o que queren ser e apoiar o desenvolvemento persoal daqueles que os rodean.

Estamos, entón, ante un mestre en facer aflorar os mestres da vida que cada persoa forxa na súa propia experiencia. Un educador ocupado en dotar ao alumno de ferramentas para a vida. Un educador que ensina a través de todos os sentidos para axudar á persoa a acceder aos tesouros inexpugnables da súa identidade.

Unha experiencia máis que para ver, resulta interesante para vivir, mesmo sería bo facela entre educadores. Polo tanto, o meu agradecemento a Carlos González e a Pablo Usón.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES