Policía nos colexios
Editorial - martes, 10 de enero de 2006
Todos sabemos -ou cremos saber- de lugares onde se trapichea con droga, e ás veces vemos á plena luz do día como en céntricos lugares de cidades principais se entregan pequenos obxectos que entendemos non son tan inocentes como puidese parecer. E parécenos extraño que os denominados "corpos e forzas da seguridade do Estado" non controlen estas actividades cando tan ostensibles son.
Parece entenderse que a Policía está para máis altas escalas delictivas, tendo entre as súas funcións desartellar as grandes redes do narcotráfico e non atender ós expendedores ó detall, que moitas veces atopan un modus vivendi marxinal e delictivo para a pura subsistencia.
Pero se ese trapicheo é ostensible en determinadas zonas e, se non permitido sí temporalmente obviado, está ahí para cando queira atenderse, hai outro extremadamente perigoso e inadmisible que, ó parecer, se practica nos contornos dos centros educativos, tentador para os mozos e nenos, que a sociedade ten que cortar de raiz.
Hoxe, precisamente, comeza a acción policial contra esta lacra, e a policía situarase nas inmediacións dos centros para erradicar esta práctica.
Pero cando a policía é máis efectiva é cando non se anuncia a súa presencia, aínda que esta mesma presencia sexa disuasoria.
Anunciando a actuación policial arredarase ós pequenos narcotraficantes, pero parece que o que compre non é arredalos senón suprimilos.
O mesmo ocorre co anuncio efectuado de que a policía efecutará este labor durante dous anos. ¿Por que? Cabe supor que terá que facelo sempre que exista a probabilidade desta acción delictiva, sen limitación de tempo.
A Policía, sexa calquera o corpo de seguridade que denominemos como tal, ten que contar coa colaboración de centros educativos, asociacións de pais e sociedade en xeral. E actuar sen previo aviso, en calquera punto conflictivo, en calquera momento. Sen anuncios previos.
Os anuncios previos están ben en plan disuasorio, de cara á galería, e como tranquilidade para o persoal. Pero nada máis.
Para todo o demáis, a sorpresa, a vixiancia e a contundencia.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora