Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Terra achaiada en agosto

miércoles, 27 de agosto de 2014
Compás social

En agosto sol rostro, di o refrán. Ó poeta Xosé Mª Díaz Castro tampouco se lle escapou a experiencia que ano tras ano lle ofrecían no mes de agosto os agros dos Vilares e do Buriz, as terras de Parga e do concello de Trasparga, hoxe chamado de Guitiriz desde os anos corenta. A sega dos cereais (centeo, trigo e aveas) era un acontecemento que movilizaba tódalas forzas humanas dispoñibles, era un traballo familiar e de axuda vecinal, era unha loita contra o tempo climático que podía ser propicio ou arruinar o froito de todo un ano. Era un especial esforzo colectivo, unha ledicia para grandes e cativos, un rito total que remataba co balance da recolleita anual poñendo baixo teito o grao dos cereais e a palla ben aproveitada e protexida en palleiros.

En agosto, o mes do gran sol, o agro cambiaba de aspecto, a terra volvía a ser achaiada pola sega que reconvertía un mar de espigas onduladas nun restrollo de couces de palla. Como todas as leiras eran contiguas formando un gran vilar, enchíase o agro de xente: de rapaces novos portando porrróns de auga, de mulleres coa cesta da comida na cabeza, de homes cun mazo de fouciñas ó ombro ben envoltas cun atillo de corda ou de xuncos e coas pedras de afiar na man. Como a experiencia sempre vale un grao, ó poñerse a segar, abrían corte os homes máis vellos e logo seguíanlles as demais fouciñas. Era todo un rito coas súas regras non escritas, mais indiscutibles, ou funcionais como diríamos hoxe.

O poeta percibiu aquel fenómeno natural e social coma unha gran festa: "¡Ei, o sol, niño ardendo nos luoreiros! / ¡Ei lediza do agro cheo de homes! / Nos meus ollos de neno lapas, hoxe / terra rebada". Todo eran lapas de luz nos ollos do neno chamado a ser o poeta cantor daquel acontecemento. As fouciñas desenfundadas impoñían: "Lóstrobos enroscados das fouciñas / e voces grandes coma a de meu pai! / Ruxir aceso das paveas, hoxe / praias do vento". A palabra dos maiores e a acción de empavear levan un ritmo acompasado. As espigas tumbadas sobre o restrollo, froito esperado tantos meses do ano, merecen unha ollada garimosa: "Sobor da lapa das espigas, ei! / un son de frauta ou chafarís de ameixas. / Muiñeiras de anxos polos trigos, hoxe / sombras alleas". Todo e todos eran sons de festa.

O neno con sensibilidade de poeta volve a fitar ós segadores: " Uns beizos duros co cigarro ó enxizgo / moulando hestorias dos cañós de Cuba. / Un neno atúa ós petrucios, hoxe / polo caladiño". Os descansos para afiar as fouciñas eran un momento privilexiado de socialización: os vellos curtidos e fumadores empedernidos contaban historias da guerra de Cuba, algunhas delas vividas en primeira persoa, outras recollidas dos antergos e outras máis quezabes en parte inventadas. Os cativos abrían, podo dicir abríamos, uns ollos coma pexegos e facíamos preguntas de ti a ti ós petrucios de rostro arrugado e queimado polo sol e polos os anos. Todo era aceptado sen máis.

O poeta reconstrúe o seu memorial de neno, e descríbenos as súas reaccións: "Bérrolle ó sol bendito, o can raxado / que abrouxa o sono dos carballos, ei!, / ás maus olendo a tarde de espigas, hoxe / terra na terra. // Bérrolle a nena coa mazá nos dentes / que perdeu o seu nome tralo Atlántico, / berro nas portas do outro mundo, e non oio / máis que o meu berro!". Todo son lapas, todos son berros festivos; mais ó fin todos son só berros que se reproducen a si mesmos.

Unha vez máis neste poema encontramos esa harmonia da natureza e da sociedade rural que, como nos di o poeta noutros versos, aquela beleza fireuno para sempre. Os ciclos da nartureza e do traballo humano enlazábanse nunha sinfonía de música e festa, aínda que os tempos da sega e da malla requerían un esforzo humano moi duro. No última estrofa apela as portas do outro mundo, mais só oe o eco do seu propio berro. En case tódolos poemas de Díaz Castro hai unha ansia de ir máis aló da experiencia concreta, un afán de encontrar en todo un sentido transcendente.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES