Castelao, hoxe
Santalla, Iago - miércoles, 27 de agosto de 2014
Hai autores que constitúen unha referencia moral que os fai atemporais na historia dun pobo. O problema vén cando esa atemporalidade está presa das teas de Penélope que tan ben retratou Xosé María Díaz Castro. Xeralmente, os autores atemporais cadran con aqueles que teñen o nome escrito con letras de ouro na historia do seu pobo, como é o caso de Castelao.
Unha vez máis hai que dicir que Castelao foi o máis grande defensor da diversidade cultural e humana que tivo Galicia e fixo esta defensa dende a arte tanto gráfica como literaria, sendo recoñecido como artista e xenio incluso dende os polos opostos ao seu pensamento, si, dende eses polos que o levaron ao exilio arxentino do que xa non retornaría. Polo tanto, Castelao é unha figura indiscutible que permanecerá sempre ligado á diversidade humana e á defensa constante do desenvolvemento de todos os xeitos de vida así como da liberdade e da democracia.
Ás veces arrepía ver reflectidos nos debuxos de Castelao os mundos de hoxe e cavilar en que a cousa non cambiou moito ou, polo menos, non cambiou o suficiente como para dicir que somos un país maduro. Aquela vergoña que retrataba Castelao no cartel pro-estatuto do 36 segue vixente. As nosas vacas aínda non teñen no mesmo sitio o presebe que os tetos pero, alén desto (que é cousa sabida) Castelao foi un profundo defensor dos máis febles, alimentando a súa ansia de emancipación e, cando non era posible, reflectindo a súa anguria nun clamor pola igualdade e polo dereito a existir vindo na diferenza.
É doado empatizar con Daniel cando debuxa unha nai e un fillo que preguntan e pra que serven os diputados? E a nai responde eu non o sei, meu fillo. Con debuxos e pequenos comentarios, Castelao deixounos constancia dunha sociedade, en certo modo, estamental e clasista na que as situacións límite sinxelamente non tiñan futuro e é por ese futuro polo que Castelao ergue a súa voz.
Aquí é onde se ergue o nexo entre o noso tempo e o de Castelao, ben reflectido nun debuxo onde un home lle di a outro hay que defender a España e o outro contéstalle mellor sería que España nos defendese a nós.
Novamente, parece que Castelao teima en descubrirnos a diversidade que nos negan ao tempo que nos describe artimañas de caciquiño que ás veces se reflicten en feitos da realidade. Nun debuxo, un político abre un arca e di: cuando el arca esté llena seremos ricos, e un labrego contesta e quén vai te-la chave?
Velaí a gran incógnita da España de hoxe, se temos a chave da casa en mans seguras ou se desa chave se están facendo múltiples copias para espoliadores.
Eu quedo co retrato diverso e poliédrico que fai Castelao dunha sociedade afeita a sucar tempestades a través da historia encadeada en continuas voltas atrás.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora