Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cantares do Brión

martes, 26 de agosto de 2014
No devalar dos anos sesenta e dous/sesenta e tres do século pasado, cando eu era un mociño e cursaba o bacharelato, nas longas sesións de estudo nocturno, os xoves adoitaba facer unha paradiñas ás doce da medianoite para tomar un café do contrabando que nos traía unha veciña, a señora Virginia, unha arraiana de Monçao, e escoitar en RNE un programa que dirixia e presentaba o xornalistas eumés Manuel Torreiglesias, titulado “Pandeirada”. Aquela emisión radiofónica podíase escoitar en calquera recuncho de España e do mundo ao que chegasen as ondas hertzianas da radio pública. Era unha hora ininterrompida de música galega na que se programaban audicións discográficas das grandes agrupacións corais daquel tempo e anteriores : Coral de Ruada, Cantigas e Agarimos, Cantigas e Flores, e das gaiteirís dos Irmáns Garceiras, ou as vellas fonografías dos gaiteiros de Soutelo de Montelos dirixidos por Avelino Cachafeiro, ou de Faustino Santalices cantando coa súa inconfundible voz “Don Gaiferos de Mormaltán” tanguendo a zanfona.

Aquel programa radiofónico agromou en min vellas lembranzas cando sendo un meniño de moi poucos anos escoitaba na casa, no vello gramófono, os centos de díscos de pizarra que meu avó gardaba da súa época de taberneiro. Gravacións de música tradicional galega que ben veces escoitei. Lémbrome dunha casa discográfica, “La Voz de su Amo”. Gardo con moito mimo un da Tuna da FUDE da Universidade de Santiago, nada troiana, dirixida por Luís Seoane con pezas de exquista execución: “Alborada de Veiga”, “Follas Novas”, “Unha noite na eira do trigo”… Música imperecedeira que deixou en min un forte pegada e determinación na conciencia política que anos despois había ter e difundir. A ela seguín sendo fiel sen que os modismos musicais snobistas que se foron sucedendo – “pop”, “rock”…- prendesen en min e me fixesen cambiar o gusto polo tradicional.

Eu sabía pola tradición oral escoitada no ambiente familiar da importancia que tiveron os orfeóns no primeiro terzo do século XX, e os seus agardados e sonados certames que se celebraban en moitas vilas e cidades galegas asistidas por un público profano na arte da música culta pero cunha sensibilidade acusada polo cancioneiro galego. A rivalidade entres os orfeóns era tal que non se lle permitía a ninguén que presenciase os ensaios previos ao certame. Eran tempos nos que as sociedades recreativas, agrarias e obreiras tiñan cadanseu orfeón do que se sentían orgullosos e ao que seguían en todas as súas actuacións. En certa ocasión alguén da “competencia”, enmascarado nos cortinóns do escenario, foi sorprendido polos orfeonistas que estaba ensaiando advertídonlle ao director, que era o egrexio músico Iglesias Vilarelle, que alguén estaba axexando para “copiarlles o matiz”.

Cando escribo estas liñas estou aínda emocionado por escoitar por enésima vez unha actuación dos meus amigos de “Treixadura” aos que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística lles dedicou este ano a campaña das “Mil festas máis para a lingua galega”. E con esa fermosa evocación lembro tamén a Manolo Dios que durante tantos anos dirixíu a “Coral de Ruada”, ou “Cantigas e Agarimos”, que ata hai ben pouco presidíu o amigo Antón Fernández, natural das terras altas e frías de Vilariño Frío.
Máis velaquí que estando envolveito pola maxia destas músicas corais chégame, enviada polo tamén amigo de vellos compromisos políticos aínda non contados con rigor, Xosé Manuel García Crego, “Arruídos”, un disco do “Coro Tradicional Cantares do Brión”, de Vincios, que el preside con exitoso acerto; unha gravación na que se recollen pezas tradicionais do noso cancioneiro popular interpretadas co requintado estilo do seu director Pablo Rial Salgueiro, que soubo darlle ao coro un estilo propio.

Antón Vilar Ponte, a quen se refire Antonio Raposo Vidal,un dos prologuistas deste disco,dixo : “ a nós interésanos máis un coro galego que un deputado en Cortes por Galicia”. Eu, arromedándoo, atrévome a dicir que un coro galego pode facer máis pola nosa cultura que un grupo parlamentario, por moi esaxerada que puidese parecer a afirmación.

A música tradicional galega co tratamento respectuoso e coidado de agrupacións como as mencionadas, son merecentes de maior atención polas comisións de festas do País tan afeitas aos malfadados papanatismos aos que nos teñen afeitos.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES