Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ofrenda a Sta. María e S. Ramón

lunes, 25 de agosto de 2014
Nosa Señora Santa María. Noso Señor San Ramón.

Ó remate destes días nos que o ceo da Chaira se vestiu e de luz e de color e nos que as rúas e prazas de esta «Vila Alba» estiveron máis fermosas, lucindo as mellores galas para acoller a riada de chairegos e non chairegos que, en obrigada romaxe -case ó final de verán- compartiron connosco estes días de festa na vosa honra, os veciños da parroquia de San Martiño de Distriz -este ano en representación das trinta parroquias que compoñen o concello de Vilalba-, poñemos, como escribiu Uxío García Amor,

«ós vosos pés a nosa cesta
onde van a tristura e maila euforia
dun ano que pasou pola memoria,
mollando o desencanto coa protesta».

Nesta cesta, cos produtos da nosa terra, van tamén a nosa gratitude por este ano que pasou e o noso agradecemento por permitirnos celebrar un ano máis a vosa festa.

Poñemos ademais na cesta os problemas que esta aguda crise está a provocar entre nós: moitas persoas sen traballo e sen perspectivas de telo, moita xente que o está pasando moi mal, moitos xoves para os que a única perspectiva de futuro é a emigración, moitos maiores sós, familias que perden a súa casa... Hoxe, nesta mañá, nosa Señora Santa María e noso Señor San Ramón, rogámosvos pola solución de todas estas dificultades.

Pedímosvos, como o fixo o poeta vilalbés Xosé María Chao Ledo:

«Volve ó meu corpiño, volve
a malgastada saúde,
volve a túa virtude
o seu antigo vigor
e dá paz e dá sosego
á ialma que en pena loita,
o triste xemer escoita
do que acode ó teu amor»

Por último, nosa Señora Santa María e noso Señor San Ramón, suplicámosvos que todos e todas poidamos o ano que vén, como escribiu Manuel María, o cantor da Terra Chá,

[...] vir a esta festa maior
compartir coa nosa xente o pan, o viño, o amor...!

Que así sexa.


Nota: Este texto foi lido o día 8 de setembro de 2013 na Eucaristía que tivo lugar na igrexa parroquial de Santa María de Vilalba co gallo da ofrenda do Día das Parroquias na festa do San Ramón de Vilalba. Leu este texto a rapaza Cristina Muñiz Santalla, veciña de San Martiño de Distriz.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES