Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alvilares: El contagio del tedio

lunes, 25 de agosto de 2014
Xosé Alvilares “El Contagio del Tedio”.

Presente y futuro de la Iglesia en Lugo

Xosé Alvilares volve sobre problemas que xa tocara noutras ocasións e máis en concreto en 2011 coa súa publicación “Penitencia Pública.¿Rebaño episcopal o Pueblo de Reyes?” O autor pon letra e música á situación de Igrexa diocesana de Lugo, realidade que, en gran medida, comparte toda a institución eclesiástica española.

A preocupación polas cuestións relixiosas de Xosé Alvilares vén de lonxe, autor, entre outras obras, do libro “Dios en los límites”, cualificado polo P. José Mª Díez Alegría como un dos libros máis interesantes que tiña lido na súa vida.

O libro, publicado hai poucos meses, consta de 108 páxinas nas que analiza a Igrexa de Lugo, o difícil desenvolvemento dunha leve urbanización rural co conseguinte avance na conquista dos dereitos civís e relixiosos da man do Concilio Vaticano II e dos cambios políticos dos últimos anos pese á renitencia do poder civil e eclesiástico.

Unha constante no pensamento de Alvilares é a denuncia da apropiación do público e a privatización do común, “tómase posesión da Diocese” como describiron as crónicas a chegada de don Alfonso Carrasco Rouco, sobriño do cardeal Rouco Varela, como bispo de Lugo, faise carreira eclesiástica. Oportunamente o Papa Francisco recomendaba que os que queiran ascender fagan escalada, pois, na Igrexa non teñen cabida. A Igrexa máis que Sociedade, é Comunidade. “A sociedade, di, une os seus membros na consecución de obxetivos comúns e apóiase en relacións frías.
A competencia, a rivalidade,a indiferenza entre persoas son as súas notas. A comunidade apóiase, en cambio, en relacións cálidas, fortemente impregnadas de afectividade, en vínculos naturais. A mesma idea de comunidade pertence á de participación e comunicación entre os seus membros, á súa igualdade sen reservas, á crítica interna”, porque “a Igrexa é unha corporación viva e faltaría algo da súa vida se carecera de opinión pública” advertía Pío XII en 1950.

A situación actual da diocese de Lugo non anima á esperanza, o seu horizonte, como paisaxe en día de néboa, móstrase cerrado baixo o tedio, afirma o autor.

O Decreto Conciliar sobre a función pastoral dos bispos, Christus Dominus, recorda que os bispos teñen o deber primordial de se achegaren ás persoas e buscar promover o diálogo con elas, que se distingan pola claridade da linguaxe, pola humildade e a delicadeza. Para verificar se isto se cumpre, o autor pon a disposición dos lectores algúns textos que reflicten a teoloxía que manexa don Alfonso Carrasco Rouco e que eles valoren se suscitan ilusión ou tedio.

Conclúe o autor recordando que a Igrexa é historicamente o instrumento e o espazo -o sacramento- nos que a herdanza de Xesús, o seu Evanxeo se fixo e se fai presente aos homes e mulleres de todos os tempos.

Indiferenza, pasividade, aburrimento, conformismo, derrota, fracaso é, con frecuencia, a imaxe que percibimos da nosa sociedade e das nosas comunidades relixiosas, sería necesario rebelarse, para non nos converter nun rabaño de bravos touros de lidia. Pero tampouco nun rabaño de carneiros soporíferos, como remata o autor citando a Julio Camba.

A lectura de El contagio del tedio pode ser unha invitación a unha reflexión serena e sincera para evitar aquilo que Bernanos reflectía nas palabras do cura rural: “Repítome a miúdo que o mundo está devorado polo tedio. Os homes coñecen ben ese contaxio do tedio, esa lepra. É esta unha desesperación abortada, unha forma vil da desesperación, algo así coma o fermento dun cristianismo descomposto” xa afirmaba hai poucos días o papa Francisco: o que non se move corrómpese. De certo que o futuro será daqueles que sexan capaces de mover as vontades polo camiño da ilusión e da esperanza.
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES