Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Biblioclastia franquista

viernes, 22 de agosto de 2014
Moito se leva escrito sobre a represión que o profesorado do Ensino Público e o Maxisterio en xeral padeceu coa chegada da Guerra Civil Española e a longa Posguerra que a sucedeu. Porén, son ben máis contados os estudos que se centraron na depuración desoutro colectivo de vital importancia para o asentamento e expansión da cultura da lectura e a instrución pública que é o Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA). Grazas ao seu esforzado traballo, o analfabetismo da poboación española, que era antes dos tempos da II República escandaloso, reduciuse notablemente e iniciativas como as Misións Pedagóxicas ou a Xunta de Intercambio e Adquisición de libros para Bibliotecas Públicas (ambas botadas a andar en 1931) lograron cambiar o panorama formativo do territorio estatal, sobre todo facendo accesible a Cultura e o Libro ao eido rural, ata entón practicamente desatendido.

Mais todos estes avances esfarelaron coa sublevación militar do 17 de xullo en África polo xeneral Francisco Franco Bahamonde. A vitoria do bando fascista impuxo unha depuración a fondo do CFABA para purgar do mesmo calquera presenza que lembrase os ideais republicanos de alfabetización e instrución xeneralizada da poboación que ata entón viñeran promovéndose. Unha sentenza do que foi o primeiro dos ministros de Educación Nacional do réxime franquista (non escribo o seu nome porque non merece lembranza) resume o novo espírito apocalíptico que a Ditadura franquista impuxo contra un organismo que se significara tan positivamente na obxectiva mellora das condicións de aprendizaxe e formación das xentes ata ese momento: “Si en algún Ministerio hay que entrar a sangre y fuego, sin respeto a lo preexistente, es el de Instrución Pública, cuartel general de los enemigos de España”. E dentro dese ministerio, xaora, aos profesionais da CFABA tocoulles xogar o papel de ‘enemigos’ do ‘nuevo Estado’, polo que en moitos casos foron expulsados, postergados ou trasladados a unha situación marxinal para silencialos.

Toda esta lacerante realidade, das miserias e as inxustizas que provocou, mesmo dos episodios de biblioclastia aos que conduciu dá cumprida conta o moi documentado ensaio de Francisco Xavier Redondo Abal Bibliotecarias e bibliotecarios ‘infames’, publicado por Laiovento co revelador subtítulo de ‘A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego’. Máis aínda, mercé ao paciente labor deste estudoso pontevedrés sabemos tamén de máis de media ducia de casos paradigmáticos de bibliotecarios e/ou arquiveiros que tiveron que sufrir en carne propia a humillación de verse perseguidos e relevados dos seus postos simplemente por facer ben o traballo e non comungar cos ideais fascistas que a Ditadura franquista impuña. Profesionais como Teresa Vaamonde Valencia, Luisa Cuesta Gutiérrez, María Brey Mariño, Nicéforo Cocho Fernández, Ramón Iglesia Parga, Juan Vicens de la Llave, María Muñoz Cañizo ou Juana Capdevielle San Martín ven historiada a súa tráxica circunstancia por Redondo Abal, quen completa o seu impecable traballo con moi interesantes capítulos dedicados á política do ‘novo’ Ministerio de Educación Nacional, o ‘escuro funcionario’ que actuou como xuíz instrutor destes casos ou algunhas cuestións marco lexislativas que explican todo este desastre. Por suposto, tamén son de lectura proveitosa o epílogo ‘Ai, dos vencidos!’, o apéndice documental no que se reproducen dous dos pregos de descargos dos casos amentados para exemplificar os absurdos procesos que contra destas persoas se incoaron e mais as listaxes finais sobre ‘Partidos políticos, sindicatos e agrupacións’, ‘Organismos oficiais e outras institucións’ e ‘Fontes primarias e a bibliografía citada’ que teñen ampla e abondosa presenza nas páxinas do libro, acaidamente prologado por Manuel Rivas.

A Francisco Xavier Redondo Abal debiamos xa O fulgor e as tebras: as bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil (editado tamén por Laiovento no 2009). Pois ben, agora a nosa débeda aumenta con este ilustrativo Bibliotecarias e bibliotecarios ‘infames’: a depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego, que completa unha xeira investigadora que ben merece coñecerse e aplaudirse.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania