Blancos de la ira
Santalla, Iago - miércoles, 20 de agosto de 2014
Blancos de la ira é unha viaxe de Jon Sistiaga pola Tanzania máis profunda, aquela que permanece ancorada na propia mitoloxía estigmatizadora e radicalizada na súas prácticas máis violentas.
Esta mitoloxía considera ás persoas albinas como seres sobrenaturais que se tornan fantasmas e nunca morren senón que se esvaecen. A mesma mitoloxía difundiu ideas tan absurdas como que mutilar a un albino da sorte ou que a violación dunha muller albina cura o sida. Todo isto leva á contradición de que sendo apartados e rexeitados socialmente, tórnanse o ben máis cobizado por aqueles que seguen as leis da bruxería e da maxia negra.
Estes dous aspectos fan que a vida dunha persoa albina en Tanzania estea en constante perigo.
Rexeitados e cobizados, o seu corpo serve para dar sorte a aqueles que menos teñen e que caen nos enganos desta maxia non é cousa do pobo máis feble. Jon Sistiaga atopa políticos que recorren a esta maxia para gañar eleccións, pódese dicir que esta é unha maxia institucionalizada.
A persoa albina é considerado por eles como un espectro, unha presenza demoníaca a partir da que se xera todo un negocio a costa das persoas máis febles. Neste deserto de humanidade Jon Sistiaga atopa oasis para a esperanza, trátase de persoas que loitan pola protección e os dereitos do colectivo de persoas albinas.
A ONG Under the same sun ten un albergue onde se da protección e formación a estas persoas e, tamén, existe un servizo chamado TAS intentando crear un rexistro de persoas albinas en Tanzania, algo moi complicado xa que a súa vida é unha continua clandestinidade. Aínda así, dende estas institucións tratan de loitar polo seu desenvolvemento.
De acordo con Sistiaga, a industria cinematográfica nixeriana (Nollywood) contribúe a alimentar estes mitos a través de sanguentas películas. O documental retórnanos de novo a ese extremo no que a crueldade humana nos arrepía pero, ademais, convídanos a reflexionar sobre ata que punto unha crenza é aceptable e sobre a necesidade de facer que os dereitos humanos sexan realmente universais.
Desta reflexión, coido que é preciso desmitificar realidades e defender, ante todo, o dereito da diferenza humana a desenvolverse e a ser ela mesma en todo tempo e lugar mais cando penso niso, caio sorprendido na idea de canto nos queda por avanzar.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora