A caracola de Cela
Fernández, Suso - lunes, 18 de agosto de 2014
Entre os anos 1906 a 1908 en que foi trasladado a Carril, na ría de Arousa, residíu en Foz, no cargo de Administrador de Aduanas Camilo Cela, escritor e xornalista, pai do Nóbel de Literatura Camilo José. A estadía daquél na vila focega coincidiu coa de outros dous intelectuais: o mindoniense Antón Noriega Varela, eximio poeta, mestre na Escola de Fondós e o viveirés Antón Vilar Ponte, boticario, escritor e xornalista; político cuxos anceios nacionalistas agromaran en Foz, según propia confesión, e que anos mais tarde, co seu irmán Ramón, foron os principais impulsores das históricas Irmandades da Fala.
Da convivencia entre os tres homes de letras xurdeu a publicación do que foi o primeiro xornal editado en Foz: ¡Guau,,Guau! polo que Camilo José Cela, o fillo, interesouse alá polos anos sesenta e do que, que saibamos, só existía unha colección, incompleta. O autor de La familia de Pascual Duarte, La Colmena, Mazurca para dos muertos, Del Miño al Bidasoa e outras famosas novelas, dirixíuse ó propietario da mesma ofrecéndolle por ela as súas obras completas, adicadas. Non houbo acordo e o trato non se consumou. Tempo mais tarde e dende a Peña O Lar, remesouse ó escritor de Iria Flavia, entón residente en Palma de Mallorca, fotocopiada, a colección completa do¡Guau, Guau!. O literato acusou recibo da mesma cunhas verbas autógrafas de agradecemento.
Hai uns anos a Asociación Cultural A Pomba do Arco tivo a feliz iniciativa de editar o facsimel do xornal, que a poboación apenas coñecía, facilitando o acceso ó mesmo e hoxe figura nos fogares focegos co aprecio do que o seu valor histórico e cultural, e mesmo sentimental, é merecente.
Daniel Hortas, xornalista e escritor, inesquecible amigo, no libro Y luego Lugo
¿qué? relata que en xuntanza de galegos en Madrid á que él asistía, o Premio Nobel contou que o único recordo material que conservaba do seu pai, era unha caracola mariña engarzada nun aro de ouro, a través da cal podía escoitarse o bruar do mar de Foz.

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora