Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mondariz, no devalar do tempo

lunes, 18 de agosto de 2014
NO DEVALAR DO TEMPO. ANIVERSARIOS EN MONDARIZ

Refírome ao Concello de Mondariz-Balneario que se constituíu en 1924 e do que foi concelleiro o poeta Ramón Cabanillas. Unha entidade territorial que pola súa historia, ubicación xeográfica, patrimonio arquitectónico, tradicional e monumental, ben puidera ter un tratamento xurídico especial acolléndose á Lei 16/1985 de 25 de xuño do Patrimonio Histórico Español que no seu artigo 15.5 declara Sitio Histórico a “aquel lugar ou paraxe natural vencellado a acontecementos ou lebranzas do pasado, as tradicións populares, creacións culturais ou da natureza e á obra do home, que posúan valor histórico, etnolóxico, paleontolóxico ou antropolóxico”.

O teor literal deste precepto foi incorporado á Lei 8/1995,do 30 de outubro do Patrimonio Cultural de Galicia.

Mondariz-Balneario é un territorio que reúne todas esas características que son o legado que nos deixou Enrique Peinador Lines, o empresario máis lúcido que tivo Galicia no primeiro terzo do século pasado. Vivíu nun período histórico no que estivo abafado polas élites políticas máis reaccionarias de Galicia. Contou un periodista que acompañaba aos liberais en viaxe de propaganda política, que pasaran por Ponteareas porque “el Sr. Bugallal nos permitió el paso, pues pudo levantar el rastrillo, colocar sus fuerzas en las almenas de su torreón y tratarnos como a habitantes del llano”, e engadía máis adiante, referíndose ao momento de entraren en Mondariz: “Ya hemos pasado del dominio del Sr. Bugallal y hemos entrado en el del Sr.Peinador. Podemos, pues, respirar”.

Mondariz-Balneario foi o territorio escollido pola familia Peinador para a recreación dunha Galicia ideal na que agromasen iniciativas que dinamizasen un País sumido na pobreza. Nas versallescas estancias do seu hotel celebráronse encontros de gran trascendencia para a ciencia médica, desenvolvemento económico de Galicia e para a protección do riquísimo patrimonio cultural. A maiores, Enrique Peinador Lines foi o pioneiro desa fórmula tan recorrente na teoría económica do I+D+i á que el lle engadíu o G de galeguismo, como elemento decisivo na inculturización empresarial.

O ano 2015 ofrécenos a posibilidade de conmemorarmos aniversarios diversos. Será o centenario do nacemento da revista “Mondariz”, editada polo Balneario.Desde a súas páxinas autores de prestixio intelectual divulgaron os seus coñecementos e propostas; cumpriranse noventa e cinco anos da inauguración do treito do tranvía Vigo-O Porriño que tiña como fin de traxecto Mondariz-Balneario; das sesións extraordinarias de ingreso na Real Academia Galega de Ramón Cabanillas e Rey Soto celebradas os días 30 e 31 de agosto de 1920; e da constitución da Sociedade de Amigos de Galicia promovida polo propio Enrique Peinador, García Martí, Ramón Cabanillas e Valle Inclán. A estas efemérides hai que lle engadir o setenta e cinco cabodano do pasamento de Enrique Peinador Lines, que será o limiar da celebración do cento corenta aniversario do seu nacemento no ano 2016.

O xornal “El Día” publicou na edición do 19 de xullo de 1934 unha longa entrevista a Enrique Peinador, “o cónsul do galeguismo” como lle chamara Xoán Carballeira, aproveitando a súa visita a Euskadi para participar nun acto do GALEUZCA representando ao Partido Galeguista, na que manifestaba que o galeguismo “por moitos inimigos que aínda teña a súa doutriña política, inspira, como falanxe intelectual,o respecto dos máis asañudos inimigos”.
Longa vida para a memoria de Enrique Peinador Lines!

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania