Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Son evidencias...?

viernes, 15 de agosto de 2014
Non ignoro o atrevemento que comporta declarar como evidentes feitos, sucesos ou eventos que se nos presentan con claridade na natureza ou na historia, porque novas perspectivas froito de avances científicos e máis precisas e acertadas interpretacións poden derrubar ás máis prudentes conxecturas tidas por evidencias.

Permítanme que lles diga que a miña referencia ao evidente non vai dirixida a una visión inmediata e clara dunha realidade, de tal maneira que sexa indiscutible e implique, sen máis, aceptación da veracidade da mesma.

Non; trátase dunha visión dende a miña propia percepción desa realidade á que logo me refiro: Os que saben disto dirían que é unha “visión” EX, de aquí E-videncia, unha visión DESDE o que eu vexo. Xustamente por iso, o epígrafe vai en interrogación.

Descúlpenme a pedantería; pero penso que é unha maneira de adiantar, por si acaso, a xustificación de que o que eu vexo agora coma evidente, nunha fecha próxima, poida ter confirmación ou refutación. Esa fecha será a das futuras eleccións. Por tanto, estamos en presenza dun paradoxo: Dunha evidencia a prazo. Quizabes aínda quede tempo para levantar a lebre e acertar o tiro.

Todos os medios de información resaltaron ese terceiro lugar (cun 15% dos votos) que ocupa Podemos na última enquisa do CIS, e tamén o impacto que acusan os partidos políticos tanto no abano da dereita como da esquerda, por máis que o traten de minimizar. Hai nervios...!. É evidente. Non se fían dos apoios habituais.

Esqueceron por moito tempo que detrás deles hai un pobo que xa non é aquel do século pasado. As novas xeracións contan cunha formación que lles permite valorar argumentacións, non lles impide sentir cos que padecen, nin solidarizarse cos desafiuzados, nin opoñerse as inxustizas, e tamén, é mester dicilo, “saltarse á toureira” algúns atrancos legais, incluso, a veces, sen pararse a ponderar os seus desenfreos.

Que o poder de convocatoria, hoxe en día, é inmenso, tamén é evidente: Nunhas horas estamos en contacto uns cos outros en todo o país, e incluso con sectores ben definidos do estranxeiro.

Tampouco amedrentan a ninguén os ritualismos nin as artificiosas prestancias que dan solemnidade a certos actos e actuacións oficiais. Máis ven os ve o pobo como coma un afán de teatralizar o que esixe cordura, ponderación e seriedade, a estas alturas do século XXI.

Os logros relativos do goberno, sen dúbida evidentes na súa xusta apreciación, non son valorados no seu propio alcance, porque, aínda compartidos por cidadáns de sosego ideolóxico, están no camiño desa desproporción que se mantén entre pobres e ricos ben situados.

Todos sabemos que quen máis está necesitado da austeridade como virtude é a clase con medios económicos abondosos, que non se recata en facer alarde deles, lacerando as angustias dos moi necesitados: Once coches de primeira gama fortalecen a evidencia deste aserto, e evidencian a incrustación, como se de xoias se tratara, nos comportamentos, dun certo grao de necidade, que avantaxa ao talento porque da unha satisfacción de si mesmo (dixit Napoleón) e dota de arrogancia.

Hai, tamén, que insistir na confabulación dos políticos para manter os seus privilexios, non só económicos, senón de trato especial pola súa máis ou menos sincera adición ós que din representar os intereses de todos os españois. Pero o pobo sabe tomar nota dos agravios solapados so capa das máis cínicas actitudes e dos mal disimulados sectarismos partidistas.

Polo que se ve (recorden as manifestacións dun señor fiscal), tamén é evidente a teimosía de manter á acusación pública controlada polo executivo da quenda. Si, no cárcere hai persoas significativas; pero a ringleira de indultos e a prescrición evitable dos delitos non se ceba certamente cos máis necesitados de comprensión e acollida social.

Son estas e moitas outras evidencias as que posiblemente reciban resposta electoral nas mans de Podemos. Non se estrañen. O pobo, xa o dixemos, élles outro, e vostedes sen decatarse...!, ou tal vez escravos do egoísmo e da ostentación dun poder que non lles pertence, senón ao mesmo pobo, que poida que faga uso del, sen descartar tampouco ó risco do desacerto.

Pero isto é o que foron buscando moitos dos nosos políticos, únicos responsables dos avatares futuros de España, incluída a súa identidade nacional.

Preguntamos polas evidencias, porque, como é ben sabido, as posibilidades que vai ofrecendo cada etapa da Historia adoitan variar bastante, e tampouco hai garantías de que os xestores do ben público as aproveiten con oportunidade e adecuación, máxime nun contexto no que os vectores que representan as tendencias globais aínda non están definidos. Recorden, se non, o recente bloqueo ruso ás exportacións da UE. O problema de Ucraína ben merecía un trato a tempo e moito máis intelixente, cunha previsión calculada das consecuencias; senón que non se fixo...!.

Pero tampouco hai que fiarse das ofertas oportunistas: Os liderados, nuns pobos con niveis aceptables de formación, soen ser débiles e esvaecidos, ata o estremo de verse obrigados a crear redes de coadxuvantes con elementos tan hipocritamente adictos que, cando perden as prebendas dos postos que se lles asigna, convértense nos máis perigosos inimigos.

Exemplos disto hai abondo: Desde a infidelidade persoal e ideolóxica ata testemuñas de confidencias privadas, que depoñen no ámbito xudicial, con non desprezables repercusións públicas. E aínda que é algo que sempre houbo, a fortaleza dos liderados doutras etapas era capaz de diluír as consecuencias nun pobo de “súbditos”. Hoxe en día, afortunadamente, as xentiñas levántanse cedo e xa están de volta!.

Podemos, pois dicir, que quen xoga sen as evidencias que ten o contrincante, corre o risco de perder. É esta a esperanza de Podemos?.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES