Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As bicicletas, saúde e perigos

martes, 12 de agosto de 2014
Compás social

As bicicletas son de modo especial para o verán. Bicicletas para nenos, para rapaces e para adultos; bicicletas de paseo ou medio para desprazarse ó traballo, bicicletas de montaña ou urbanas. A xa dilatada historia da bicicleta ofrécenos unha diversificación e especialización crecentes. Mais recentemente deuse unha eclosión masiva das bicicletas urbanas como medio de transporte para moverse o traballo ou simplemente para visitar a cidade. Esta invasión de ciclistas nos espazos urbanos e nas vías interurbanas está traendo uns perigos evidentes, uns menores e outros letais, diante dos que están definíndose os medios de comunicación, as autoridades locais, os peóns, os condutores de vehículos, as asociacións de ciclistas e outros grupos sociais. Estes perigos son xa unha cuestión maior que merece unha atenta reflexión. As bicicletas son saúde e tamén un perigo evidente.

Formei parte dunha xeración de nenos e rapaces rurais que non tiveron bicicletas de fabricación industrial, mais esta carencia solventámola creando artefactos de madeira semellantes ás bicis que eran auténticas obras de arte. Tiñan unha limitación básica: só podíamos montar nelas e facer competicións escolares nas pendentes abaixo. De estudante, nunha cidade do corazón de Europa e durante máis de catro anos, despraceime en bicicleta desde a estación do tren a facultade universitaria utilizando o carril bici de varias rúas e parques do centro urbano. Máis tarde, afincado na urbe madrileña, intentei desprazarme ó traballo en bicicleta; pero enseguida me decatei dos grandes perigos facilmente perceptibles. Un tráfico intenso e ausencia total de carrís bici disuadírome de calquera intento temerario. Queden estas notas como testemuño da miña querenza, case paixón, pola bicicleta.

A situación cambiou substancialmente nos últimos anos, en cantidade e calidade. As rúas e beirarrúas, as estradas principais e secundarias, os parques e os montes enchéronse de ciclistas de tódalas idades; as autoridades municipais promoveron o uso das bicicletas por razóns diversas ou por simple moda; diversas asociacións, ante algúns accidentes graves, fan todas clase de razoamentos sobre as causas deses sinistros que os medios de comunicación, especialmente as radios, repiten sen fin. Todos eses discursos parecen impoñerse como obvios, mais non logran convencer ni persuadir, porque o problema é máis complexo do que o presentan. Nin Madrid nin outras cidades están preparadas para acoller este novo fenómeno social masivo.

Para saír de dúbidas e superar estes discursos parciais e saírmos desa preguiza de ver sen fitar, sen mirar con atención, é conveniente observar atentamente durante un tempo o que ocorre no noso barrio, na nosa cidade e noutros entornos máis amplos cos peóns, cos patinetes infantís, coas bicicletas, coas motocicletas, cos turismos, cos camións, cos autobuses. O esforzo pode ser monótono, mais vale a pena facelo para superar tódolos tópicos interesados ou parciais. Para iso hai que converterse en peón, en condutor de turismo, en viaxeiro de autobuses, en ciclista; e ollar atentamente sen perder detalle da mobilidade urbana.
Para observar como peón, o meu barrio é unha atalaia suficiente. Un par de amplas avenidas con intenso tráfico e anchas beirarrúas, agora no verán ateigadas de terrazas que ocupan a metade do espazo dispoñible. Por esas vías de tráfico rápido circulan bastantes ciclistas, a maioría pasa correctamente pero unha minoría fai diversos movementos temerarios: "tourean" ós coches movéndose en zig-zag, moi poucos levan casco, non paran nos semáforos e non respectan os cruzamentos, sóbense as beirarrúas provocando situacións sumamente perigosas. O caso máis sorprendente que vin foi o choque nunha beirarrúa dun ciclista cun rapaz subido nun patinete e con varios peóns afectados. De milagre o caso non pasou a maiores.

Como condutor de coche nas vías urbanas e interurbanas puiden constatar bastantes situacións de gran perigo: ciclistas que circulan en pelotón, ocupando toda a calzada e sen poñerse en liña na beiravía; automobilistas inquietos que adiantan sen a debida distancia e invadindo a liña continúa e a calzada do sentido contrario. Pero hai que dicir toda a verdade: no tránsito das pontes, dos pasadizos subterráneos e túneles é imposible gardar un metro e medio de distancia entre os vehículos e ciclistas; resulta, ademais, desacougante ter que ir nunha cola de coches dez ou quinte minutos a velocidade dos ciclistas. As vías públicas que non están preparadas para as bicicletas, non deben ser utilizadas por estas. É unha cadea permanente de graves perigos.

E o mesmo ocorre cando un se converte en usuario de autobuses. Podemos constatar que as dificultades para os expertos condutores de eses grandes vehículos de transporte son enormes cando queren adiantar a un pelotón de ciclistas ou circular o seu ritmo durante un tempo. Prodúcense situacións realmente sorprendentes e temerarias.

As conclusións son evidentes e de sentido común. Tanto Madrid como outras moitas cidades españolas, aínda que xa avanzaron moito, non están preparadas para asumir unha avalancha de ciclistas. As solucións xa se coñecen en Europa desde hai moitos anos: construír vías e espazos específicos para as bicicletas; mais, mentres tanto, as actuais infraestruturas non permiten esta invasión descontrolada de ciclistas por calquera vía urbana ou interurbana sen casco nin medios de protección nin separación das vías. Nin as minorías ruidosas, nin as autoridades locais compracentes nin os medios de comunicación acompañantes deben impoñer razoamentos precipitados, senón que hai que acadar solucións e decisións graduais con normas claras construídas a partir dos diferentes puntos de vista dos cidadáns, sempre en defensa da vida. Están en xogo as vidas de moitas persoas. Bicicletas si, pero non así.

Aquí hai un problema de fondo: o eclipse e a transgresión das evidencias e do sentido común, como ocorre noutros campos da convivencia colectiva. A verdade obxectiva é posible encontrala por encima de ocorrencias e de activismos subxectivos.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES