Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

“A beleza feriume para sempre” (7)

lunes, 11 de agosto de 2014
PREOCUPACIÓN POLA FALA E GRANDE RIQUEZA LÉXICA

En todos os poetas formados no Seminario de Santa Catarina de Mondoñedo se deixa ver unha fonda preocupación pola fala e todos teñen unha grande riqueza léxica. Están en contacto coas xentes do pobo e recollen voces, xiros, refráns, etc. Exemplos disto son Manuel Leiras Pulpeiro, Antón Noriega Varela, Aquilino Iglesia Alvariño... Contan que Noriega e Aquilino, nas vacacións, daban longos paseos por Vilarente e parroquias dos arredores e falaban coa xente e ían recollendo voces, xiros e expresións... que despois incorporaban ós seus versos. O léxico dos seus poemas é o léxico que empregaban os seus veciños.

O mesmo Díaz Castro manifestou: “Eu escribo en galego dialectal, como xa dixeron algúns críticos nas reseñas da miña obra. Un galego de Lugo, e dentro de Lugo desta bisbarra. Que non é un galego perfecto, xa o sei, pero eu quero sempre falar na lingua da bisbarra onde nacín, porque así a miña voz é máis auténtica” (1).

Pola súa banda, Aquilino Iglesia Alvariño escribiu: “Poetas para los que la temática arranca directamente del vivir gallego, de sus cosas y gentes, del campo y del mar, y para los que la expresión es la lengua viva del pueblo, fielmente trabajada, a veces con arte exquisito” (2) .

Alfonso Blanco Torrado, en “Ascensión dun poeta”, escribe, referíndose a Díaz Castro: “mergúllase nos recantos da lingua popular pola que el sempre apostou (...) É unha escrita feita nun galego coloquial, popular, que será sempre unha das características do idioma empregado por Díaz Castro (...) Traballa as palabras coma os canteiros da súa parroquia se entregan a busca-las formas que acochan e esconden as pedras de gra das canteiras de Parga. Un traballo recreador do idioma, pero duro,a golpe de cicel que vai confirmando o seu mundo lingüístico, dando á luz novas formas cada vez máis expresivas” (3).

Por outra parte, Francisco Fernández del Riego di: “Lendo as páxinas de Nimbos decátase un que o seu autor posee unha linguaxe fiel, cinguida, e suntuosa ao mesmo tempo; unha linguaxe de imaxes xustas, sorprendentes de riqueza e de poder de evocación” (4) .

Xosé María Díaz Castro, partindo da lingua da Chaira, da lingua da súa bisbarra guitiricense, elévaa a unha categoría ben alta e fai dela un linguaxe literaria, expresiva e evocadora.

(1).- XIZ RAMIL, Xulio, “Xosé María Díaz Castro: Nimbos de poesía” en Homenaxe a X. M. Díaz Castro, ed. Asociación Cultural Xermolos, Vigo, 1987, páxina 163
(2).- IGLESIA ALVARIÑO, Aquilino, “Poesía gallega contemporánea”, en Humboldt, nº 6, (Hamburgo 1961), páxina 42.
(3).- BLANCO TORRADO, Alfonso, A ascensión dun poeta, (Lugo 1995), páxinas 26, 30, 126-127.
(4).- FERNÁNDEZ DEL RIEGO, Francisco, “A imperdible voz do poeta” en Homenaxe a X. M. Díaz Castro, ed. Asociación Cultural Xermolos, Vigo, 1987, páxina 44.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES