Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De Voces Ceibes a Milladoiro

miércoles, 06 de agosto de 2014
Atopei nas fantásticas librerías do FESTIGAL unha memoria a xeito de libro - disco de Antón Seoane editada o ano pasado por Galaxia e Pai co título que reflicte este artigo e o subtítulo “Unha memoria do movemento popular da canción galega 1973-1978”. Antón Seoane convócanos a unha viaxe pola súa propia xuventude e abofé que é un pracer acompañalo na lectura das súas palabras porque de novo descubrimos unha xeración empeñada en rescatar a súa propia identidade e contar, coas verbas da lingua nai, a realidade vivida e, ao seu xeito, deconstruída. Lendo o libro, sendo consciente da época histórica na que se sitúa, un dáse conta de que o xermolo de Voces Ceibes agromou nunha diversidade musical que recrea unha cultura resistente na memoria das xeracións que aprenderon a “asubiar polo baixo” mentres non lles deixaran “cantar polo erguido”, se se me permite parafrasear ao gran Uxío Novoneyra.

Situámonos na época na que a xuventude deu o salto e empezou a “cantar polo erguido”, non sen riscos e consecuencias (moitas veces duras e incluso tráxicas) pero foi aquí onde unha xeración decidiu que a música e a palabra eran as mellores armas para atraer a liberdade e a elas agarráronse xente como Miro Casabella, Benedicto e Bibiano, Pilocha, Quintas Canella, Fuxan os Ventos, Milladoiro, Rodrigo Romaní e por suposto Antón Seoane, que tivo a ben facer memoria para legar a experiencia de xentes que tiveron a valentía de pensar en colectivo.

O libro retrata un tempo difícil que non por iso deixa de ser un tempo de ilusión. A Nova Canción Galega era un xeito de compromiso e tamén unha escola de autodidactas na que se compartían música e poesía. Reflicte moi ben Antón Seoane que isto traía consigo o risco de que alguén ofrecera unha solución máis orixinal que a dun mesmo pero aí estaba a fonte da aprendizaxe, que levou a Rodrigo Romaní a adoptar a paráfrase “a miña creatividade remata onde a do outro se manifesta como mellor”. Quizais nesta máxima resida o carácter de aprendizaxe permanente que caracteriza aos integrantes da Nova Canción Galega, sempre abertos a solucións innovadoras. Esta filosofía foi a que os levou a introducir nos poemas musicados novos instrumentos como a gaita (un exemplo disto pode ser o “Quen poidera namorala” de Cunqueiro e Luis Emilio Batallán).

Antón Seoane ilústranos co seu coñecemento técnico e histórico dos instrumentos musicais que chegaría a utilizar Milladoiro, ofrecéndonos a xeito de documentos históricos imaxes non só dos instrumentos senón daqueles que os elaboraban como Guillermo Álvarez ou Antón Corral, sen esquecer ao gran Faustino Santalices.

Eran tempos de andar camiños e de levar amplos baúis de música onde agromaba a cultura galega máis esquecida; pero tamén eran anos de fusión e de recoñecemento da realidade doutros pobos. Aquí empezou a irmandade alén Miño (sobre todo coa intensa relación entre o Zeca e Benedicto) pero tamén o coñecemento das realidades europeas que traían músicos fundamentais dos que aprender. En Gran Bretaña estaban as raíces celtas das que bebeu Milladoiro e eran un tesouro a partir do que recrearnos e agromar unha cultura que xamais chegou a morrer.

Unha viaxe por tempos difíciles nos que a esperanza, a loita, a creatividade e a crenza en nós mesmos trouxo novas primaveras pero estas non foron de balde: foron o froito calado dunha xeración de músicos e poetas que creron firmemente que podían construír entre sons e versos unha realidade libre e solidaria. A todos eles o meu agradecemento, a miña admiración e sobre todo o meu profundo respecto.

SEOANE, A (2013): De voces ceibes a milladoiro. Unha memoria do Movimento Popular da Canción Galega 1973 – 1978. Pai – Galaxia, Vigo – Gondomar.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES