Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xosé Cao Luaces, un precursor

martes, 05 de agosto de 2014
Confeso que ata o de agora non tiña novas de Xosé Cao Luaces, nunca escoitara falar del e xa que logo era para min un perfecto descoñecido. Pero ben está decatarse aínda que sexa un pouco a destempo de que este home foi un galego que tivo grande sona polo mundo adiante como extraordinario debuxante e caricaturista converténdose nun referente nesta especialidade.

Nacera en Cervo, onde o seu pai era operario na fábrica de Sargadelos e aos 25 anos marchou para Arxentina comezando naquelas latitudes a súa xeitosa carreira de debuxante ata a súa morte acaecida no ano 1918.

Hai dous homes que son os que máis saben no mundo sobre a vida e obra de este sobranceiro paisano noso: un deles Siro López sobradamente coñecido por todos nós coma excelso artista tamén nisto do debuxo e a caricatura e un erudito en todo o que concirne a esta especialidade artística, e Julio Neveleff, un arxentino estudoso da obra de Cao e unha autoridade ao respecto nesta materia. Siro foi o primeiro que se preocupou de Xosé Cao escribindo un fermosísimo libro publicado pola Deputación de Lugo hai anos, libro que Julio Neveleff descubre cando na Arxentina tamén estaba traballando sobre a obra deste galego que aló foi considerado coma un dos mellores caricaturistas do mundo.

O caso é que os dous póñense en contacto e establecen un intercambio de informacións sen coñecerse persoalmente ata que estes días, coincidindo coa celebración en Ferrol do Curso de verán “Carlos Gurméndez” que precisamente xiraba en torno ao humor coa figura de Cao coma fío condutor, prodúcese o encontro e ao tempo un aluvión de información sobre o excelso caricaturista que agora si vai ser máis coñecido e apreciado na súa terra natal. Siro levaba tempo dándolle voltas a esa arela e foi el precisamente quen puxo sobre o tapete a idea de dedicar este curso ao humor en xeral e a Xosé Cao en particular. Un acerto absoluto, pois analizouse o humor dende varias perspectivas e soubemos quen fora Xosé Cao e o que representou no mundo da caricatura cando esmorecía o século XlX.

Soubemos das revistas “Don Quijote” e “Caras e Caretas” das que Xosé Cao fora director artístico e do que estas representaron na sociedade arxentina naquel tempo. A Julio Neveleff fíxoselle curto o tempo asignado a súa palestra e puxo de manifesto a devoción que sente polo noso paisano. Cada debuxo de Xosé Cao daba para unha conferencia e Julio Neveleff soubo navegar con solvencia sobre o tempo que se lle facía pequeno diante da cantidade de cousas que, sobre Xosé Cao, lle viñan á mente.

Cando vostedes estean a ler isto, Julio Neveleff estará voando sobre o Atlántico rumbo a Arxentina e ao Mar de Plata onde reside. Nunca estivera en Galicia e foise con certa morriña: “nosotros, los argentinos, tenemos mucho de ustedes” manifestou con emoción no intre en que se inauguraba a exposición de debuxos e caricaturas de Xosé Cao na Fundación outrora da Caixa; unha exposición que eu lles recomendo visitar con calma.

Se van, comprobarán a excelencia dunha obra centenaria que pasa por varias etapas pero que semella que o tempo non pasou por ela. Cada debuxo é un tratado sociolóxico, un exhaustivo retrato do que era a vida na Arxentina de fai mais de cen anos, onde a “casta política” pisaba os dereitos do pobo. Nisto os debuxos de Xosé Cao teñen unha vixencia absoluta. Na técnica foi un precursor e na mensaxe dos seus debuxos un visionario.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES