O espírito dos tempos
lunes, 04 de agosto de 2014
Un prestixioso científico e admirado ensaísta, combinando o propio / alleo coa alegría / tristeza, destaca catro paixóns humanas: a ENVEXA, que ven a ser a tristeza propia pola alegría allea; o PRACER ENFERMIZO, xerado pola alegría propia cando un alleo está triste; a COMPAIXÓN, que ocorre cando temos tristeza propia pola tristeza allea, e a LEDICIA propia da empatía coa ledicia allea.
Reto aos lectores a autoconcienciarse por cal destas paixóns se senten máis afectados. Hoxe en día, no que a confesión non parece un recurso moi utilizado de arrepentimento, tal vez sexa un bo exercicio esforzarse en saber que paixón é a que máis nos aprema, para delimitar o campo do noso arrepentimento, ou gozar da ledicia que proporcionan os vos sentimentos. Miren por onde o bo do científico nos ofrece unha saída para tranquilizar a conciencia!.
Pero nin el, supoño, pretende escudriñar nas conciencias alleas, nin eu desempeñar o papel de okupa nelas. El parece ver na alegría polo ben alleo un bo resorte para incorporarse ao progreso social, en na envexa un retroceso social. Nada que obxectar. Pero eu, que teño razóns de incompetencia para ser moito máis ousado que el, quixera levar isto a unha reflexión sobre o espírito dos tempos, algo así como aquilo que os alemáns chaman ZEITGEIST, e ata o fan cunha palabra composta de tempo e espírito, de dimensións modestas.
Se o Zeitgeist ven a ser unha manifestación do WELTGEIST, do espírito mundial, que impulsa en certo modo o espírito dos pobos (Volksgeist), penso que non hai moitas razóns para estar tranquilos, porque o triste espectáculo bélico do Próximo Oriente, de Ucrania e outros lugares do Mundo, así como as tensións político-sociais por todas partes, están ensinándonos as orellas do lobo.
Polo tanto, non deberíamos esquecer que, mentres os individuos conservan a súa identidade aínda nos cambios, as nacións poden chegar a non recoñecerse, por iso convén non arriscar o constitutivo das mesmas (estrutura que garante a súa identidade), so pretexto de veleidades no constitucional, porque se queren manter a identidade teñen que termar da cohesión social e non esquecer que esta mantense moito máis fisgando os perigos de fora que confiando cara aos de dentro. Os españois disto sabemos algo...!.
É necesario non tirar pola borda que as persoas envexan, mais as nacións cobizan; que os cidadáns senten pracer do mal alleo, pero os estados aprovéitanse del; que a compaixón individual dilúese na sociedade, e que a ledicia pola ledicia allea é sempre cordial, pero os países non teñen corazón.
Tal vez para determinar o espírito dos tempos sexa necesario non perder de vista que as cobizas repousan nas manobras do aproveitamento oligárquico, irrefreables polos gobernos; que ese espírito non é froito de profundas conviccións nin de tradicións ancestrais, como nos di o científico, e que as ledicias cidadáns non sempre teñen tradución social. Non en van foron os románticos os artífices de toda esta espiritualidade. E o romanticismo, xaora...! (diría un paisano noso laconicamente).
Con estes presupostos á man, os pobos neste noso mundo enfurrúñanse máis por razóns que acusan a desproporción que por motivos de verdadeira entidade, e o curioso disto é que os cidadáns dámonos conta, senón non tería sentido ese dito habitual de que as contendas bélicas empezan por nada: Unha tose provoca un refacho e este unha guerra. E así ocorre: A insensatez humana XOGA á guerra, poñendo en perigo ás persoas e asasinándoas indolentemente. E despois incluso dubidan se son crimes de guerra os paspás das responsabilidades internacionais.
Mentres tanto, tamén os grupos de poder organizados, coas fichas das paixóns citadas tinguidas cun verniz hipocritamente apropiado, aínda que sexa ao pormenor, botan as súas partidas aproveitando calquera eventualidade: É a resposta concorde do espírito dos pobos (o Volksgeist), onde as vagas dos diversos matices do mundial acaban confundíndose nos areais rexionais.
Navegar nun mar con tanta versatilidade nas tendencias espirituais, e enchido de quenllas, non debería ser tarefa de inexpertos, porque poñen en perigo a nave e desacreditan o seu propio talento, que seguramente anda abondo de devalo.
Xa dicían, nestes casos, os nosos vellos: É moi novo para termar do arado. Vai aplicar a lei do encaixe, á que poñía reparos D. Quixote, nos consellos que deu a Sancho Panza cando foi nomeado gobernador da illa: nunca te guíes pola lei do encaixe, que adoita ter moita cabida cos ignorantes que presumen de agudos. E esa mentalidade de novos tamén a padecen os adultos infantilizados!.
Xustamente esta lei do encaixe, que non consiste máis que na teima de sacar da manga cada persoa ou entidade, con poder oficial ou de feito, as solucións, á marxe da estrutura xurídico-legal non só nacional, senón tamén internacional, bastante predominante no espírito dos nosos tempos (no noso Zeitgeist), é dicir, no afán de sacrificar os valores que unifican e converxen nas aras daqueles que diversifican e diverxen, precisamente nesta etapa histórica na que somos capaces de comunicarnos en cuestión de minutos con todo o mundo e estamos ensaiando unha globalización que, a vez, insensatamente dinamitamos. Actitudes estas abondo de moda.
Pero...por que non se corrixe esta errónea traxectoria?. Porque aquela moda que favorece nos nosos tempos os intereses predominantes das oligarquías, converteuse en absoluta e excluinte nos comportamentos que a seguen, modulando o mesmo fondo cultural e espiritual dos pobos e obrigándoos a facer o ridículo intelectual nun esforzo cínico, para non parecelo.
Lamentablemente, este espírito é devastador, e non se fai eco do que os científicos chaman xa DEFAUNACIÓN DO ANTROPOCENO, a era na que vivimos, e na que, un estudo publicado en Science, afirma coincidir coa sexta extinción masiva da Terra. O remedio está nas nosas mans, nas peores que pode estar, pola falta de vontade converxente para o verdadeiramente substancial. (Corresponde esta información á Directora de Tendencias21, Yaiza Martínez, periodista e escritora).
Rubal, Pedro