Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando ideas (XXI)

martes, 12 de agosto de 2014
¿Hai funerais por e para? ¡Si, de dous tipos! Precisamente acabo de regresar de dous, ambos do segundo xénero; a cento vinte e cinco quilómetros, no mesmo día, pero a distancia non vén ao caso, senón a tipoloxía.
Os funerais por son de petición, de pedirlle ao Redentor que indulte, que lle aplique a súa benevolencia á alma de Fulano de Tal…, porque en vida foi un fulano! Ben diferentes os para porque neles tense a sensación de estar pregando a, e non por a. ¡Casos, situacións, radicalmente opostos!
Os dous, as súas almas, viaxaron xuntas, no mesmo día; e ambos, ao meu entender, á miña apreciación, compartida polos asistentes aos funerais respectivos, coa maleta chea de virtudes. O da Coruña foi un ilustre avogado, pero non menos ilustre Páter familias; o da miña parroquia, un muiñeiro honrado, unha excepción daquela regra que dicía “Cambiarás de muiñeiro, pero de ladrón, non!”. No de bo Páter, tan excelente coma o Letrado; para min, quif, quif, se non iguais si similares, modélicos ambos.
A diferenza externa nestes dous casos estivo nos coches: No da capital non había, ou non se distinguían de tantos que sempre hai aparcados no seu barrio; pero no da aldea, un enxame! Tantos, que tiven que aparcar a un quilómetro do tanatorio. Pero, de apeados…; ía dicir, de achegados aos altares respectivos, mais non sería exacto pois só grazas aos altofalantes puidemos oír, escoitar, aos celebrantes, o recollemento, nos dous casos, foi impresionante. ¿Qué significa isto do recollemento místico? ¡Moitísimo, todo: Son silencios elocuentes que evidencian que os asistentes están/estamos asistindo á canonización pública dun Santo! As de Roma son urbi et orbe, pero estoutras, as locais, para min non son menos importantes: Na actitude da xente nótase que estamos honrando unha bondade, e por tanto, unha santidade.
Nos dous espectáculos tiven a mesma idea: ¡Deus, qué diferente é isto de darlle grazas a Deus porque nos permitiu coñecer un Santo, entre tantos pecadores que poboan este XXI, co caso de pedirlle a Deus que se esqueza das trasnadas dos malvados! E logo que para o Celebrante ten que ser moi distinto facer unha loa dos acreditadamente bos, mentres que para os outros, no caso dos innomeables, precisará un gran esforzo para que non se lle escape un: ¡Este maldito, que non pisaba a igrexa, e agora tennos aquí, de xeonllos, tentando suplir as súas omisións! Este cadro é terrible, afellas que si!
Pola miña parte, antes de deitarme, vou facer exame de conciencia, que non está ben falar da dos outros esquecéndose da propia; a estes efectos direi, esperanzado e contrito, evocando á miña xente, que así rezaba, e así me educaron: Con Deus me deito, e con Deus quero levantarme; que a Virxe María me cubra co seu manto. E ti, Señor, dáme penitencia en vida, e na morte salvación, que se morro esta noite me sirva de confesión. ¡Amén!
-.-

¿Onde estades, onde vos agochades, teólogos covardes, que non acudides, que non saídes á palestra para explicar, para demostrar, que as almas non as fabrica Deus no momento do parto, senón que veñen desde o mesmo intre da concepción, exacta e indiscutiblemente desde ese intre? ¡Por favor, acudide, que sodes necesarios, imprescindibles nesta definición urxente, transcendental, e deixádevos de discusións bizantinas sobre galgos e podencos, que en definitiva todos son canis! Xa sei, xa o sei, que é unha cousa de sentido común, pero escasea tanto ese sentido, e cadora, pola trazas, máis, aínda máis, pois nalgún aspecto estamos retrocedendo ao canibalismo!
¿De onde arrinca a nosa alma, desde cando a temos? Segundo a propia Biblia, a pouco que nos mergullemos nela, desde o mesmísimo momento en que fomos xerados, en sucesión indefinida.
No Salmo 8 : 4-7, ben que se recoñece esta filiación: Cando vexo o ceo, feitura da túa man, a lúa e as estrelas que fixaches alí, ¿qué é o home para que o lembres, o fillo do home para que del te ocupes? Por pouco non o fixeches coma os anxos, coroáchelo de honor e de dignidade; décheslle mando sobre as obras das túas mans, puxéchelo todo aos seus pés! ¿Aínda non o temos claro con isto? ¡Pois nese mando, no recibido, tamén está o de, “medrade e reproducídevos”, por vós mesmos, sen ter que pedir permiso en cada multiplicación, así que son poderes irrevogables; daquela, o Señor non ten que acudir en cada unha das nosas decisións, sexan acertadas, aceptadas, ou non!
Salmo 139: 16. O meu embrión víano os teus ollos, e escribíanse xa no teu libro os días todos que habían vir, sen que existise aínda o primeiro. ¡Púxonos a andar, pariunos, e o resto é cousa nosa, responsabilidade nosa, incluída a reprodución; iso si, coa súa asistencia, maiormente se lla pedimos con fe e con devoción, con agradecemento!
Ao meu entender, e se estou errado espero, agardo, pido, que mo demostren, Deus deulle ese sopro espiritual ao home no intre da súa creación, e quedou establecido, asentado, indeleble, inextinguible: Un espírito asentado nun corpo, alma e materia, e por tanto transmisibles, ambos, simultaneamente. Algo así como, en botánica, un gromo acobado. No intre da fecundación os responsables da mesma non lle están mandando un e-mail a Deus para que baixe crearlle, agregarlle, un alma ao feto. A muller ten alma; o home, tamén; así que, cando se xunta o espermatozoide co óvulo, esa substancia material xa está soportando, comportando, aportando, un espírito. ¿Outro, un novo? ¡Si, e non, pois non hai tal novo senón unha especie de anfigonía anímica, un desgaxe bilateral! ¿Que é diferente a alma do fillo da dos pais? ¡É un gaxo da deles, pero, ao formarse o novo ser, individualízase! ¿Habería transmisión do pecado orixinal, consecuencias diso na especie humana se non houbese transmisión, continuación, derivación anímica? ¡Evidentemente, non! Eu participo da culpa porque participo, veño, daquelas almas; son un gaxo, unha derivación delas, das deles. ¿Logo, non son outro? ¡Si que o son, como tamén o é a nova árbore reproducida por un brote, ou acodo, pero a madeira vén a ser, é, da mesma clase!
¿Acaso Deus é unha especie de Axente Catastral que recorre as vidas humanas, de inspección, de cando en vez, coa cámara ou con un caderno, e párase a tomar nota, para dar fe dos novos seres, das creacións ex novo? ¡Vexo que aquí levantaron un edificio, outro, así que lle vou asignar un imposto, impoñerlle un alma pecadora, empecatada, e por ende, pagadora, que me pague polas que me fixeron Adán e mais Eva sen o meu permiso, motu proprio! Non reduzamos as cousas ao absurdo coa finalidade estúpida de librarnos de responsabilidades, que a Deus non o podemos enganar, nin manexar, tal que opoñendo á súa Lei Divina una de prazos arbitrarios, imaxinativos!
Para os libros do Rexistro Civil, a criatura ten que romper a chorar, facerse visible, máis para Deus aí está, desde aquel momento en que dous seres de distinto sexo, con ou sen conciencia das consecuencias, facilitaron, fixeron posible a fertilización do campo propio, do propio corpo. ¡O que non queira, o que non desexe colleita, que non semente, que traballe para a feira, como se dicía na miña aldea; así de sinxelo! ¿Deus obriga a sementar? ¡En absoluto, que por algo e para algo nos deu o libre albedrío, a libre disposición de certos bens cedidos, dos por El creados!
¿Esa emanación, ese desdobramento espiritual, anímico, vai do home á muller, do espermatozoide ao óvulo, ou é á viceversa, baixa co propio óvulo? O desgaxamento, a partición, é recíproca pois ambos participan, de ambos emana; e tampouco é preciso que se presente Deus, tal que nunha nube, ou nun vento, para soprar, que xa o ten feito, dunha vez para sempre, que o fixo mesmo co seu Verbo, daquela da Creación; todo o demais prodúcese automaticamente, consecuentemente, polas propias leis naturais, inicialmente establecidas. Ab initio xa tivemos a primeira partenoxénese daquela que o Creador deu un segundo sopro partindo en dúas, e saíronlle igual de grandes, ¡coma quen multiplica pans e peixes!, a alma do seu Adán, que de aí xurdiu o símil da costela: ¡costela, non, ou si, pois da propia costela, do propio ser, vén, veu, esa bifurcacións sexual! Despois diso viñeron aqueles incestos inevitables, as sucesivas multiplicacións anímicas, que non foron pecado precisamente por iso, pola súa inevitabilidade circunstancial, transportando o pecado orixinal, tamén de forma inevitable…, porque eran a mesma cousa, almas participadas, multiplicadas, espírito do mesmo espírito, que nun principio non era de tendencias soberbias, pero quebraron a Lei Divina, seica influídos polo Soberbio, por aquel soberbio da luz apagada, por aquel Lucifer emperrado non só en apagar a luz propia, a que lle fora asignada, senón, e tamén, a daqueles competidores do Paraíso!
Pido un Concilio para afondar na cuestión, que outros se fixeron con menos oportunidade, e/ou con menos necesidade; ou é que non nos horroriza esta epidemia abortista, esta segunda revolta de Lucifer, emperrado en que os fetos non chegue a ver a luz, nin sequera a solar? ¡Pois fracasará de novo, que non verán a luz do sol, pero o que é a Luz Divina, a de Deus, si, que nin o noso Creador, nin o Fillo, noso Redentor, saben, nin poden, nin queren, castigar a inocentes, e menos aínda por culpa de terceiros, por comodidades e por irresponsabilidades que lles son alleas!
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES