O papa Francisco, párroco da Humanidade
Santalla, Iago - miércoles, 30 de julio de 2014
Hai uns días atopeime no youtube cunha fermosa entrevista de Henrique Cymerman ao papa Francisco datada do pasado 13 de xullo. Nela podemos escoitar a un verdadeiro humanista que vive cos pés na terra, preocupado polos problemas reais da humanidade. É doado percibir unha vocación educadora en cada verba pronunciada e unha actitude que non vira as costas nin á realidade actual nin á realidade histórica da igrexa. Estamos ante un home que sabe pedir perdón e tamén perdoar. Un dos momentos claves na entrevista é o recoñecemento do fundamentalismo relixioso por parte dos católicos tratando de paliar ese erro histórico defendendo e fomentando un diálogo interrelixioso e intercultural que nos leve a coñecernos mutuamente.
O papa Francisco tamén ve o mundo como un poliedro no que cada punto de vista conta e, neste sentido, avoga pola globalización de ideas e de culturas que teñen que interactuar para converter a complexidade humana nun campo de diversidade. Falamos dun home que nun ano e medio deu pasos moi importantes ao intentar a unión entre o cristianismo, o acercamento ás raíces comúns do xudaísmo e, mesmo, o diálogo en Oriente Próximo que agora parece máis lonxe que nunca.
Estamos ante un papa que considera que a oración é un acto político con maiúsculas. Neste sentido, foi promotor, non só da unión entre as tres grandes relixións, senón, tamén, da unión entre a propia cristiandade. Non fala Francisco dun diálogo baleiro senón que se propón un diálogo dende a propia identidade, sen renuncias de ningún tipo e recoñecendo, en todo momento, a diferenza. Isto é o que se propón dende a ideoloxía interculturalista e lévame a pensar que estamos ante un papa profundamente pedagóxico que concibe o seu ministerio con actitude de párroco. A humildade de Francisco vai de corazón a corazón para deconstruir a sociedades e mesmo a teoloxía, unha teoloxía que se une á complexidade dialóxica na que o papa Francisco se quere integrar nas esencias humanas para valorar a diferenza como un ben común.
O párroco da humanidade é un tipo sinxelo, hábil de palabra e pensamento, capaz de falar con humor de cousas transcendentais. Segundo Francisco a diferenza entre terrorismo e protocolo é que co terrorismo pódese negociar; pero, este humor tórnase seriedade cando temos que falar da fame no mundo, dos pastores que á procura de riqueza comen ás ovellas ou de como o deus diñeiro é capaz de descartar vilmente a toda una xeración. Fronte a isto, Francisco confía no olfacto do pobo para detectar a aqueles que se venden ao deus diñeiro.
A entrevista quere situarnos na esperanza e, para iso, arremete duramente contra o pensamento único, procurando convivir dende o valor da diferenza. Ten esperanza Francisco nos novos políticos que está xerando a xuventude do mundo porque eles quizais falen dos mesmos problemas pero con música diversa.
Trátase dunha entrevista amena, na que é fácil empatizar e entrar na dialéctica de Cymerman e Bergoglio e identificarse cos seus valores. Poderíamos dicir que paga a pena escoitala porque son palabras de alento nun mundo de desalento e constitúen un avesío dende o que repensar a nosa realidade, a nosa identidade, os nosos valores, o noso proxecto vital e dicir podemos ser mellores, outro mundo aínda é posible con líderes como o papa Francisco.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora