Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Milagre de 'Vísperas'

miércoles, 30 de julio de 2014
Compás social: O MILAGRE DE 'VÍSPERAS'


Os fillos da parroquia de San Pedro de O Buriz (Guitiriz, Lugo) estaremos eternamente agradecidos o noso veciño e poeta Xosé María Díaz Castro. Das numerosas experiencias locais nas que se inspiran os seus poemas, só unha está descrita con nome propio: "Vísperas" da festa do Carmio do Buriz. No libro NIMBOS de Díaz Castro hai un apartado titulado "Milagre" con seis poemas, un deles "Vísperas" que describe a paisaxe do chao do Buriz e o milagre da festa visto desde a aldea do Vilariño dos Vilares. Polas vésperas, dinos o refrán, recoñécense os santos.

A palabra "Carmio" é unha expresión moi local para referirse a festividade da Virxe do Carme que cada ano celebraban e seguen celebrando os Buricenses no último domingo do mes de abril. Se o día desa advocación mariana está fixado no santoral católico para o 16 de xullo de cada ano, como se explica esa aparente anomalía? Nesa parroquia guitiricense de O Buriz as vésperas e a festa do Carmio sempre as organizaban os rapaces solteiros. Mais aqueles mozos tiñan que marchar ás segas de Castela, a Vella e a Nova, desde xuño ata agosto; polo que non estaban na parroquia para facer a festa no mes de xullo. Como solución optaron por celebrala antes de partir para a meseta Castelá. Aqueles traballadores ían e voltaban primeiro a pé, logo no tren en vagóns de terceira e por último en autocares alugados. De moitas formas sempre imploraban a protección da Virxe para a viaxe e para ter a sorte e non mancarse naquel duro traballo lonxe da terra. No primeiro lustro da década de 1960 rematou aquela aventura temporal ó ser sustituídos os homes polas máquinas cosechadoras.

O tema do desprazamento ás segas de Castela quedou reflectido en centos de narracións en prosa ou en sentidos versos. Os poemas de Rosalía recollen a odisea completa daqueles traballadores galegos, marcando tódalas luces e sombras. Aquela experiencia repetiuse ducias de veces diante dos ollos do poeta X.Mª Díaz Castro. Desde a aldea do Vilariño dos Vilares, mirando ó nordés, víanse coutíos de labradío e prados pendentes cara ó centro do chao do Buriz. Este foi o miradoiro do neno, do rapaz e mozo do noso veciño, o seu espazo natural e social. Desde mediados dos anos 1910, data do nacemento do veciño-poeta, ata a década de 1950, esa paisaxe do fondal de O Buriz era un mosaico multicolor de xesteiras e toxais, de coutíos de cereais, ou de nabos, maínzos e patacas; e aló no fondo de todo, cruzaba o río Porto-Muíño "deitado coma un boi remoendo", dando voltas preguiceiras, escoltado por budios e salgueiros, rodeado de pasteiros a barbeito, de montes cubertos de toxos rabenados polas ovellas, cunha árbore aquí e outra acolá. Hoxe ese panorama case non é recoñecible, por estar arborado ou convertido en praderías e campos de mainzo, cunha estrada que corta a paisaxe de norte a sur con algúns edificios na beiravía.

O poema descritivo, feito desde ese miradoiro do Vilariño, é unha explosión de imaxes e metáforas: as vésperas e a festa son coma "unha música ardente vén no aire coma un río / de recordos. Foguetes lonxanos caen no río. / Este é o Porto-Muíño, todo en lapas, o río. // O río está deitado coma un boi remoendo, / e o Tempo non sei que anda rente del remexendo. / As bágoas do ameneiro caen pola noite abaixo, / e fan ceos pequenos de estrelas aló embaixo"... A festa na punta dos pés chega ó río, larmeira salta o río, vólvese tola, pérdese nos bimbios e xesteiras beilando... Acéndese nos vidros da aldea chea de anos, ergue as pálpebras de animás e cristianos, chora o ameneiro en soños, óense os muíños!... O río Porto-Muíño está feito de bágoas de neno, o río está todo en sombras e a Virxe pasa a mau polo lombo do río!... Toda unha cadea de metáforas descritivas, toda unha beleza que fire a alma do poeta!

O vate vilarego contempla a harmonía, o milagre da natureza e da celebración humana que por un instante xúntanse para producir un espectáculo fermoso, mesmo sublime. O autor remata o poema sen máis consideracións nin sublimacións de transcendencia universal, porque a mesma visión xa é un grandioso milagre que non precisa de máis palabras.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES