Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No XXV aniversario de Galicia en Foco

lunes, 28 de julio de 2014
No próximo outono cumpriranse 25 anos da primeira edición de "Galicia en Foco", un certame aberto ao fotoperiodismo galego. Non hai unha correlación coas edicións porque en 1992 non se activou a convocatoria e a presente, a XXIII, vai con atraso, xa que, en teoría, corresponde ao 2013. No acto inaugural da actual edición lembrei os antecedentes desta iniciativa que se sitúan no ano 1988 cando o Club de Prensa de Ferrol xestionou a presenza en Ferrol, por primeira vez en Galicia, da mostra "Fotopress" da Caixa de Pensións de Cataluña. Aquela exposición colgouse no Ateneo Ferrolán e ao ano seguinte, 1989, estaba na rúa e con carácter itinerante "Galicia en Foco".

A primeira mostra, que tiña carácter de concurso, ía acompañada doutra, de contido máis restrinxido, de Manuel Ferrol, ao que se homenaxeou no curso dun acto celebrado no Parador Nacional de Turismo. O lembrado Bonifacio Borreiros, que por esas datas ostentaba a responsabilidade de director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e que foi o que deu o primeiro impulso á nosa iniciativa, manifestaba publicamente, "no mapa galego de eventos fotográficos faltaba, ao noso xuízo, o dedicado á noticia gráfica. Presentamos hoxe o xerme desa mostra do fotoperiodismo do país".

O tamén xa falecido, Bernardo Castelo, vogal da xunta directiva e comisario da 1ª edición, declarou "Os obxectivos de "Galicia en Foco" céntranse no empeño por elevar a categoría da fotografía de prensa á de obra persoal, preservar a integridade e honestidade dos seus contidos simbólicos e conseguir a súa evolución sintáctica, estética e testemuñal como factores de definición do fotoperiodismo galego aberto ao século XXI".

No acto inaugural fixen un sucinto repaso á historia de "Galicia en Foco", que promove o Club de Prensa de Ferrol, non sen antes contextualizalo cun libro titulado "Fotoperiodismo e República. Prensa e reporteiros gráficos 1931-1939" do que son autores Juan Miguel Sánchez Vigil e María Olivera Zaldúa, editado por Cátedra. Madrid 2014". Sobre esta obra fai unha recensión o escritor, crítico e xornalista Juan Ángel Juristo, na sección de libros da Revista de Occidente do pasado mes de xuño. Extraio deste libro que a idade de ouro do reporterismo gráfico sitúase nos anos 30, favorecida polos adiantos, entre eles a aparición da cámara "Leica". Dan fe desta eclosión do fotoperiodismo publicacións tales como La Ilustración Española y Americana, Blanco y Negro y Nuevo Mundo e máis adiante, antes da proclamación da II República, confirmándose xa como imprescindible a información gráfica, Ahora, El Día Gráfico, ABC, La Vanguardia, Mundo Gráfico, Estampa, Crónica, etc. Nalgunhas destas publicacións, nas que locen unhas fotos extraordinarias, que hexemonizan sobre os contidos literarios, firma tamén o fotoperiodista ferrolán Pascual Rei, moi esquecido e que o Club de Prensa está empeñado en recuperar. Juan Comba é considerado por Sánchez Vigil e María Olivera, como o primeiro reporteiro gráfico español que fixo soadas as súas fotos do incendio do Alcázar de Toledo en 1887.

Hai outro feito importante que trae á actualidade aos profesionais do xornalismo gráfico como é o atentado da rúa Maior de Madrid na que o anarquista Mateo Morral atenta contra Alfonso XIII, o día da súa voda, en 1906, cuxa foto é obra de Eugenio Mesonero Romanos. Din os autores que esta significou un antes e un despois e agregan á nómina de reporteiros a Branguli, Centella, Díaz Casariego ou Martin, entre outros. Tamén, a propia Guerra Civil deu ás ao xornalismo gráfico e de maneira especial ao reporterismo internacional.

Que pasou nestes 25 anos de historia do "Galicia en Foco"? Está claro que o fotoperiodismo seguiu cotizando á alza na posguerra e xa cando arrinca a primeira edición, en 1989, tiñamos en vigor a Wordl Press Photo a nivel internacional e a "Fotopress" como concurso destacado no panorama español. Pódese afirmar que "Galicia en Foco" marcou así mesmo un antes e un despois na historia do fotoperiodismo galego. Empezamos con fotos na súa maioría en branco e negro, editadas todos os anos en catálogo, ata que no ano 1998 podemos dicir que practicamente se abandona esta modalidade para quedarnos coa cor. O que subscribe terminaba a súa intervención desta guisa: "Sobrevivindo, polo momento, á crise que nos asfixia, celebremos o éxito de 25 anos de vida, éxito que pertence aos fotoperiodistas galegos que foron fieis á cita e na parte organizativa ao Club de Prensa de Ferrol, que atesoura no seu fondo documental a historia gráfica de Galicia dos últimos 23 anos. Parabéns a todos e grazas ás institucións, Xunta de Galicia e Deputación Provincial da Coruña, que apoian a convocatoria".
Castro, Man
Castro, Man


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES