Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Santa Mariña e Pepe Chao Rego

jueves, 24 de julio de 2014
SANTA MARIÑA, PEPE CHAO REGO, SOÑOS, MÚSICA, AMIGOS

O día 18 de xullo xuntámonos no Paseo dos Soños do río Magdalena de Vilalba un bo número de amigos e admiradores de Pepe Chao para renderlle homenaxe con motivo da dedicación do dende agora seu Hectómetro literario.

Ese día era o de Santa Mariña e deuse o caso de que andaba eu nestes tempos compoñéndolle un himno a esta Santiña galega como sinal de gratitude por terme aturado desde o 1973 como cura da súa parroquia de Ramil na Terra Chá, cando me decatei de que Pepe Chao tamén foi cura de Santa Mariña no Ferrol e ocorréuseme poñerme a cociñar unha especie de tortilla cos ingredientes dalgunhas pizquiñas da vida da Santa de Allariz e catrocentos cincuenta gramos de pinceladas da de Pepe Chao. O sal puxéronllo Mini e Mero cantando a composición musical que fixeron para o himno que se estreará como tal o 10 de agosto en Ramil. Grazas ó sal foise comendo menos mal aquela tortilla.

Agora ofrezo a receita, pero xa sen o adobío do sal dos amigos músicos. Que cada lector lle poña a cantidade que mellor lle pareza.

Con esta colaboración deixarei por algúns días –se hai alguén a quen deixar- a hipotéticos lectores, desexando un reconfortante descanso a todos os que poidan descansar e a quen non, que lle sexa levadeiro. Non deixo de ter un recordo agarimoso e dolorido para os que mal viven nun permanente descanso forzado debido a mil posibles causas.

A PEPE CHAO NO DÍA DE SANTA MARIÑA

Santa Mariña bendita
Nosa Señora e modelo,
gloria desta terra nosa,
guíanos contigo ó ceo.
Orfa de nai ó nacer
mamaches a fe cristiana
dos peitos agarimosos
dunha sinxela criada.
Repudiada dun mal pai,
ansiada do gobernador,
só deches o corazón
a Cristo, o noso Señor.
O rexo e tirano Olibrio,
brindándoche maligno amor,
froito do seu egoísmo,
foi o teu perseguidor.
Gran tirano e sanguinario,
con tortura e crueldade,
mais o Señor dos máis febles
ríu da agresividade.
Asi o Deus dos oprimidos,
foi o teu mellor valedor,
defensa da humilde pastora
fronte a calquera opresor.
Fíxoche Deus marabillas
e por ti fíxoas no pobo.
Na túa parroquia ferrolá
deu un cambio Chao Rego.
Logo renaceu galego,
de Irimia no Pedregal,
e truncouse a carreira
de un futuro cardeal.
Quen ía para eminencia
renunciou á autoridade
encarnando a cotío
a fe na galeguidade.
No cenobio da Chouzana
tamén se trocou labrego
este fillo do hotel Chao,
fachendoso e vilego.
Pero pagou moito a pena
que se abaixase ata nos
como facho sempre aceso
para xenerosos e bos.
Mais o Pepiño sen Sari
non sería hoxe quen é.
Ela pon feminidade
á esperanza e á fe.
Aí puxeches, Mariña,
a túa man agarimosa
de virxe martirizada
e galeguiña xeitosa.
Ti tamén, nosa santiña,
rexeitaras os honores,
menosprezaras nobrezas
e quedáraste cos pobres.
Coma arrecendo de rosas
expandiuse o santo aroma
impregnando a orbe enteira,
de Augas Santas a Roma.
Tampouco a sona de Pepe
se constrinxe a Galicia
voa polo mundo enteiro
con door e con ledicia.
Anque sexa magoados,
mantenos o lume aceso
pra tecermos irmandades
e cantares de irimego.
Ó rematar a andaina,
en compañía e amor,
acóllenos ti, Mariña,
nos soños abertos en flor.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES