Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Homenaxe a Julia, costureira de aldea

miércoles, 23 de julio de 2014
HOMENAXE A JULIA, COSTUREIRA DE ALDEA

Querida Dona Julia Santiago López:

Hai xa 18 años, na misa dos domingos de Mandiá, sempre me viñas saudar coa delicadeza que te caracterizou sempre e con esa túa voz suave e agarimosa. Logo viámonos en diversas actividades parroquiais e nas excursións. Sempre alegre. Así foi nacendo entre nós unha amizade.

Un día dixéchesme: Voume para Ferrol. Sentín a túa marcha. Outra ferida máis nunha parroquia que por diversos motivos estabamos a perder persoas entrañábeis. Cando un amigo se vai, morre moito aló na alma, di a canción, e ten razón.

Cando alguén, xa maior, nos vén dicir que tamén nos deixa, a ferida no noso hábitat común resoa con unha forza moi grande. Xa non nos abonda con que perdamos rapaces novos que teñen de buscar vida por outras latitudes ao non poderen edificar aquí por causa desa malfadada concentración parcelaria. Despois de 34 anos non ten trazas de acabar con algo de xeito. Xeito que nunca tivo e abusonamente seguen a maltratarvos e explotarvos.

Porén, cando esa marcha, como hoxe, é xa a definitiva, querida Julia, dígoche de verdade que sinto a túa falta. Xa sei que todos temos de irnos un día. Pero os sentimentos están connosco. E aínda que na mente o aceptamos, porque é lei de vida, o noso corazón ten tamén a súas leis e resístese a esa realidade que nos impón a existencia. Queremos unirnos na amizade tamén ao teu irmán Xosé. E tamén a todos os teus familiares. Ti e mais o teu Pedro non tivestes fillos. Ultimamente sentías soedade.

Nos segredos do íntimo eu teño outra razón máis. Sempre sentín admiración por ti. E explícoche: Cando eu era moi neno finou a nosa nai. E daquela, algunhas veces ao ano viña pola casa a tía Sabina de Agramonte, que non era da familia. Diciámoslle tía por un uso de grande respecto e cariño que tiñamos polos maiores na nosa marabillosa cultura rural. A tía Sabina era costureira polas casas, modista, conselleira, case medio nai nosa. Unha muller de moita bondade e de moita personalidade. Grazas a ela nós íamos andando medianamente ben coidados no tocante a vestir. Canto lle axudou coas súas orientacións ao noso pai, incluso para coidar ao noso avó de 94 anos e á nosa tía Asunción, encamada desde facía un tempo por un derrame cerebral! Porque Sabina tamén sabía de coidados.

Un día aprendín que, coma a tía Sabina de Agramonte, ti fuches modista e costureira que ías polas casas axudando en tantos problemas naqueles tempos de escaseza e falta de todo: Entón a admiración por ti medrou en min dun xeito extraordinario. Nunca cho dixen. Reserveino para este momento solemne e de transcendencia do adeus. Quero levantarche un monumento no meu corazón de cura da parroquia. Ti estarás moi presente nas misas que cada domingo que eu celebre onde queira que a vida me leve.

Seguriño que ti e máis a tía Sabina vos ides encontrar. Pídovos que faledes tamén algo de min e de nós. Da miña Roca, aldea natal e de Mandiá. Falade do que vós queirades. Falade das cousiñas propias, no falar das costureiras. Falade da vosa marabillosa profesión de costureiras de aldea polas casas, a onde levastes sempre alegrías, novidades, sabedoría e consellos. Falade das fermosuras para vestiren nenos, rapaces e anciáns, mociñas e mesmo noivas. Falade dos recursos daquela máquina SINGER, movida con mestría á manivela, que con donaire portabades á cabeza, enriba dun rodete.

En min teredes sempre un admirador emocionado e agradecido. Vós, costureiras de oficio nobre e de gusto estético, non podedes desaparecer das nosas vidas nin das nosas lembranzas. Foi moito o ben que deixades feito nas nosas familias.

Querida Julia, desde o ceo onde estás, con esas gafas tan axeitadiñas á túa faciana graciosa, míranos con ese sorriso tan teu. Con el sentiremos que nos segues arranxando os vestidiños novos para estrealos ben galanos nas festas do Patrón e pola Santa Uxía. Moitas grazas, Julia. Descansa na paz de Deus, no que sempre confiaches con esa fe grande que sempre profesaches. Volveremos vernos a non tardar. Seguriño. Bicos.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES