Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando ideas (XVIII)

martes, 22 de julio de 2014
Nos meus tempos, para activar a memoria, recomendábase Fósforo Ferrero, pero ao de hoxe non hai mellor estimulante que a presente crise socio-económica. Das miserias e calamidades da posguerra somos moitos os que temos falado, os que as temos invocado, pero, daquela auga doce da África Occidental, entón chamada “Española”?
Espallando ideas (XVIII)
Cando había esperanza de choiva, que adoitaba ser dúas ou tres veces por ano, a inmediata era varrer a toda présa as terrazas, as azoteas, das nosas casiñas de adobes…, para que a auga recollida nas cisternas dos sotos fose o máis limpa posible; ademais desa precaución, a de beber cumpría pasala por un coador de pedra, para filtrala. ¿Qué non me credes? ¡Pois dádevos unha volta por aquel predeserto, que aínda quedarán casas con cisterna! Por outra parte, para os de Castroverde non é novidade pois o noso castelo tiña, e consérvase, unha ben grande, construída en previsión de que un ataque ou cerco á fortaleza lles impedise baixar á fonte limpa, á do burgo.
¿Auga mineral, tal que “Firgas”, embotellada? Algunha había, pero non en tódalas tendas. O problema era outro: Os emigrantes emigramos, sempre, e de sempre, para saldar débedas, ademais das de gratitude coa propia familia, que de ser rica suponse que nos evitarían aqueles voos atronadores, mexedores, nos cambaleantes, nos tardóns, DC-3, as propias sabas do casamento, etcétera, un longo etcétera.
¡Que doadas son de esquecer as penalidades, as privacións, as limitacións, en definitiva as austeridades dos tempos mediocres, e non debera ser así pois, con lembrar que daqueles esforzos pasamos a unha relativa prosperidade, e iso con malos gobernantes, que en España sempre foi habitual, crónico, todo isto, tales aventuras, deberan darnos azos, azos e ás, para remontar o voo, que se antes o fixemos naqueles malditos bi ou tri motores, hoxe, cos jet, cos reactores, a cousa é de esperar que nos sexa máis leve, máis leve e máis curta!
-.-


Espallando ideas (XVIII)¡San José María Díaz Sanjurjo, volve, volve á túa terra, volve a esta Galicia dos meus pecados, que te precisamos aquí, moito, moitísimo, tanto ou máis que en Tung-King! Aló vante degolar, pero aquí, con tanto pasota, igual te deixan pasar, igual te deixan predicar, tanto predicador que hai, maiormente nos mitins, e todos van librando, incluso do cárcere!
Volve a esta Coruña portuaria, na que embarcaches rumbo a Manila; desembarca aquí! Xa sei, xa, que aló, nesas Filipinas, fixéronte Bispo, e aquí igual non pasabas de crego parroquial, como lle pasou a estoutro gran predicador, o crego Espiña Gamallo, que predicou no deserto, que predicou a necesidade de que Coruña fose sede episcopal, pero…, nin con esas! Espiña non pedía para si, pero si para esta gran cidade, para esta cidade baleira, baleira de crentes, que ás probas me remito: Acabo de regresar de San Pablo, de Misa Maior, e só había media igrexa; iso si, todos eles Santos, pois estes vellos, estes mártires, están acudindo aos cultos, moitos e deles, con muletas, bastón, e incluso en selas de rodas, levados, en xeral, por serventas negras, migradas de Deus sabe onde. ¿E logo os fillos, ou os netos? –Me preguntarás. Pregunta necia, meu querido tocaio, pois as xeracións seguintes…, trasnoitaron, con iso do fútbol, e despois, a tele, así que non lles pidas madrugas, e menos para aburrirse nunha igrexa!
¿Vaste decatando de que esta Galicia, e coma ela o resto de España, deixou de ser provedora das misións para converterse en receptora? ¿Non viches esas negriñas, esas coidadoras, que comungan conxuntamente cos seus impedidos, cos seus protexidos? ¡Ai, Deus, -lle pedín, en vista do visto-, mándanos misioneiros, que retornen os nosos enviados, que prediquen aquí…, que onde facelo hai, e iso sen subirse aos púlpitos, que cabemos todos na igrexa, en todas, pois, ademais dos vellos, dos vellos e desas negriñas, queda sitio para un Rexemento! ¿Para un? ¡Para vinte, ou máis, que ata diría que temos sitio, sitios baleiros, asentos, para unha división de Infantería!
-.-


De licenciados, e durante uns cantos anos, tiñamos a obriga de pasar a Revista Anual, e dicir onde nos podían atopar caso de ser mobilizados… ¿Por qué non se lles esixe outro tanto aos Licenciados universitarios, por qué non se mobilizan, por qué non nos poñen ao servizo da Patria? ¡Pois non estaría mal, un exame anual!
Vouvos confesar un segredo, que neste caso é de Estado, que por algo o teñen de “materia reservada” pois as…, autoridades? nin del falan: ¡O anquilosamento español! Para mellor comprobalo, para mellor demostralo, a miña dona e máis eu vimos aguantando? o “Atrapa un millón”. Cáenos ben o presentador, con un humor sa e imaxinativo, pero, os concursantes? ¡Non hai mellor test para analizar a masa española!
Acoden de diversas carreiras, de múltiples profesións, pero poucos acreditan ter pasado da infancia: nos ditos, na lóxica, na preparación… O que mellor se lles dá son os deportes, os comics, e mailas artistas, proba máis que evidente de que pasan a vida tragando tele, a deste tipo, que non a cultural. ¿Do resto? ¡En media, nin ao cinco chegan, meus pobres!
¿España, nai de nacións? ¡Menos mal que as fillas xa están criadas, criadas e medio educadas, pois, se aínda nos tivesen de protectores, de educadores, miñas pobres! Queridos paisanos, a min non me tomedes de mestre, que non o son, ¡aínda que ben quixese selo!, pero si podo darvos un consello, á vista do visto: Despois da Escola, despois do Instituto, despois da Facultade, hai que seguir preparándose, madurando, pois o froito da cultura é tardío, e require coidos especiais, contínuos…, en tódalas profesións, absolutamente en todas! ¡Ou iso, ou deixar de parasitar, de presumir! ¿De presumir? ¿E logo qué son eses concursantes que se presentan ás probas de cultura xeral se nin sequera saben razoar?

¿Qué en España empieza a amanecer…? ¡Me parece que iso só é, só era, naquel himno dunha Falange utópica!
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES