De novo temos entre nós o tren de ilusións máis intercultural. María Fumaça volve para poñerlle música e ritmos novos ao descubrimento da realidade dende os ollos primeiros dos nenos.

O resultado é un feixe de emocións que transitan polas máis variadas paisaxes da humanidade. Unha humanidade que os integrantes do proxecto saben única e irrepetible, ao mesmo tempo, rodeada de cores e de seres especiais que a enriquecen coa súa presenza infinda.
De novo subimos a este tren con ganas de pasalo ben e de transitar climas no clima sempre quente das emocións. Segue presente o credo da alegría mais agora empeza o disco cunha canción de Chus e de Ruí que nos falan o que nos colle no corazón e que sen dúbida nos fai máis ricos; pero, María Fumaça tamén se mestura coa tradición para ofrecernos temas como Heiche de contar un conto, Pezinho da vila, As tres comadres ou O galo canta de tradición galega e portuguesa.
María Fumaça convértese así nun primeiro contacto coa cultura cheo de valores e de consciencia de que a nosa está dentro dun mundo global que ten que comunicarse sen que ninguén teña que renunciar a súa propia esencia.
Xiqui xoque trata tamén de levarnos pola diversidade coa que convivimos e que no fondo nos fai a todos máis humanos: así temos cancións como Manola que describe a vida dunha vendedora ambulante, ou Os superheroes que vai ser que tamén teñen as súas debilidades ou Pezinho da vila que, dunha maneira máis humorística, non deixa de describir a unha persoa, sen dúbida única , á quen ben seguro tería sido interesante coñecer. A locomotora de María Fumaça volve ser unha miscelánea de vidas, xeitos de vida e emocións que nos unen máis alá de pensamentos e ideas no valor infindo da humanidade.
É impresionante ver como un proxecto une no escenario e no público a persoas tan variadas nos pensamentos e nos xeitos de vivir; non entanto chegan a unha comuñón emocional a través de ritmos vivos e pegadizos que espertan a alegría para unir mans e forxar verbas de solidariedade. Non debemos esquecer que María Fumaça ten un centro inspirador dende o que a familia Sío Domínguez compón as máis belas cancións: Ruí. Este vínculo posúe unha forza telúrica que impulsa á unión e a querer participar nun proxecto educativo que ben seguro transcenderá xeracións pero, esta forza énchese de contido en moitas voces e moitas plumas que recrean a alegría en letras e músicas cheas de emocións. María Fumaça é unha forma de aprender xogando e de acercarse á diferenza atraído pola alegría compartida.
Estou seguro de que o tren da diversidade volverá recorrer Galicia procurando unir nas emocións para forxar un mundo no que cada diferenza sexa un motivo de orgullo que nos traia a aprendizaxe infinda da convivencia.
Xiqui xoque é un retrato musical de moitas vidas da nosa
cotidianeidade no que aprendemos a valorar e a interaccionar coa realidade que nos rodea. Non perdamos o billete para o tren da diversidade.
VVAA (2014): Xiqui xoque, fiú fiú. María Fumaça. Editorial Galaxia. Vigo.