Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crise e prostitución

martes, 15 de julio de 2014
Compás social

CRISE E PROSTITUCIÓN: ÉTICA, ESTÉTICA E POLÍTICA


No ano 2010 publiquei neste mesmo xornal de GALICIA DIXITAL dous artigos sobre a prostitución en España. Naquela achega de documentos e datos estatísticos tiña a esperanza secreta de que de o gran problema da prostitución melloraría no noso país, a pesar da crise, das posturas diverxentes dos grupos sociais, dalgunhas organizacións activistas e do rumbo errático dalgúns países. Xustificar e lexitimar totalmente unha das maiores escravitudes do noso tempo non me semellaba crible.

Mais recentemente chegou unha sorpresa maiúscula: a organización de Inspectores Fiscais de España (IHE) pasoulle un informe o Goberno do Estado con estas mensaxes: a prostitución en España move uns 18.000 millóns de euros; se se legalizara esa actividade, tributando ó 30%, entrarían 6.000 millóns de euros nas arcas da Facenda Pública, sen contar ademais cos posibles ingresos das Autonomías, dos concellos, etcétera. O mesmo ocorrería coa legalización das drogas brandas. E algún deses inspectores fixo unhas consideracións que non teñen desperdicio: "Falamos da prostitución ou do tráfico de drogas que merecen un reproche moral, pero non fiscal"; e ademais engadiu que "esa legalización ...engrosaría as arcas da Seguridade social e entrarían dentro do circuíto do Estado do Benestar". Máis claro, auga. O reproche moral quedaría anulado pola comenencia fiscal. De golpe ou paseniño xa temos unha brecha cultural na clase dirixente por onde pode "racionalizarse" o gran negocio das prostitución.

Nos artigos do ano 2010 acadaba unhas conclusións básicas. 1ª) O problema da prostitución hai que abordalo dende varias perspectivas da realidade empírica para evitar malentendidos e sutilezas verbais. 2ª) A globalización da sociedade mundial empuxa a máis prostitución debido ás migracións en condicións precarias e á crecente mercantilización de todas as relacións persoais e colectivas. 3ª) Malia que posiblemente nunca se logre acabar totalmente coa prostitución, o rumbo dunha sociedade democrática debe marcalo unha ética dos Dereitos Humanos que busque un horizonte de abolición, que non é sinónimo de simples prohibicións nin de castigo das prostitutas e prostitutos, senón de dar pasos eficaces cara progresiva desaparición ou redución a unha escala mínima de todo tipo de prostitución. 4ª) Para cortar a dinámica da prostitución a gran escala é necesario erradicar a publicidade nos medios de comunicación, desartellar as redes de mafias cada vez máis sofisticadas, e acurralar ós clientes prostituidores. Naquel intre de 2010, a pesar dos fermosos discursos sobre os valores éticos, as novas Ordenanzas Municipais balanceábanse nun vaivén de contradicións que hoxe non se superaron, senón que se agravaron.

Naquel momento de 2010 xa coñecíamos o paradoxo de Suecia, un modelo europeo de social democracia que buscaba como obxectivo final a abolición da prostitución e que lograron en pouco tempo reducila a un 30%. Aquel obxectivo do goberno sueco supuxo empregar moitos recursos económicos e humanos e buscar a complicidade de políticos, policías, xuíces e outras institucións públicas e privadas. Sabíamos que en España había aproximadamente unhas 400 mil prostitutas; e coñecíamos, ademais, a polémica entre regulamentación e abolición, e dicir, entre legalizar ás "traballadoras/res e empresarios do sexo" ou controlar ós prostituidores, ós anunciadores e ós empresarios do ramo. Parecía que a orientación abolicionista podía abrirse camiño, aínda que Cataluña e algunhas ordenanzas municipais doutras grandes cidades españolas abrían camiño subterráneo rumbo ó negocio legalizado.

Que pasou nestes catro anos? A crise cobrou nova forza e a prostitución aumentou por imperativo das necesidades económicas prementes. Hoxe podemos estar preto dunhas 500 mil prostitutas e dun número significativo de prostitutos. A gran prensa escrita seguiu cos anuncios de citas, que axudaron a consolidar as redes da prostitución, aínda que ese negocio da prensa minguou debido a que Internet fagocitou gran parte dese mercado. A brétema política caeu sobre este problema, a excepción dalgunhas actuacións policiais; mais nalgúns casos ruidosos e moi visibles as autoridades municipais víronse obrigadas a tomar medidas en situacións esteticamente impresentables e insoportables para os veciños de determinados barrios. As solucións momentáneas foron desaloxar ás prostitutas de certos lugares públicos moi transitados, multar ás prostitutas e nalgúns casos ós prostituidores, acantoar a masa de prostitutas en lugares apartados e facer de vez en cando algunha incursión nos eidos das mafias organizadoras e explotadoras a gran escala. E dicir, desde unha aspiración ética e moral compartida por moitos cidadáns e institucións, pasouse a unhas decisións parciais simplemente de estética pública.

E agora que? Se os gobernantes seguen as directrices dos Inspectores da Facenda Pública, parece ser que os españois vamos a ser máis ricos, pois na riqueza nacional vanse a contabilizar os cartos da prostitución e das drogas! Todo un choio a vista! Mais, claro, para iso hai que lexislar toda unha trama organizativa, "regulamentando" tódolos ámbitos administrativos para que as múltiples recadacións (impostos municipais, de sociedades, da facenda pública, da seguridade social etcétera) sexan realmente operativas. Xa temos aquí as coordenadas ideolóxicas e prácticas para unhas decisións dos políticos. Darán o salto? Veremos se por encima de todo, o negocio é o negocio; só falta regulalo para convertelo en "racional". Nin os máis progresistas do lugar esperaban esta saída ultramoderna dos Inspectores Fiscais da Facenda Pública.

Que está pasando en Galicia e en España? O diagnóstico e prognóstico feito en 2010 segue cumpríndose case literalmente: o número de prostitutas posiblemente creceu dunhas 400.000 a medio millón ou máis; a gran prensa de masas e Internet seguen coa publicidade a gran escala das diversas formas de prostitución, cada vez máis sofisticadas; algúns comunicadores e tertulianos dos medios de comunicación seguen xogando coas ideas de liberdade de prostituírse, eludindo incluso os abusos impresentables a simple vista, interpretando enquisas escoradas e sentenciando unha conclusión presuntamente razoable: o remedio está na regulación de ese inmenso bosque de formas de explotación humana, considerando as “traballadoras e empresarios do sexo” como algo normal e suxeitos á unha regulación laboral aceptable e aproveitable.

Debemos ir máis lonxe: como se constrúe unha xustificación e unha lexitimación cultural da prostitución? Como é posible que, en determinados intres da historia, determinadas formas de explotación dos seres humanos se "racionalicen" e se convertan en prácticas culturalmente aceptables e aproveitables? No caso de España as esquerdas (que son incontables grupos) xustifican as diversas prostitucións en nome da liberdade individual de prostituírse ou na suposta imposibilidade de erradicar esa práctica; as dereitas (que tamén están diversificándose), ademais dunha longa historia de xogo de palabras, de actitudes e comportamentos ambiguos, teñen agora a tentación de legalizala para non "desperdiciar" ese gran negocio de beneficio privado e recadación pública. Ambas tendencias conflúen, por razóns moi diferentes, na proposta de "regulamentación". No medio resisten os pequenos oasis de persoas e grupos que soñan cun cambio de rumbo cara a un proxecto de abolición de tódalas prostitucións, ideando formas democráticas de combater as publicidades indesexables, as mafias corruptoras e os prostituidores depredadores. Hoxe estamos nunha situación de David contra Goliat.

Hai un argumento que podería ser de peso a favor da "regulamentación". É necesario un control sanitario das prostitutas e prostitutos para que, ademais da saúde persoal dos afectados, non se estendan na sociedade determinadas enfermidades ligadas á práctica do sexo. Mais este razoamento ten unha falacia oculta: os servizos sanitarios non teñen por que estar ligados a un contrato de traballo, senón que debe prestarse, sen ese requisito, a todo cidadán que reside nun determinado escenario social. Se a prostitución pasa a ser unha profesión, quéirase ou non, esas persoas convértense, con tódalas consecuencias, en mercadoría no máis profundo do seu ser destruíndo a súa autoestima.

O problema da prostitución semella seguir un proceso parecido ó da escravitude, plenamente xustificada e naturalizada na antigüidade, posteriormente lexitimada de novo na época moderna e en parte do período contemporáneo, ata que foi abolida no século XIX na maioría dos países. Na lectura da historia da escravitude descóbrense os mecanismos ideolóxicos que levaron a xustificación da explotación dos indios e dos negros. No século XX, despois da espantosa catástrofe da segunda guerra mundial, afortunadamente formuláronse con bastante precisión e xerarquía os diversos Dereitos Humanos; mais neste amencer do século XXI eses dereitos, aínda que ampliados e matizados para os diferentes grupos humanos, están sometidos a fragmentacións, a compartimentos estancos, a desordes e a vulneracións incribles. Un exemplo deste novo labirinto cultural é a prostitución a gran escala, en todas as súas formas.

Non obstante, non debemos desesperar, porque, ademais da conciencia ética e moral da sociedade que sempre pugna por corrixir os rumbos erráticos e recuperar a dignidade dos marxinados, sen dúbida que unha lexión de mulleres acabarán fartándose de ser explotadas, de ser sometidas e sobadas por uns depredadores sen principios elementais. Mais aínda non coñecemos a sangue, a sudación, as bágoas e o tempo que ese proceso custará.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES