Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O abuso do dereito

lunes, 14 de julio de 2014
Hai unha figura xurídica que ten como antecedente o IUS ABUTENDI no dereito romano, e que a través da idade media queda un tanto diluída no que se coñecía como a teoría da emulación, cando lonxe de facer dereito se pretendía causar dano a outro, precisamente dentro dos conflitos veciñais, principalmente.

Segundo afirman algúns tratadistas, a “teoría do abuso de dereito” está aí dende que, a principios do século XX, a formulou o francés Josserand. Non faltou tampouco quen que se opuxera a ela, como é o caso de Planiol, quen argüía que se realmente existe un abuso non hai un dereito.

Subxectivamente, parece que se considera abuso de dereito cando un titular dun dereito actúa dolosamente; pero, obxectivamente, considérase que UN ACTO É ABUSIVO CANDO SE SALTA A TOUREIRA OS OBXECTIVOS QUE SE PERSEGUEN COA LEI DA QUE DIMANA O DEREITO. A de servizos mínimos nas folgas?, por exemplo.

Descoñezo ata onde esta figura xurídica puidera ser aplicable ao problema que os cidadáns de Lugo teñen coa recollida do lixo; e incluso penso que dela só sería posible recoller o seu espírito para outra clase de tratamentos xurídicos. O que devén inadmisible é a perpetuación do problema, en calquera das perspectivas que se adopten.

Dende o punto de vista dos obreiros, porque estenden os seus indiscutibles dereitos a folga ata o extremo de pór en mans dos cidadáns unha función que non lles corresponde, como é constituílos en coadxuvantes neste singular proceso da defensa e reivindicación dos seus dereitos, sempre co tópico sindical de que, en caso contrario, poñeríase en tea de xuízo un exercicio democrático. Curioso...!, cando os pacientes veciños de Lugo están sendo vítimas dunha práctica que, por abusiva, dexenera en ditatorial, e que, segundo parece, deben aceptar aínda a risco da propia saúde.

Por parte da empresa, non hai evidencias, ao menos coñecidas, de que conten, xa non con respostas adecuadas agora, senón coa sensibilidade necesaria para detectar e valorar as posibles reivindicacións dos seus obreiros coa suficiente antelación, poñendo o medios necesarios para evitar esta extrema situación.

Pero quen realmente teñen a máxima responsabilidade, polo menos moral e politicamente, son o gobernantes, dun ou doutro nivel, que descansan na inopia, para saírse sempre con solucións de última hora, establecendo regulacións apresuradas (as leis orgánicas con motivo da abdicación do Rei, por exemplo), e pasando dunha furia lexislativa, con oportunidade electoral, a un abandono completo de regulacións moi necesarias na sociedade, como é a do exercicio do dereito a folga.

Con todo isto, o que se está propiciando é que os únicos que teñen dereito a facer uso de comportamentos ben pouco democráticos son aqueles que se baban co atranco persistente do termo “democracia”, como se foran os únicos “ordenados” para “ritualizala” e poñela ao seu único servizo.

Aplicable ou non, segundo as esixencias hermenéuticas xurisprudenciais, aquí estamos en presenza non só dunha indolencia gobernativa, que ben se apuraría a sancionar escrupulosamente calquera ridiculez non ecolóxica dun veciño, senón tamén, e principalmente, do exercicio abusivo duns dereitos, libremente catalogados nun ámbito sen regulación e abandonado, por comodidade (tamén por esa prudencia imprudente?), a boa de Deus.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES