Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ensalmos e rituais etnomédicos (III)

jueves, 10 de julio de 2014
8.2. DISLOCACIÓNS, GOLPES E ROTURAS DE ÓSOS
En Moreda do Courel (Seoane, Courel), para sandar unha man rota, había que pasala por onde pasaban a roda do carro e mencionar o seguinte ensalmo:
“Tanto teña esta man miña,
aberta e desconxuntada,
como esta pedra
ten de mudada” (55).


Na comunidade de Santiago de Cubilledo (Baleira), para curar algún membro do corpo dislocado, levábase ó doente a un lugar onde se xuntasen a auga de varias fontes e mencionábase -no caso de que fosen tres fontes- o seguinte:
“Conforme a auga
destas tres fontes
van dar ó mar,
que así volva a xuntalo
pé, man, rodilla, tobillo...
no seu lugar.
Polo poder de Deus
e da Virxen María” (56).


Logo collíanse nove pedriñas e citábase o ensalmo nove veces, facendo cruces sobre a parte danada. Cada vez que se dicía o ensalmo tirábase unha das pedras ó chan. Como remate rezaban o painoso e o avemaría.

En Sudros (S. Pedro do Río, A Fonsagrada), collíase unha agulla enfiada coa que se rodeaba nove veces a parte mancada do nocello e se clavaba nun nobelo, intre no que se recitaba a seguinte fórmula:
“Fío torto que prenda no óso
como a berza no horto,
a silva na mar,
que tódolos ósos
volvan ó seu lugar.
Se é esfiado,
se é esnogado,
se é estocado.
Polo poder que Deus ten,
e a Virxen María. Amén” (57).

Cada vez que a persoa, que levaba a cabo o ritual de curación, recítaba esta fórmula, o doente debía dicir: “ Que coses aí”.
Tanto a agulla, como o fío, non se deben usar para outros fins ata que o enfermo sande.

Na Poboa do S. Xiao empregábase a seguinte pregaria para as contusións e escordaduras dos ósos.
“Jesús nació,
Jesús fue bautizado,
Jesús sufrió pasión y muerte,
Jesús resucitó
y ascendió a los cielos,
Jesús está sentado
a la derecha de Dios.
Por estas grandes verdades
que inspiran a los cristianos,
que tus enfermedades sean curadas
como fueron las heridas del Señor” (58).


En Santiago de Cubilledo (Baleira), para curar os pés torcidos, usábase o seguinte ritual: “Unha persoa fai que cose e de feito enrodela un fío ó redor do pé, establecéndose o seguinte diálogo entre o doente e a persoa que trata de curalo”:
“¿Qué coses? dí o enfermo.
Fío aberto,
esfiado,
esnogado,
desencabalicado,
desincordiado,
que prenda no óso
como a col no horto.
Por o poder de Deus
e da Virxen María,
un padrenuestro
e un avemaría” (59).


Na Graña (Abadín) utilizábase o seguinte ensalmo para sandar as dislocacións:
“Fillo que de carne
e sangue saíches,
vólvete ó teu lugar,
como as ondas
que andan polo mar,
que por obra de Dios
y el Espíritu Santo,
vólvense ó seu lugar” (60).


En Xermar (Cospeito), para curar calquera tipo de golpe, facíase unha pasta con fariña de trigo, de millo e auga. A pasta quentábase e con ela dábanse emplastos na zona dolorida, mentres se recitaba a seguinte pregaria:
“ Ai, Señor que estás no ceo,
achégate a nós e axudanos” (61).


O ritual realizábase, ás noites, durante dous días seguidos.

No Freixo (A Fonsagrada), para compoñer un pé, collíase un novelo de lá e unha agulla e frotábase o pé co novelo. Logo, collíase a agulla e pasábase polo novelo ó redor do pé, mentres o afectado preguntaba: ¿Qué coses? e o compostor contestáballe:
“Cosa o que coso,
fío retorto
que prenda no óso,
coma a col no horto.
Polo poder que Dios ten,
e a Virxen María. Amén” (62).


Este ritual levábase a cabo durante nove días seguidos.

En Santa María de Gondar (Lugo), para sandar as fracturas, realizábase o seguinte ritual: a persoa que sufría a doenza poñíase no chan en posición horizontal. Logo, pasaba sobre ela, dun lado para outro, unha muller que tivese mellizos ou xemelgos. Mentres realizaba a operación pronunciaba as seguintes palabras, nas que intervía tamén o doente.
Muller: “Tu relaxaches.
Doente: eu relaxei
Tu enxamiaches.

Muller: Eu enxamiei.
Dios queira que sanes
da túa relaxadura,
como eu sanei
da miña enxamiadura.
Polo poder de Deus
e da Virxen María” (63).

Ao rematar o ensalmo o doente rezaba un painoso e unha avemaría. O ritual realizábase tres veces consecutivas.

Na dislocación e rotura de osos, apreciamos como o remedio compónse tamén de dous elementos:
Un físico, que pode referirse a elementos naturais: como auga, pedras e pasta de fariña de trigo, millo e auga, así como a certos obxectos vinculados coa curación: como agullas, fío, novelo de lá...
E outro suprafísico, ligados cos ensalmos, que permiten acadar a curación tendo en conta sempre aos elementos fisicos.
As entidades sagradas que aparecen mencionadas nos ensalmos son as seguintes: Deus, A Virxen María, Jesús e o Espíritu Santo.
As oracións que rezan os doentes e os menciñeiros, logo de recitar o ensalmo, son: o painoso e a avemaría.

Finalmente faise alusión aos ensalmos e ás oracións correspondentes da seguinte maneira: nove veces ao día, dous días, nove días consecutivos e tres veces consecutivas.
Por outra banda, menciónanse certos feitos da realidade física e suprafísica:
“Conforme a auga
destas tres fontes
van dar ó mar,
que así volvan a xuntalo...”

“Jesús nació,
Jesús fue bautizado,
Jesús sufrió pasión y muerte,
Jesús resucitó
y ascendió a los cielos,
Jesús está sentado
a la derecha de Dios...”


Logo, establecese nos ensalmos unha comparación analóxica entre o organo danado e outras vertentes da realidade física e humana.
“que prenda no óso
como a col no horto...”

“vólvete ó teu lugar,
como as ondas
que andan polo mar...”

Isto simboliza a expulsión do estado de enfermidade e polo tanto a paulatina recuperación do estado de saúde. Por outra banda, o que se está levando a cabo con este ritual é imitar dunha maneira deliberada aquilo que se pretende acadar “ Es frecuente que los ritos consistan en una imitación de los efectos que la gente desea producir” (64).
Finalmente apreciamos como o curandeiro-a nunca actua no seu propio nome, debido a que o seu poder é vicario, non intrínseco as súas persoas, dotes ou coñecimentos; a súa capacidade e poder terapéutico orixínase e provén da participación e manipulación das manifestacións do sagrado (65). Esta dependencia do sagrado queda reflectida nas bendicións e oracións que rematan do seguinte xeito:
“Polo poder que Dios ten,
e a Virxen María. Amén.
“Polo poder de Deus,
e da Virxen María”.



NOTAS
55. GÓMEZ PÁEZ, María. De Moreda do Courel (Seoane) (Courel), 57 anos.
56. GÓMEZ PESTAÑA, J.Antonio .De Santiago de Cubilledo (Baleira), 59 anos.
57. LÓPEZ LÓPEZ, Amadora. De Sudros (S. Pedro do Río) (A Fonsagrada), 83 anos.
58. RIVERA ARIAS, Elena. Da Poboa do S.Xiao, 78 anos.
59. GÓMEZ PESTAÑA, José A. De Santiago de Cubilledo (Baleira), 59 anos.
60. CASTIÑEIRA MARTÍNEZ, Mercedes. Da Graña (Abadín), 40 anos.
61. GALLEGO LOZANO, Amparo. De Xermar (Cospeito), 81 anos.
62. FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Otilia. De Freixo (A Fonsagrada).
63. DAFOUZ, Leonides. De Santa Maria de Gondar (Lugo), 83 anos.
64. FRAZER, J.G.- La rama dorada. México: Ed. F.C.E., 1969, páx.141.
65. Ibidem, páx. 172.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania