Lembranzas dunha vida (16)
Rodríguez Cabanas, M. Francisca - miércoles, 09 de julio de 2014
Recordando ao avó Santiago
Hoxe, saín para apañar castañas. O vento move as follas; parece recordar tempos pasados. Vou recordar a historia do avó do meu home, que contaban as fillas.
O avó era un rapaz ben parecido. Tiña unha moza nun lugar de enfronte. Estaban facendo proxectos de casaren, pois el tiña o oficio de ferreiro e casaba para a casa. Era o da comenencia. Tiña moi boa relación coa familia dela. Todos estaban contentos. Pero, un día, apareceu un parente dela e, como era máis rico, o avó Santiago tivo que sufrir o desamor.
Mesmo chegou a dicirlle que, se casaba antes de tres meses, que a mataría. Ela esperou algo máis e casouse. Non lle foi moi ben.
Santiago buscou outro amor e casouse. Tivo cinco fillos. Foi un bo home. A muller saiu boa. Pero, contaban as fillas que, un día, estando derrubando un castiñeiro, as fillas apañando as castañas, e as rapazas dixéronlle: Mi padre, se fora noutros tempos..., pois el sempre lles contaba cando aínda se querían. El parou de varear os ourizos, púxose mirando para a casa do seu amor perdido, e cantou así:
A los Pirineos de Francia, me llevan para que te olvide, llévenme a donde quieran olvidarte es imposible.
Volveu coller a vara e seguiu co seu traballo.
Debe ser malo de superar o desamor. El casouse, quixo moito a súa muller, traballou moito para sacar os seus fillos adiante. Pero, aos corenta e oito anos, enfermou; aínda o fillo máis novo era pequeno. Aínda lle vivía o pai cando o sacaron da casa para o cemiterio. Unha irmá do primeiro amor choraba moito. Que pensaría? Quedaban os recordos que non se podían borrar.
Do avó Santiago quedou un bo recordo. Non o coñecín. Son a neta política. Escribo esta historia para que non se esqueza.
Un recordo agarimoso para o avó Santiago por deixarnos esta historia marabillosa, tamén para a xente que estivo ao seu lado.

Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora