Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando ideas (XVI)

martes, 08 de julio de 2014
O mellor libro da vida, despois da Biblia, son ás arbores, todas e cada unha das árbores, que por algo proceden do Paraíso.
Espallando ideas (XVI)
Ponte ao abeiro dunha delas e ¿qué ves, qué observas, qué sensación che entra? Se fai frío, abrígante; e de molestar o sol, cálmanche as suores. En todo caso sempre respiras mellor, un aire purificado, alí mesmo, nas propias follas.
Teñen as raíces na terra, ¡igual que Adán!, e abrazan coas ramas, ¡igual que Eva! Daqueles avós, dos meus pero tamén daqueles, dos remotos, vimos; o noso zume procede dese Xénese, e, pasando de pais a fillos, chegou ao noso tronco. As raiceiras son os sufrimentos e as privacións dos nosos entregos, as mamadeiras que nos deron sustento, século a século; porén, a pouco que nos sopre un vento demoníaco, estamos dispostos a botalo todo a perder, a inclinarnos para onde nos leven as tempestades, inimigas seculares de canto sexa verde, verde esperanza.
Nós, tronco de tantas raíces, brote actual, presente, visible, froito de tanto subministre secular, adoitamos botar tripa, engordamos, e con iso, desagradecidos, anquilosámonos; de postos a rezar, en vez de agradecer detémonos no, “Venga a nós…!” ¡Iso, a nós! ¿Duros? ¡Por fora algo de cortiza, mais, por dentro, case pétreos; uns máis que outros, pero, en xeral, firmes, consistentes, persistentes nas nosas teimas, coma táboas! Do tronco, de nós mesmos, saíron as ramas, séxase, os fillos; e deles brotaron, ou brotarán, os netos, esas follas tenriñas que compre coidar para que maduren, para que non as leve o vento; iso, antes tempo! Vacinas, alimentación axeitada, escola, e, sobre todo, exemplaridade, facilitarlles unhas brisiñas de aire puro e suave, para que non se murchen! ¡Ai a folla, os netos: qué irresponsables somos de non prestarlles a atención debida, pois, malogradas as follas, as árbores están condenadas á morte espiritual, ademais da outra!
A nosa responsabilidade coas ramas, e subseguintemente coas follas, é gravísima, ineludible. Daquela, a felicidade está en abeirarse debaixo dunha boa árbore, pero… que teña ramas, boas, e as follas aínda mellores; fillos exemplares, e netos superlativos! Isto non se dá de balde: hai que plantar ben, casándose con boa terra, e a partires diso, abonar, estear, protexer… pois, do que non, pode vir o corzo mundanal, e roernos a cortiza, co cal, adeus árbore, adeus familia!
Eu, modestamente, algo diso, da veneración e do respecto que lles debemos ás árbores, teño dito, dito e escrito, pero mellor cá min fíxoo o periodista Manuel López Castro neste responso que acabo de ler; é tan exacto e tan axeitado, que me permito transcribilo, tal cal: “Deforestaciones.- Va por treinta y un años y lo sigo sintiendo y viendo como si fuese in situ. Impactos que marcan y perduran. Cuatro abatidos (noviembre de 1983) en Gomesende (Pol) por disparos de Marcelino Ares Rielo, ‘O Garabelo’. La impresión no fue menos fuerte que la vivida seis años después en Surribas (Chantada) por la matanza de Paulino Fernández, esta vez con ocho cadáveres. La TVG recordó el primero de los episodios en ‘Galicia 112’ y volví a lamentar aquella desdicha, que bien pudo ahorrarse si la concentración parcelaria, ejecutada en la zona, no hubiese alimentado el origen por el absurdo de no incluir los árboles en los lotes asignados. La finca de ‘O Maxistro’, uno de los muertos, le correspondió a Marcelino, quien pretendía preservar los carballos que ese infeliz día cortaba el anterior propietario. Y nada cambió desde entonces: en posteriores concentraciones, las arboledas siguen sin ser valoradas e incluidas, con lo cual, además de conflictos, se producen deforestaciones salvajes, por los desacuerdos entre las partes”.
¡Que mo digan a min, que na de Montecubeiro, para que o novo dono non caese na tentación de vender os carballos que eu lle deixaba, gratis datis, polo amor que lles tiña, regaleillos baixo conditio sine qua non de que non se lle ocorrese cortalos mentres eu viva! De paso, pídolle a Deus cen días de purgatorio para ese/ou eses que tal Lei fixeron!
-.-


¡Mecachis, qué guapo soy! ¡Que si, meu Carlos Arniches, que aí está o quid da cuestión, o auténtico quid pro quo de España, este país uniforme da egolatría, unha relixión sen ateos!
¿Será esa a causa de que, Os ricos de hoxe serán os pobres de mañá? ¡Pos claro! ¡Cantas veces o terei oído na miña infancia, mais esquecérao ata hoxe que vin na tele un “Alalᔠgravado na Habana! Vin o “Alalá”, pero non vin a Habana senón o pouco conservable, presentable, o pouco que dela ensinan, pois para ver a outra nada como entrar por Internet petando na porta dun “La Habana, actualmente”, ou similar, que son varias as opcións rexistradas! ¿Isto, qué ten que ver con España, con España ou cos Españois? Rapaciño/rapaciña, para entender Cuba hai que entender España, pois, de tales pais tales fillos: Sacudíronse o xugo americano, certo é, mais foi para caer na pandeireta española, para volver a ela, cousa por outra parte natural suposto que se cría do que se come, e que nun ambiente tropical os parasitos medran, e medran, ata infinito!
A cada xeración, a cada familia rica, séxase enriquecida, segue unha de pavos reais, de andares solemnes; en definitiva, de moita cola! Se a un patrucio lle dá por trepar, por esforzarse, por discorrer vías de ascenso, o máis probable é que consiga elevarse sobre si mesmo, auto promoverse, e de paso, crea riqueza, xera emprego. A continuación virán os fillos que, nutridos con esa elevación herdada, respirando eses aires, unen esforzos, acapáranos, melloran a preparación, superan e supéranse, optando pola bandeira do Plus Ultra. ¡Ah, pero aos poucos chégase á vertixe, ao mal de altura, comezando os mareos, as dilapidacións, os soños da grandeza herdada, os auxilios nefastos recibidos de pseudoexpertos que foron contratados, séxase, mordomos infieis!
Nesta última fase, a empresa, de seu, chegou a unha especialización de monocultivo: Foinos ben con estas técnicas, con estas máquinas, neste campo, para qué decruar outros? E logo que neses libros da Facultade onde estudamos os netos, lemos unha frase, célebre, de don Miguel de Unamuno: ¡Que inventen ellos! Leron, vírona, pero non a entenderon: ¡demasiado profunda para os seus entenderes volátiles, erráticos! A todo isto chegan á letra “r”, á dos “eres”, e de aí non pasan: ¿Para qué producir, para qué exportar, co fácil que é a importación, particularmente para nós, para os importantes? ¡Aí tedes o quid pro quo da cuestión: O Castro vello, aquel emigrante de Láncara, traballou, aforrou, mandou os fillos á escola, á que el non tivo, pero…, esfumáronse! ¿Ou sería máis exacto dicir que se afumaron? Neste punto opto pola preceptiva itálica: Chi va piano, va lontano! Pero o caso é que eles mesmos, eles que o din, non o practican: ¡latinos que son, eles tamén!
-.-


Un consello, outro: Agora que xa non utilizamos as verzas da horta para… para iso, tiremos do papel hixiénico sen dó, con abundancia… a ver se esgotamos os eucaliptos, e con iso volvemos ás hortas!
Espallando ideas (XVI)Aquí tedes a última delas, que, ao saturarnos de rañaceos, logo padecerá a invasión dos eucaliptos, e daquela… a por verduras ao deserto do Sáhara!
¡Tamén o teño dito, pero, coma se nada: Importar é cousa de importantes, e para importantes, nós! A canción era: “Para mariñeiros, nós”, pero a letra estaba equivocada: ¡Para importantes, nós! Importade, fillos, importade, que para exportables xa tedes / xa temos os universitarios!
España, madre de naciones, que dicían os irmáns García Naveira, de Betanzos, cando volveron ricos, ricos e xenerosos, despois de face-las súas Américas, as de entón. Daquela, naqueles tempos, o que non quería sachar no seu horto facíao para outros, alén dos mares. Pero os tempos cambian que é unha barbaridade: Agora, como non hai ferreiros, enferruxáronse os sachos! Pero faise con tractores... ¡Non tal, pois o gasóleo precisámolo para estes autos de 200 CV, que consumen o que non ten amaño, e non o ten porque o gas vén de fóra, que os nosos, os nosos gases, resoan pero non soan…, porque son de tripas baleiras!
¡Diaño de economía, qué é ben difícil de entender; por algo custa unha carreira, unha das grandes!
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES