Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O dereito de vivir en paz

miércoles, 09 de julio de 2014
Veño dunha semana nostálxica na que abrín un montón de discos que había anos que non escoitaba. Veño de reencontrarme coa música que me fixo sentir ata vibrar de emoción. Son moitos os nomes, sobre todo de cantautores que tatareei ao tempo que voaba novamente na súa música. Dous deles foron Raimon e Víctor Jara. Do primeiro hai que lembrar as súas letras de alto contido pedagóxico e do segundo que é un símbolo da liberdade e do benestar en todo tempo e lugar. Raimon e Jara teñen en común unha loita cultural e un apoio constante aos colectivos oprimidos. Quizais Jara fose máis explícito e teña letras máis descritivas derivadas de situacións que viviu e de que foi un home que naceu coas mans na terra e suou cada anaco de pan que levou á boca.

Da historia de Víctor hai pouco que dicir, pois é ben coñecida. De Raimon, quizais, conveña recordar que en certo modo foi o impulso a Voces Ceibes e que o seu nome fica na historia do 68 español e galego cun marabilloso recital en Madrid e outro en Compostela. Hai que lembrar, tamén, que o valenciano traduciu a Víctor Jara e dedicoulle un disco en catalán.

Para min, Raimon e Víctor deixáronnos un concepto de paz amplo que non se restrinxe á ausencia de violencia física, senón que nos leva a unha paz real marcada polo benestar das persoas que habitan o país. Foi moi claro Raimon cando dixo aquilo de “de vegades la pau fa molt més mal”. Referíase a que non hai paz onde hai inxustiza aínda que haxa silencio e non se actúe e referíase, tamén, a que esa “paz” non é desexable. Tamén hai que lembrar que Galtung falaba de violencia estrutural como unha forma de opresión: “chamar paz a unha situación na que imperan a pobreza, a represión e a aliñación é unha parodia do concepto de paz”.

Vivimos tempos de situacións límites onde non se está velando pola paz real, a paz que vén no pan, no traballo e na cobertura das necesidades vitais do ser humano. Isto supón unha deshumanización que contribúe a adoitar saídas desesperadas ante fracasos vitais que levaron por diante moitos anos de traballo.

Temos que saber que vivimos unha situación límite, inxusta, inmoral, inhumana, indecente e con causas e consecuencias. A partir de aquí, toca repensar a paz, a paz que queremos, a do pan, a da educación, a da sanidade, a dos servizos sociais. Se cadra, se non somos curtos de visión aínda podemos conseguila pero, para iso, necesitamos apostar por nós mesmos e que os que nos representan asuman a prioridade absoluta do benestar en vez da inmoralidade de pedir sacrificios e seguir malgastando en festas “medievais”.

Eu sigo crendo na paz de Víctor Jara, de Raimon e de Galtung e sigo buscando alguén que non teña máis prioridade que o seu propio pobo e que se falla nesta prioridade teña a coraxe e a dignidade de irse.

Só unha cousa máis: a paz é dotar a cada persoa para ser o que queira e garantirlle os medios para acadar a súa autorrealización vital.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania