Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Na entrega do Premio Trasalba

sábado, 05 de julio de 2014
O noso colaborador Manuel Cabada Castro pronunciou a seguinte Homilía nas misa do acto do PREMIO TRASALBA, o pasado 29 de xuño:

Pedíronme hai xa hai algunhas semanas uns bos amigos, meus e do noso país galego, a ver se me animaba a estar hoxe por aquí con vós, presidindo esta eucaristía “en memoria de Ramón Otero Pedrayo”. Aceptei este convite con agradecemento. A verdade é que eu tiña e teño unha certa obriga persoal de honrar e agradecer a D. Ramón polo seguinte. Daquela -falo do ano 1962-, hai polo tanto xa algo máis de medio século, vivía eu aínda fóra da península, en terras austríacas, un ano antes da miña ordenación sacerdotal, e non me era posíbel vir a Galicia. No día 13 de outubro dese ano viaxaba D. Ramón Otero Pedrayo ata unha aldea do concello pontevedrés da Estrada, chamada Codeseda, para dicir unhas emocionadas palabras e recitar un precioso poema da súa autoría en honor dun amigo seu galeguista. Este amigo seu morrera, con só 34 anos, no ano 1936 lonxe de Galicia e nese día 13 de outono do ano 1962, un cuarto de século despois do seu falecemento, trouxeron as súas cinzas á súa parroquia natal de Codeseda. Con anterioridade, no ano 1931, Otero Pedrayo asinara con el e algúns outros galeguistas unha especie de manifesto co título de “Afirmación Católica dun Grupo de Nacionalistas” a prol da liberdade da Igrexa en tempos daquela nada doados.

Pouco máis dun mes despois participarían tamén ámbolos dous na fundación do Partido Galeguista en Pontevedra. Pois ben, este bo amigo de Otero Pedrayo chamábase Xosé Manuel Cabada Vázquez e era irmán de meu pai. Eu, que non puiden estar daquela en Codeseda, quero agradecerlle aquí hoxe na súa terra de Trasalba o seu poema e as súas palabras, aínda que teñan xa pasado moitos anos desde entón.

Sermos agradecidos, sempre, con todos, con Deus e coas persoas, é algo que nos debería caracterizar a cantos nos chamamos cristiáns, acostumados como estamos a participar neste acto litúrxico central da nosa fe como é a eucaristía, que significa precisamente iso: “agradecemento”, “acción de grazas”.

Entre tantas cousas boas que se poderían dicir sobre Otero Pedrayo, non pode estar ausente a de que era unha persoa xenerosa e agradecida. Coas persoas, coa natureza, coa vida, coa súa e nosa terra galega, co Deus cristián no que cría. Nun poema seu dicía o outro Ramón, o poeta Ramón Cabanillas, que Otero Pedrayo era “capitán dos bos e xenerosos”. Érao de verdade.

Precisamente hoxe celebra a Igrexa universal a festa de dúas sobranceiras testemuñas do evanxeo: os apóstolos Pedro e Paulo, tan unidos na fe como diferentes na súa acción apostólica. Pedro testemuñaba o evanxeo entre xudeus e persoas próximas á súa relixión e cultura. Paulo vivía, en troques, entregado ós xentís, ós de fóra, a nós, coma quen di. En si mesma é xa unha boa mensaxe o feito mesmo da celebración conxunta destes dous apóstolos. Porque a Igrexa, a nosa fe, non se pode entender axeitadamente a si mesma, sen ser ó tempo antiga e actual, ancorada na tradición e intensamente aberta á actualidade e ó futuro, sen ser dos de casa e tamén dos de fóra, é dicir, sen ser ó mesmo tempo Pedro e Paulo.

Isto que é ou debería ser a Igrexa tería tamén que poder dicirse de cada un de nós. Deberiamos ser ó tempo, aínda que poida semellar imposíbel, tradicionais e progresistas. ¿Ou é que non foi algo ou moito disto o noso gran Patriarca das Letras Galegas? Xustamente por iso é tan grande e senlleira a súa figura. D. Ramón era un gran coñecedor do pasado histórico e literario dos pobos e das culturas e, de maneira especial, da nosa cultura galega. Foi iso o que lle deu azos para albiscar o futuro e as posibilidades de Galicia como pobo e, ó tempo, para traballar ideolóxica e politicamente por realizar esas posibilidades.

As persoas que máis influencia poden ter no futuro do mundo e dos pobos son aquelas que foron quen de recibir no seu interior unha grande experiencia (relixiosa ou de outro xénero). Xesús recibiuna do seu Pai Deus en canto “Fillo benquerido” del. Reuniu logo arredor del un grupo de persoas (entre os cales salientaba Pedro e despois, aínda que atraído a Xesús doutra maneira, Paulo), que espallaron esa experiencia compartida con Xesús polo mundo adiante.

O evanxeo de hoxe amósanos claramente un Pedro que chegara a saber e comprender que Xesús non era unha repetición baleira e morta do pasado -dun Elías, dun Xeremías ou de calquera outro profeta, incluído o máis recente deles, Xoán Bautista-, senón unha novidade absoluta: “Ti es –responde Pedro á pregunta que lles fai Xesús sobre a súa persoa-. Ti es o Mesías, o Fillo de Deus vivo”. Trátase dunha experiencia apostólica de Xesús que chega ata nós, os que estamos a celebrar aquí esta eucaristía, que vén sendo en definitiva lembranza viva e agradecida da gran “boa nova” de que Xesús salva, libera, ofrece vida e esperanza a todos nesta vida e na eternidade vindeira.

A nivel político e social, os galeguistas do tempo e do círculo de Otero Pedrayo compartiron tamén unha forte e conmovedora experiencia. A dunha Galicia que fora dona de si mesma, posuidora dunha cultura e lingua de seu e que se encontraba agora en inminente perigo de diluírse como tal. Os que dunha ou doutra maneira compartimos tamén hoxe nalgún grao esa mesma experiencia debémoslla en boa aparte a eles e, seguíndoos tamén a eles, desexamos e intentamos comunicarlla tamén ós nosos contemporáneos e ós que veñan despois de nós.

A humanidade débelle moito a este tipo de persoas que foron grandes experimentadores, atentos auscultadores e apaixonados sentidores da realidade cultural e social dos pobos, da súa situación, do seu perigo ou das súas ameazas. En certo modo son coma anxos, como anunciadores e promotores dunha liberdade e felicidade que non se acadan con simples sonos ou soños. Tamén a Pedro o espertou e liberou do sono, que lle facía máis suave a cadea, un anxo, un anxo de Deus, que non concordaba cun Pedro durmindo tranquilamente no cárcere, ó lle dicir. “Érguete correndo”...

Non semella moi artificioso que poidamos comparar o anxo de Deus desta escena, narrada nos Feitos dos Apóstolos, con aquel outro anxo poético que lle inspirou ó bardo Pondal os versos que se converterían despois en letra do himno galego: “esperta do teu sono / Fogar de Breogán”!

Si. Temos que andar ben espertos na vida, se queremos que os demais, os outros, os nosos irmáns de Galicia e do mundo enteiro poidan vivir felices de día e durmir tranquilos de noite. Pois Deus creounos a todos para a nosa felicidade, non para a nosa desgraza.

Na carta que o apóstolo Paulo, próximo xa ó seu martirio, lle dirixe hoxe a Timoteo confesa limpamente: “Combatín unha boa loita, rematei a miña carreira, conservei a fe”. Algo semellante, a nivel de sinxelo e bo crente cristián, puido dicir seguramente tamén de si mesmo Otero Pedrayo antes de nos deixar nesta súa terra de Trasalba.

Entre tanto, procuremos tamén nós “conservar” esa mesma fe, confesándoa no “Credo”.

CREDO


ORACIÓN DOS FIEIS
Deus, noso Pai, a Ti, que nos agasallaches co teu fillo “benquerido”, encarnado nun tempo, nun pobo e nunha cultura concretos, dirixímoste as nosas oracións, por medio de Xesús dicindo: Escóitanos, Pai. TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos, Pai, a “combater” a nosa propia “boa loita”, coma o teu apóstolo Paulo, por achegar o teu Reino ó noso mundo. Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Axúdanos, Pai, a “conservar”, tamén como Paulo, a nosa fe en Ti e no teu Fillo Xesús e a aumentala en nós realizando sempre o ben, coma o teu Fillo Xesús. Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Axuda, Pai, ó noso país galego e a tódolos países do mundo a superar calquera forma de inxustiza, de discriminación social, económica, cultural ou lingüística, para que así nos poidamos sentir todos irmáns os uns dos outros, coma fillos teus que somos. Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Fillo teu e irmán noso, nesta solemne festividade dos teus Apóstolos Pedro e Paulo. TODOS: AMÉN.


Poema a XOSÉ MANUEL CABADA VÁZQUEZ, de Otero Pedrayo

Terra nai, niño amante, doce acougo,
as cinzas do poeta
pousan na tua quentura garimosa
non lonxe do val vougo
onde foi volvoreta
sua tenra edá naipela e señardosa.
O esprito alba fariña
do petrucio muíño,
xentil laio do Umia ventureiro,
frol do ceo e do liño,
namoro de mociño
de ledo matinar alboradeiro,
revoa nas outonizas carballeiras,
xoga nos vagos fumes
do Tabeirós fidalgo e campesío.
E si á mañán nas leiras
e nas valentes cumes
tolle a neboeira o abrente lucidío,
vede do poeta as íntimas lembranzas
dos mortos benamados
e a lareira esquencida.
E a ben tecida espranza
dos días asoellados
pra a Nosa Terra ergueita e benquerida.
No latexar das torres de Sant Yago
profeso na Galiza
e a língoa feiticeira
afundiume a sulago
na foula de lediza
da tradición amiga e miragreira.
Chantemos baixo a Crus, a "vita et via",
verdecente loureiro
fillo do agasallado
pola tremante man de Rosalía.
E pra sempre na vila e no rueiro,
nos pazos alteirosos
se fale, e no camiño:
Foi un poeta senlleiro
dos bos e xenerosos.
Pra il no seixo cristaíño
faíscan da sona lumes gabanciosos.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES