Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Felipe Arias: Merecida homenaxe

jueves, 03 de julio de 2014
CRÓNICA DUNHA BEN MERECIDA HOMENAXE

O día 27 do mes pasado rendémoslles unha cálida homenaxe a Felipe Arias Vilas, Director do Museo do Castro de Viladonga é á súa muller Mariché, Xefa do servizo de documentación do mesmo Museo, con motivo da xubilación de ambos.

Éramos de corpo presente uns 130 e de medio corpo, ou sexa, que non puideron asistir, pero fixéronse presentes de varias maneiras, outros corenta, ademais de asociacións que mandaron comunicados. Estas foron: o Instituto de Estudos Chairegos, Xermolos de Guitiriz e Amigos da Feira de Castro de Rei.

Despois de xantar no Méndez Núñez, guiou o acto coa mestría de costume Xulio Xiz. Mini e Mero participaron con tres cancións e, naturalmente, neste ano de Díaz Castro non podía faltar Penélope, aínda que tanto Felipe coma Mariché non son de un paso adiante e outro atrás. Son de continuos pasos adiante. A primeira en intervir foi Elena Varela, en nome do persoal actual e anterior que traballou no Castro e no Museo. Destacou o labor dos homenaxeados compartido cos demais homes e mulleres que ao longo de moitos anos tiveron e teñen unha entrega total ao xacemento arqueolóxico de Viladonga. Invitou a Felipe a seguir colaborando especialmente a través da Asociación de amigos.

A continuación foi Adolfo de Abel Vilela que rememorou a súa irmandade con Felipe e o feito de ter sido el o culpable de que Felipe deixase a súa función de docente para virse como consrevador e Director do Museo de Lugo antes de pasar a Viladonga. Non se esqueceu tampouco da súa capacidade organizatativa. Logo tocoulle a rolda a Fernando Arribas en representación do amplísimo equipo de persoas, todos eles verdadeiros intelectuais que con-viviron e con-traballaron con-entusiasmo no museo provincial.

E de seguido, un dos patróns do Museo do Pobo Galego -co que Felipe tamén ten moito que ver-, Fernando Acuña Castroviejo , cualificou a Felipe e Mariché como fillos dunha revolución non cruenta, pero si cultural. Iso marca de tal maneira que, xa xubilados, seguirán traballando pola cultura de Galicia e o noso país. En representación do club cultural Valle Inclán co que tanto Felipe como a Asociación de Amigos do Museo e Castro mantén unha relación de auténtica fraternidade, falou Tonina Gay, centrándose principalmente no bo carácter de Felipe e na capacidade organizativa de Mariché.

O actual alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, quixo salientar a importancia do Museo para o Concello e do seu director que dende o Museo irradiou cultura por todo o termo municipal e moito máis aló. Tirou por xente cara o Castro e mandou cultura dende o Catro cara a fóra. Estivo tamén presente o Alcalde anterior, Xoán Xosé Díaz Valiño, que grazas ao celo dunha xuíza e o despregue de medios de comunicación, debido a unha filtración interesada e publicitaria do xulgado e da súa titular, deulle unha sona enormísima e insospeitada ao noso concello. Eu trato a Valiño e nunca o crin merecente de chegar esposado e escoltado por policías con sirenas ao xulgado. Tamén se a Operación Rei é outro globo que se desincha, vaia coña! Eu, amante do espectáculo, desexo de todo corazón que así sexa, porque tamén son corrupto en solidariedade con imputados que coñezo deste Concello no que un día me nomearon fillo predilecto. Valiño non falou coa palabra. Falaba cos ollos e coa esperanza de que se saiba a verdade.

Para ir rematando Xulio leu o seu artigo que sairía a martes seguinte en La Voz de Galicia, votando en cara aos oíntes que non o coñecesen xa o venres anterior. E isto non o dixo Xulio. Dígoo eu: “Se Galicia fala só con esa Voz, mellor sería ser xordo”.

Volvendo ao rego, escribiu Xiz que Felipe, o Señor de Viladonga, deulle ao Castro a dignidade de lugar senlleiro e ao Museo, obra súa, a de institución referencial para chairegos, lucenses e galegos, superior a moitos outros museos de máis sona, pero de menos eficiencia.

Entre as autoridades e en representación da Xunta estivo José Jesús Ramos Ledo, Xefe territorial da Consellería de Educación, que non falou, pero honrou.

Deulle paso Xiz á última intervención a do que definiu como o mudo que máis fala da provincia, o Presidente da Asociación de Amigos do Museo e Castro. Este cansou ao auditorio elocubrando sobre a diferenza entre voz e palabra e enguedellándose en que Felipe deulles voz a pedras, tégulas sigilatas, puñais de antenas, muíños de man, torques, moedas, doas, etc. para que todos eles nos falen do noso pasado, porque son as nosas raíces. Servíndose do Tolo do Castro non dixo máis que toleadas. Ese, dáse a circunstancia, de que era eu. Eu estaba medio trastornado por medo a perder coa xubilación o mellor tesouro que ata hoxe tivo o Museo, Felipe e a súa muller. Hoxe estou máis tranquilo, xa que estou convencido de que se xubilan, pero non se retiran nin abdican como lin que fixo hai pouco o pai doutro Felipe. Que o xúbilo vos acompañe, amigos.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES