Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ensalmos e rituais etnomédicos (II)

jueves, 03 de julio de 2014
CURACIÓN DE DOENZAS LIGADAS COS ÓSOS

8.1. A CAÍDA DA ESPINILLA E PALETILLA
A espinilla tamén é chamada espiña. Trátase dun conxunto de vertebras dispostas en ringleira e artelladas entre sí, que forman o eixe do esqueleto e sosteñen o corpo humano (12). Pola contra co nome de paletilla, tamén chamada paleta, estamos referindo a cada un dos osos planos que articulan o brazo co lombo (13).

Segundo Lis Quibén “dan o nome de espinilla a un hueso situado en la boca del estómago, y que suponen goza de cierta movilidad; de paletilla, a otro, que situado entre los hombros, también disfruta de la misma condición de mudarse de sitio; de calleiro, a la caída del estómago y el de asaduras a la del intestino y demas visceras abdominales. Desde el punto de vista científico la explicación de esas enfermedades se debe a la fractura del apéndice xifoides; a la ptosis del estómago, del intestino y de las demás visceras abdominales” (14). Segundo Rodríguez López, “se conoce con el nombre de Paletilla a un hueso que hay en la boca del estómago, y otros lo señalan en la espalda, a nivel de los hombros, y que cuando el hueso salta o se baja de su sitio, el individuo enferma y no se cura con nada hasta que vuelva a su lugar. Hay algunos que denominan Espinilla al que suponen entre los hombros” (15).

Esta doenza consiste no dislocamento dalgún oso e a caída de vísceras que provocan unha alteración no corpo humano. Dita alteración debe ser provocada cando o apéndice xifoides, que é a punta do esternón, sufre un desprazamento de moi variable índole. A este apéndice, pola forma que amosa, denomínase dun xeito vulgar “paletilla e espinilla”. Agora ben, en anatomía, chámase espiña a toda apófisis ósea longa e delgada. Polo tanto, o termo espinilla podría ser unha sinécdoque, ao nomear ao xifoides cunha palabra que se asusta ao aspecto que mostra o esternón (16).

Nalgúnhas localidades galegas, a caída de osos e vísceras, coñecese tamén cos seguintes nomes: “caída da espiñela”, “aspinilla”, e “pingelo”; “caída da calleira”, “do calleiro” e “mal do lume de estómago”; e “caída do asadeiro”. Só a caída da Paletilla é a que conserva ese único nome (17).

A sintomatoloxía da doenza é variable: cansancio, malestar xeral, dores das costas e de estómago. Segundo Lisón Tolosana, os achaques son definitivos como “estómago bajo, dolor de espalda, vista lánguida, palidez, desgana...” (18). Outros síntomas, segundo Lis Quibén, son: “el color pálido, estar ojeroso, flácido, anémico, moi debel, falta de respiración, dor de cabeza” (19).
Agora ben, para saber se a sintomatoloxía descrita é producto de dita doenza, hai unha serie de probas encamiñadas a establecer se o doente ten ou non a espinilla ou paletillas caídas. A proba máis xeneralizada que se emprega nesta provincia e noutros lugares de Galicia é a de medir as mans. Tanto o curandeiro, como a meiga e a sabia, deitan ao doente no chán nun lugar liso, xuntanlle e estiranlle as pernas, tendo cuidado de que os pés estén espidos e ben xuntos. Logo, colocanse por detrás do enfermo, collenlle os brazos polas muñecas e estiranlloos por igoal ata xuntar as palmas das mans sobre a cabeza. Se unha man sobresae da outra é sinal de que hai unha doenza. Outro procedimento é apreciar se coinciden as puntas dos pulgares e índices. Se isto non sucede é sinal de que hai unha doenza.
Un dos procedementos máis característicos de curación, que imos tratar neste traballo, e o de recitado de ensalmos, que se coñece vulgarmente por “levantar de palabra”. Neles imos a ver a súa estructura así como o número de veces que é mester recitalos para que teñan un efecto na curación.
Así en Forcarei (Pontevedra), no intre de lle igualar as mans ao doente recítase o seguinte ensalmo nove veces no transcurso do día.
“ Paletilla e espiñela
de (nome da persoa),
se volvan ó seu lugar,
como os santiños ó altar,
e as ondiñas ó mar.
Pola gracia de Dios,
e da Virxe María,
con un Padre Nuestro
e Ave María” (20).


En Xavestre, Trazo (A Coruña) para sandar a doenza menciónase a seguinte xaculatoria.
“Paletilla, paletilla,
vai ao teu lugar,
coma os ríos van ao mar.
Co poder de Dios
e da Virxe María,
un Padrenuestro
e un Avemaría” (21).


En Beariz (Ourense), o doente e o curandeiro mencionan nove veces seguidas as seguintes palabras.
“Ana, Susana, Santa Isabel,
ellas tres hermanas son,
fueron al Monte Calvario
a buscar un ramo de oliva,
para lle erguer a espiñela e paletilla,
a (fulano de tal), que a ten caída.
Pol-a gracia de Dios
e de la Virgen María” (22).


Por outra banda, segundo Jesús Rodríguez López, as sabias rezan no sacrificio da misa calquera das seguintes oracións:
“Paletilla y espinilla,
tente fuerte,
como Jesucristo se tuvo en la cruz.
Con el poder de Dios
y de la Virgen María.
Un padrenuestro
y un avemaría ” (23).

“ Un cura de la sacristía sale
y a decir misa va,
y un hombre le va a ayudar.
Así como estas cousas son verdad,
paletilla y espinilla, tripas e calleiro
de (fulano de tal),
se volvan o seu lugar.
Con el poder de Dios
y de la Virgen María.
Un padrenuestro
y un avemaría” (24).


Asi mesmo, Vicente Risco, para erguer a espiñela caída fai alusión a ensalmos como o seguinte.
“Paletilla, espinilla y asaduras,
de (fulano de tal),
Dios se las vuelva a su lugar,
así como el agua va para el mar,
las palomitas al palomar
y el cura da la vuelta en el altar.
Con el poder de Dios
y de la Virgen María,
un padrenuestro,
y un avemaría.
Espinilla, paletilla,
tente en ti,
como Dios se tuvo en sí” (25).


Con respecto á provincia de Lugo, facemos referencia a 26 parroquias, pertencentes a quince concellos, onde se empregan os seguintes ensalmos.

No lugar de Caboxo, Fanoi (Abadín), para sandar a doenza, había que mencionar as seguintes palabras:
“Espinilla, paletilla (de fulano-a de tal)
se volvan ó seu lugar
como se volven as olas ó mar.
Polo poder que Dios ten
e a Virxen María. Amén” (26).

Logo rezábase o painoso. O ritual levábase a cabo nove veces ó día durante nove días consecutivos.

En S. Breixo (Guitiriz) dicíase a seguinte oración para curar a enfermidade.
“Levántate paletilla, espinilla,
vólvete ó teu lugar
como o cura se vai ó altar
cando vai misar.
Polo poder de Deus
e da Virxe María,
un painoso e un avemaría” (27).


En Friol, para erradicar este mal, recitábase o seguinte ensalmo:
“Levántate paletilla
e vólvete ó teu lugar,
como a auga de sete fontes
que ó rio van dar.
Pola gracia de Dios
e da Virxen María,
un padrenuestro
e un avemaría”(28).


En Fumayor, Porteliña (A Fonsagrada) dicíase o seguinte:
“Paletilla, espinilla,
tapa de pecho, boca de estómago,
arcas de (fulano-a de tal),
se vuelvan a levantar
y se vuelva todo a su lugar,
como las ondas del agua del mar” (29).


Ao rematar o ensalmo, rezábase un painoso e unha avemaría. Logo, tiña que repetirse o ritual durante nove días consecutivos, nos que se aconsellaba ao doente que non collese cousas pesadas.

No concello da Ribeira de Piquín, para erradicar a enfermidade, dicíase a seguinte fórmula:
“Espinilla, paletilla (de fulano-a de tal)
vuélvete a tu lugar,
como se volvieron las olas del mar.
Mantente fuerte,
como se mantuvo Dios, Nuestro Señor,
hasta la hora de su muerte” (30)

En Sto. Tomé (Outeiro de Rei), para expulsar a doenza, citábanse as seguintes palabras:
“ Paletilla, espinilla,
vuélvete a tu sangre,
tente en tus pinceles
como Jesucristo se tuvo
en su muerte.
Un padrenuestro
y un avemaría
en honra a la Virgen María
para que se tenga
la paletilla (de fulano-a de tal)” (31).


En Montecubeiro (Castroverde), sentaban previamente ó doente no chan, logo, cos brazos elevados, igualabanlle as puntas dos dedos; finalmente, mentres o doente permanecía inmóvil e sentado, empregábase durante sete días seguidos o seguinte ensalmo:
“ S. Xoán e Santa Ana
tiveron á Virxe María,
dela naceu o noso Señor Jesucristo
que lle levanta a paletilla e espiñela
a (nome do doente),
polo poder de Deus e da Virxe María,
un painoso e un avemaría” (32).


No concello de Palas de Rei aplicábase o seguinte ensalmo para sandar esta doenza:
“ As palominas corren ó seu palomar,
tódolos ríos corren pro mar
e o cura da voltas ó seu altar.
Según estas palabras son certas,
paletilla, espiñela e asaduras de (fulano de tal)
Dios as deixe estar se está ben,
e as volva ó seu lugar se está mal
antes del tercer día,
con la gracia de Dios e da Virgen María,
con un padrenuestro y un Ave María” (33).

O ensalmo recítase durante nove días consecutivos.

Na parroquia de Bóveda (Begonte), para levantar a espinilla e paletilla utilizábanse dous ensamos:
“ Cristo nació,
Cristo murió,
Cristo resucitó.
Como estas son verdades,
espinilla, paletilla, calleiro, asaduras
de fulano ou de fulana de tal,
se vuelvan ó seu lugar,
como as ondas do río se volvan ó mar.
Co poder de Dios e da Virxen María
e do glorioso San Gregorio” (34).

Ao rematar este ensalmo, o doente rezaba un painoso, unha avemaría e unha salve. Logo, o ritual realizábase tres veces ao día durante nove días consecutivos. Ao mesmo tempo, recomendábase ao doente que durante eses días non debía coller cousas pesadas.
“ Santa Ana parió a María,
María parió a Jesús,
Santa Isabel parió a San Juan.
Así como esas son verdades
espinilla, paletilla, asaduras e calleiro
de fulano ou fulana de tal,
se lle volvan ó seu lugar,
como as ondas do río se volvan o mar.
Co poder de Dios e da Virxen María” (35).


Ao finalizar a pregaria o enfermo rezaba un painoso e unha avemaría. Logo, o ritual levábase a cabo durante nove días consecutivos.

Na parroquia de Santiago de Cubilledo (Baleira), sentaban ó enfermo nun lugar plano, logo, tendo os seus brazos extendidos cara arriba, miraban se lle podían igualar os dedos das mans; se non podían, a paletilla estaba caída e había que recitar as seguintes palabras:
“El cura va decir misa,
el sacristán le va a ayudar,
llevan pan y vino sin consagrar.
Como estas cosas son verdades,
espinilla, paletilla de (nome do doente),
se vuelvan ó seu lugar.
Por el poder de Dios
y de la Virgen María,
un padrenuestro
y un avemaría” (36).


Na parroquia de Guntín, para curar a doenza, dicíase o seguinte:
“Ana parió a María,
María a Jesús,
Jesús murió en una cruz.
Así como estas cosas son ciertas,
paletilla, espinilla e calleiro (de fulano-a de tal)
se vuelvan a su lugar.
Por la gracia de Dios y la Virgen,
un padrenuestro y un avemaría” (37).


Este ensalmo recitábase ao doente o sábado, recomendándolle non traballar.

Na parroquia de Donalbai (Begonte), levantábase a espinilla e paletilla utilizando a seguinte xaculatoria:
“ Santa Ana máis Santa María,
ambas iban para romería.
Díxolle Ana a María,
fulano-a de tal, ten a paletilla caída.
Díxolle María,
cala Ana, que eu lla erguería.
Paletilla, espinilla, calleiro,
de fulano-a de tal,
que se volvan ó seu lugar,
como as ondas ó mar,
con el poder de Dios e da Virxen María” (38).


Ao finalizar a pregaria, o doente tiña que rezar un painoso e unha avemaría. A continuación, o ritual repetíase nove veces seguidas durante o mesmo día.

Na Esgrade de Cubilledo (Baleira), dicíase a seguinte pregaria para expulsar a doenza:
“O cura vai decir misa
e o mozo para axudar,
con auga, pan e viño
para consagrar.
Se estas cousas son verdades,
espinilla, paletilla,
volvan ó seu lugar,
como volven as olas ó mar
co poder que Deus ten
e a Virxen María. Amén” (39).


En Sudros (S. Pedro do Río, A Fonsagrada) estirábaselle a pel ó doente nove veces, desde os cadrís ata os hombreiros. Cada vez que isto se facía mencionábanse as seguinte palabras:
“Espinilla, levántate arriba,
co poder de Deus
e da Virxe María”

Como remate, aconsellábase o enfermo que non traballase nos vindeiros días.

En Aspai (Outeiro de Rei), para sandar este mal, facíase referencia a seguinte oración:
“Santa Ana parió a María,
María parió a Cristo,
Santa Isabel a S. Juan,
como éstas son tres verdades,
a espinilla e paletilla de (nome do doente),
se lle volva ó seu lugar,
como as ondas ó mar
e o crego revestido no seu altar,
co poder de Dios
e da Virxen María,
un padrenuestro
e un avemaría” (40).

Esta oración había que rezala nove veces.
En Santa María de Gondar (Lugo), para sandar a doenza, recitábase a seguinte pregaria:
“ Santa Ana parió a Maria,
María parió a Cristo,
Isabel a San Juan.
Así como estas palabras son verdades,
así arca, espinilla, paletilla (de fulano de tal),
se volva ó seu lugar,
coma as ondas do río van ó mar.
Co poder de Deus e da Virgen María” (41).

Ao rematar o ensalmo, o doente rezaba tres painosos e tres avemarías.

En San Miguel do Camiño (Castroverde), para sandar a espinilla facíase unha pequena cruz sobre a mesma e dicíase o seguinte ensalmo:
“ Ana parió a Santa Ana,
Santa Ana parió a María,
María pario a Jesús.
Como estas tres cousas
son pura verdad,
espinilla vólvete ó teu lugar,
como as ondas do mar” (42).


No concello de Mondoñedo, para erguer a espinilla mencionábase a seguinte pregaria:
“Espinilla, palatilla, calleiro baixo,
(de fulano-a de tal),
volve ó teu lugar,
coma volven os rolos pr´o mar,
coma volve o cura pr´o altar.
Polo poder que Dios ten
y-a Virxen María. Amén”(43).


En Illán (Begonte), para levantar a paletilla coa palabra utilizábase o seguinte ensalmo:
“Espinilla, paletilla, calleiro, asadura
de fulano-a de tal,
se lle volvan ó seu lugar,
como as ondas ó mar,
e o cura ó seu altar” (44) .


Ao rematar o ensalmo, o doente, rezaba tres painosos: un a San Benito, outro a San Gregorio, e o terceiro á Nosa Señorta das Neves.
O ritual repetíase ó anoitecer durante nove días consecutivos, estando o doente deitado na cama.

Na parroquia de Pígara (Guitiriz) aplicábanse as seguintes palabras para curar a enfermidade:
“Espinilla, paletilla e calleiro (de fulano-a de tal),
se volva o seu lugar,
como se volven as olas do mar,
e o cura ó altar.
Non é polo meu poder
nin pola miña sabiduría,
senón polo poder de Dios
e da Virgen María.
Un padrenuestro e
un avemaría” (45).


En Grolos (Guntín), para levantar a paletilla, pronunciábase o nome da persoa e recitábase o seguinte ensalmo:
“Volvete hueso ó teu lugar
como las palomas al palomar.
Co poder de Deus e da Virxe María,
un padrenuestro e un avemaría”(46).


Na comunidade de S. Pedro de Cervantes (Cervantes), sentaban ó doente nunca cadeira, igualábanlle as pernas e levantábanlle os brazos, tirando por eles cara arriba ata que as mans quedaban ó mesmo nivel. Logo era mester repousar e tomar bos alimentos. Como remate, outra persoa dáballe uns masaxes e ía dicindo as seguintes palabras, que tiñan que repetirse durante cinco días seguidos.
“Refrégoche os osos
de arriba ata baixo,
e ó cabo duns días
a dor destes osos
irache pasando” (47).


En Santalla de Devesa (Friol), para sandar a caída da paletilla, recitábase a seguinte pregaria:
“Jesús, José y María me acompañen (sinal da cruz)
a auga corre para o río,
do río corre para o mar,
o cura dando voltas ó redor do seu altar.
Póñase ben a paletilla, asaduras e espinilla
(de fulano de tal)
e volvase ó seu lugar.
Pola gracia de Dios e da Virxen María” (48).


No S. Matias, O Veral (Lugo) para sandar esta doenza, utilizábase o seguinte ensalmo:
“Paletilla, espinilla,
non sexas maligna,
deixa esta muller (ou home)
e súbete á serriña” (49).

Na parroquia de Fontaneira (Baleira), túmbase ó afectado no chan, collenselle os brazos e alzánse; logo unénse as mans e miranse se miden o mesmo; finalmente sentase á persoa cos brazos cruzados sobre o peito, cóllenselle os dedos e estiranselle -isto faise para comprobar se ten a paletilla caída-. Ó mesmo tempo recítase o seguinte ensalmo:
“ Calleiro, paletilla,
espinilla, asadura de (nome do doente),
volve ó teu lugar,
como o cura ó altar,
as pombas ó seu pombar
e as ondas ó mar.
Isto non é pola miña sabiduría
que é pola de Dios
e da Virxen María” (50).


Na Graña (Abadín), para curar a enfermidade, dicíanse as seguintes palabras:
“Ana parió a Santa Ana,
Santa Ana parió a María,
María parió a Jesús.
Como estas tres cousas
son pura verdade,
espinilla, paletilla de (nome do doente)
vólvete ó teu lugar,
como as ondas ó mar.
Polo poder de Dios
e da Virxen María” (51).


As entidades sagradas que aparecen mencionadas nos ensalmos son as seguintes: Deus, A Virxen María, Cristo, S. Xoán, Santa Ana, San Gregorio, Santa Isabel, San José, San Benito, San Gregorio e Nosa Señora das Neves.
As oracións que rezan os doentes e os menciñeiros, logo de recitar o ensalmo, son: o painoso e a avemaría, unha ou tres veces, e a Salve.
Finalmente faise alusión aos ensalmos e ás oracións correspondentes da seguinte maneira: nove veces ao día durante nove días consecutivos, nove días consecutivos, nove veces durante o mesmo día, tres veces ao día durante nove días seguidos, sete días consecutivos e cinco días.
Por outra banda, nos ensalmos podemos distinguir tres partes claramente diferenciadas, e ao mesmo tempo vencelladas entre sí.
1ª. Nalgúns ensalmos afírmase nas primeiras proposicións a verdade dalgúns sucesos, que constituen o fundamento para manifestar idénticos desexos de certeza no que segue logo. Tamén hai unha alusión imperativa a que os organos doentes volvan a súa realidade natural, establecendo unha comparación con outros ámbitos da realidade natural.
A. “Cristo nació.
Cristo murió.
Cristo resucitó.
B. “ Santa Ana parió a María.
María parió a Jesúa.
Santa Isabel parió a San Juán”.
C. “ O cura vai decir misa
e o mozo para axudar,
con auga, pan e viño
para consagrar.
D. “ S. Xoán e Santa Ana
tiveron á Virxe María,
tiveron á Virxe María,
E. “ Levántate paletilla, espinilla,
vólvete ó teu lugar”.
F. “ Espinilla, paletilla, calleiro, asadura
(de fulano de tal)
se volva ao seu lugar”
G. “ Ana parió a María,
María a Jesús,
Jesús murió en una cruz”.


Nas premisas, fundamento da analoxía, afírmase a verdade de tres acontecementos; a continuación e, dun xeito explícito, manifestanse idénticos sentimentos e desexos de certeza e seguridade (52).
2ª. Na segunda parte dos ensalmos establecese normalmente unha comparación analóxica entre o organo danado e outras vertentes da realidade física, animal e humana.
A. “Calleiro, paletilla,
espinilla, asadura de (nome do doente),
volve ó teu lugar,
como o cura ó altar,
as pombas ó seu pombar
e as ondas ó mar.
B. “Paletilla, espinilla y asaduras,
de (fulano de tal),
Dios se las vuelva a su lugar,
así como el agua va para el mar,
las palomitas al palomar
y el cura da la vuelta en el altar.


Estes fenómenos mostrannos movimentos de ida e retorno. As ondas, aves e cregos saen do seu respectivo emprazamento ou lugar propio, mais a él rematan volvendo. Polo tanto, por medio dunha relación místico-analóxica manifestase o desexo de que a parte dislocada e causante da doenza volva ao lugar que lle corresponde. “El argumento analógico proposicional comienza estipulando semejanzas entre los dos niveles de la realidad: así como las olas, aves, curas... tienen movimientos alternos de ida y regreso, de esa misma forma quieren que la paletilla, la espinilla, aunque temporalmente dislocadas, vuelvan también al sitio o lugar que les corresponde, dejando el cuerpo sano” (53).
Por outra banda, se en todos os niveis da natureza cada ser ten uns movimentos regulados por unha lei xeral, o noso corpo, como unha entidade desa natureza, non ía ser unha excepción.

3ª. Na terceira parte distínguese cómo o menciñeiro nunca actua no seu propio nome. O seu poder é vicario, non intrínseco as súas persoas, dotes ou coñecimentos; a súa capacidade e poder terapéutico orixínase e provén da participación e manipulación das manifestacións do sagrado (54). Esta dependencia do sagrado queda reflectida nas bendicións e oracións que rematan do seguinte xeito:
A. “Polo poder de Dios e da Virxen María,
un padrenuestro e un avemaría”.

B. “Isto non é pola miña sabiduría
que é pola de Dios
e da Virxen María”.

C. “Non é polo meu poder
nin pola miña sabiduría,
senón polo poder de Dios
e da Virxen María.



NOTAS
12. CARBALLEIRA ANLLO, Xose Mª, ARES VÁZQUEZ, Carmen, HERMIDA GULÍAS, Carme e outros. Ob. cit, páx. 846.
13. CARBALLEIRA ANLLO, Xose Mª, ARES VÁZQUEZ, Carmen, HERMIDA GULÍAS, Carme e outros. Ob. cit, páx. 1432.
14. LIS QUIBÉN, Víctor. La medicina popular en Galicia, Madrid: Ed. Akal, 1980, páx. 166.
15. RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús. Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares, Lugo: Ed. Celta, 5ª ed., 1971, páx. 118.
16. MARIÑO FERRO, Xosé Ramón. La medicina popular interpretada, II. Vigo: Ed. Xerais, 1986, páx. 99.
17. LIS QUIBÉN, Víctor. La medicina popular en Galicia, Madrid: Ed. Akal, 1980, páx. 166.
18. LISON TOLOSANA, Carmelo. Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia, Madrid: Akal, 1979, páx. 136.
19. LIS QUIBÉN, Víctor. La medicina popular en Galicia, Madrid: Ed. Akal, 1980, páx. 167.
20. BECOÑA, Elisardo. Medicina popular, Vigo: Ed. Ir Indo, 1989, páx. 44.
21. SIXIREI PAREDES, Carlos. San Cristobo de Xavestre. Chequeo a unha comunidade rural. Sada (A Coruña): Ed. do Castro, 1982, páx. 200.
22. LIS QUIBÉN, Víctor. La medicina popular en Galicia, Madrid: Ed. Akal, 1980, páx. 176.
23. RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesúa. Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares, Lugo: Ed. Celta, 5ª ed, 1971, páx. 120.
24. RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesúa. Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares, Lugo: Ed. Celta, 5ª ed, 1971, páx. 121.
25. RISCO, Vicente. “ Etnografía. Cultura Espritual”, en Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo, Akal, Madrid, 1979, páx. 479.
26. CASAVELLA CASTIÑEIRA, Guillermina. De Caboxo (Fanoi) (Abadín).
27. CASTRO FERNÁNDEZ, Elena. De S. Breixo (Guitiriz).
28. CASTRELO GRANDÍO, Elvira. De Friol.
29. MERA ÁLVAREZ, Gaspar. De Fumayor (Porteliña) (A Fonsagrada).
30. FERNÁNDEZ PORTELA, Pilar. Da Ribeira de Piquín, 87 anos.
31. ROIBAS, Carmen. De Santo Tomé (Outeiro de Rei), 74 anos.
32. Informante de Montecubeiro (Castroverde).
33. PEREIRO, Concha. De Palas de Rei, 74 anos.
34. BLANCO PRADO, José Manuel. Religiosidad popular en el municipio de Begonte, Lugo: Deputación provincial, 1992, páx. 263
35. BLANCO PRADO, José Manuel. Religiosidad popular en el municipio de Begonte, Lugo: Deputación provincial, 1992, páx. 263
36. GÓMEZ PESTAÑA, J. Antonio. De Santiago de Cubilledo (Baleira), 59 anos.
37. MOURELO PÉREZ, Herminia. De Guntín, 75 anos.
38. BLANCO PRADO, José Manuel. Religiosidad popular en el municipio de Begonte, Lugo: Deputación provincial, 1992, páx. 265.
39. FERNÁNDEZ DORADO, Emérita. De Esgrade de Cubilledo (Baleira)
40. VÁZQUEZ, Josefa. De Aspai (Outeiro de Rei), 83 anos.
41. DAFOUZ, Leonides. De Santa María de Gondar (Lugo), 83 anos.
42. ARIAS FERNÁNDEZ, Lucrecia. De San Miguel do Camiño (Castroverde) de 75 anos.
43. BLANCO PRADO, José Manuel. Religiosidad popular en el municipio de Begonte, Lugo: Deputación provincial, 1992, páx. 264.
44. BLANCO PRADO, José Manuel. Religiosidad popular en el municipio de Begonte, Lugo: Deputación provincial, 1992, páx. 264.
45. LÓPEZ FELPETO, Mª del Carmen. De Pígara (Guitiriz).
46. LÓPEZ, Angelina. De Grolos (Guntín), 71 anos.
47. GONZÁLEZ, Dolores. De S. Pedro de Cervantes (Cervantes), 84 anos.
48. Julia. De Santalla de Devesa (Friol), de 70 anos.
49. Saleta. Do S. Matías (O Veral) (Lugo), 77 anos.
50. GARCÍA OTERO, Tamara. De Fontaneira (Baleira),
51. CASTIÑEIRA MARTÍNEZ, Mercedes. Da Graña (Abadín), 40 anos.
52. LISÓN TOLOSANA, Carmelo. Brujería, Estructura social y Simbolismo en Galicia, Madrid: Akal, 1979, páx.137-
53. LISÓN TOLOSANA, Carmelo. Brujería, Estructura social y Simbolismo en Galicia, Madrid: Akal, 1979, páx.139.
54. Ibidem, páx. 172.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania