Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Desfado

miércoles, 02 de julio de 2014
Hai un tempo que veño escoitando con atención o último álbum de Ana Moura, “Desfado” que saíu no ano 2012 mais foi neste 2014 cando os galegos tivemos a oportunidade de escoitalo en directo na preciosa voz de Ana. Asistín ao concerto da Coruña e vin enriba do escenario unha artista integral que ten recursos para saír adiante fronte a calquera contratempo. Así o demostrou cando un fallo de son momentáneo impediu o acompañamento musical, entón Ana arrancouse a capela e ao público non lle quedou outra que saltar do seus asentos para aplaudir unha marabillosa interpretación.

Pero o álbum de Ana é unha mostra máis da carácter infindo do fado que mellora na poesía e na voz das novas xeracións. Ana Moura preséntanos en poemas innovadores as esencias que fan sentir o fado. Así o tema que dá nome ao disco é unha continua contradición que garda as esencias da vida. Fálanos, por exemplo, da “Saudade de ter saudade” que quizais represente un extremo da soidade que entronca con aquilo que deixou dito Amalia de que “o fado chora-se bem”. Pero tamén lembra o disco que o fado está feito de amor e desamor e por iso hai poemas que esperan e poemas na chegada do amante. En todo caso, coido que no disco hai moito desespero que nos leva por rutas de saudade dos tempos idos. O desespero típico do fado tende a desgarrarse e a ancorarse nun recordo imposible de materializar. Este recordo é capaz de facernos mover á procura de utopías imposibles. Ata podemos ir de Lisboa a São Bento nun comboio de fado.

Poñer “Desfado” non é só realizar a actividade pracenteira de escoitar música. É ter a necesidade de embarcar nunha viaxe de utopía onde regresan rostros perdidos en terras afastadas. Na voz de Ana agroman recordos e desexos que devolven ilusións esquecidas, este é o mundo das emocións que transcende á fadista e ao propio fado, non entanto dálle unha transcendencia superior ao propio fado xa que na súa escoita viaxamos aos recordos da ledicia.

Un disco impecable que non sei se como di no fado “Os búzios” será capaz de virarnos a sorte. Mais xa nos ten virado o sentido ata o punto de necesitalo como tarxeta de embarque cara á propia utopía.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES