En pastillas
Rubal, Pedro - viernes, 27 de junio de 2014
Algúns acontecementos ocorridos estes días nalgunhas cidades españolas, cando menos, invitan a dedicarlles unhas liñas. Xa sei que para velas rectas non só non hai que ter astigmatismo nin cataratas, para salvar a conversión dos puntos en liñas ou ver fantasmas dispersos e diversos nas escuridades, senón tamén criterios obxectivos e contextualizados.
Din os entendidos que nin o astigmatismo nin a catarata se corrixe con pastillas; pero, se son de matiz social e político estas doenzas, a terapia con aquelas nas que se concentren os compoñentes activos convenientemente, poida que dea algún resultado positivo, a condición de que se tomen e os estómagos, irritados polas gastrites xa crónicas, nas rexeiten.
Permítanme que lles prescriba unhas, en cuxo prospecto adxunto, dise o seguinte, traducido ao galego:
O revolucionario que soña cunha ´revolución permanente` que nega calquera especie de tradición e non ten en conta o pasado concreto MÁIS QUE PARA SUPRIMILO, conduce necesariamente, ou ben á nada da anarquía social, ou ben a súa propia anulación física ou política. Só o revolucionario que logra manter e restablecer a tradición histórica, conservando nun recordo positivo o presente dado que el mesmo relegou ao pasado tras a súa negación, consegue crear un novo mundo histórico capaz de EXISTIR. ( As maiúsculas son miñas).
A atribución referencial desta cita non está aconsellado que se lle dea aos doentes en tratamento, para evitarlles un posible shock de ansiedade; pero eu garántolles que non é anónima, e tal vez noutra ocasión dea a coñecer o seu autor. De momento só lles suxiro que non a machiquen, que a deixen diluírse, para que se vaia asimilando lentamente: Así o aconsella o intelectual que a elaborou, un avó ideolóxico.
Pero tampouco estaría mal que se tomara boa nota, por algún costado político, do pensamento de Balmes, que se pode expresar así: Se queredes evitar as revolucións, permitide certas evolucións.
Porque aínda que nacen por miudezas e nas democracias son case sempre obra dos demagogos, non sempre se fan por estas miudezas, senón por algo moito máis complexo, ven a dicirnos Aristóteles: A evolución social, antes ou despois, imponse; tratemos, pois, de aproveitala con sentidiño.
O que está moi claro é que o contido das revolucións vaise diluíndo nas mans dos novos burócratas, por iso xa dicía Unamuno que non cría en máis revolución que na interior, na persoal. E neste noso país, hai demasiados rubidores.
Sen embargo, tampouco se pode descoñecer que a evolución, aínda que segue unha frecha progresiva, a veces pode conducir, no biolóxico, a un monstro, e no social e político, a unha monstruosidade, e en ambos casos por unha mutación indebida. Así que, se o pensamento de ilustres intelectuais aconsella prudencia, a nosa propia experiencia histórica tampouco é remisa en aconsellala: Deixemos, pois, correr a auga pola canle habitual, se non desborda; e as troulas para o folclore.

Rubal, Pedro