Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coma un anxo airado

martes, 24 de junio de 2014
Compás social: Coma un anxo airado

A lectura repousada dos poemas de Xosé María Díaz Castro case sempre nos suxiren unha mística da natureza, unha teoloxía da transcendencia onde as experiencias pequenas se converten en símbolos universais de transcendencia. As súas poesías producen un ánimo de contemplación sen iras nin sobresaltos. Non obstante, ó ler no seu libro NIMBOS o apartado da "Noite" encontrámonos co poema "Coma un anxo airado". Ó repasar paseniño as estrofas desta composición poética, decateime que, de forma case velada, estaba ante un poema de reivindicación do vate dos Vilares - Guitiriz. Xogando coa descrición do lusquefusque e das sombras de todas as cousas, o poeta descobre "a oculta mentira da paz".

A que se refire o poeta? Que experiencia hai detrás desa afirmación? De que paz fala? Sabemos pola maioría dos seus poemas que, detrás dunha universalización simbólica dos seus poemas, hai sempre unha observación e experiencia pequena ou transcendente da que arranca a súa sensibilidade poética. "A oculta mentira da paz", refírese a paz da primeira época do franquismo? Alude esa falsa paz ó resultado da segunda guerra mundial? O poeta comeza describindo as sombras cíclicas da natureza: "O sol na Corda está enterrado,/ morto e enterrado hastra a metá"; e na claridade do anoitecer "Nadan na lus somente un budio / e o ladro perdido dun can. / A sombra de tódalas cousas / vai resultando que é verdá". Todo ten o seu lado sombrío, é a tese do poeta.

Desde a observación cotiá do devir da natureza, o vate salta á íntima experiencia persoal: "E no oco do lusquefusque / vánse perdendo as miñas maus: /apalpo, cadora máis donda, / a oculta mentira da paz. / Vigilate et orate -Dixo / Xesús, na Noite do Olivar". E despois deste aviso, o poeta afronta unha pregunta radical: "¿Onde foron os que se erguían / coma deuses? Xa non están". Mais a natureza segue o seu ciclo: "Treman no budio escuro bágoas, / rola unha estrela, dorme o can". E a historia parece seguir o mesmo destino: "Derrétense os bronces da gloria / nas sombras da noite que cai". Así achaia o tempo a gloria do mundo.

Mais a falsa paz, vestida de suavidade, segue aí agochada na sombra: "Pro están eí as falsas mortas, / as serpes douradas da paz, / sombras na sombra confundidas, / donda lá no teu cabezal". Entón xorde o berro airado do noso poeta: ¡Erte, fillo, coma anxo airado, / rompe a paz, e ponte a loitar!". A paz, se non é auténtica, non é paz; é un sucedáneo inaceptable.

Este berro encontrámolo en moitos poetas galegos de varias xeracións que, despois de relatar toda unha restra de males que afectaban a Galicia, conxuraban ás novas xeracións para que se rebelasen e comezaran a loitar. Nunha primeira retrospectiva lémbrome do poema "Alanca, Alanca" de Aquilino Iglesia Alvariño con quen tivo unha relación tan íntima X. Mª. Díaz Castro. Ambos compartiron tamén unha gran afinidade na simboloxía poética que desenvolveron. Despois dun longo relato de escuras experiencias e reivindicacións, o poeta de Abadín dinos: "Mais non hai noite que sempre dure / e, tras da noite, viñera a aurora". Nos autores da Escola poética da Terra Chá tamén encontramos esa vea reivindicativa a favor de Galicia e do campesiñado galego como suxeito histórico a redimir.

Esa vea reivindicativa non murchou co paso do tempo, senón que se intensificou. As dúas liñas, contemplación e reivindicación, seguen hoxe presentes na poesía galega; algo sen dúbida necesario como horizonte de utopías e soños; mais teñen que converxer, superando os minifundios actuais nun proxecto máis preciso para Galicia e para a unidade de todas as súas forzas. A hora das lamentacións nun recanto ou en pequenos campanarios xa pasou. Só unha Galicia unida será respectada. Os anxos airados hai tempo que xa están aquí, mais teñen que organizarse doutro xeito para que os escoiten e lles fagan caso.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES