Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pois a min váleme...

lunes, 23 de junio de 2014
Voume poñer a fabular. Poñamos por caso que nestes días de debates sucesorios regresos nostálxicos a un pasado moi determinado e desexos de futuro indeterminado -coma todo futuro que se prece, porque está sen escribir-, os que teñen capacidade de asinar decidiran facerlle caso a iso que chama "rúa" e daren un golpe de man para, denantes das dúas xornadas de transición que tiveron lugar esta semana, publicaran no Boe o decreto de convocatoria dun referendo para que os españois todos decidiramos asambleariamente se queriamos continuar coa monarquía "rojigualda" ou iniciar a verea republilcana envoltos na bandeira tricolor.

Continuemos coa fábula. Imaxinemos que ese referendo acabase por ter lugar e que unha ampla maioría da poboación que temos dereito a votar optásemos por explorar novos vieiros republicanos (eses que tanto se asocian ós conceptos de "liberdade, igualdade e fraternidade"), colocándolle as maletas na T4 a toda a familia Real menos ós que xa están en Suíza, que pola contra serían reclamados para que viñeran saldar as contas que teñen pendentes coa xustiza.

Unha vez erguese o morro a aeronave familiar e sen meterme na casuística territorial que de contado aceleraría en Cataluña e no País Vasco, loxicamente deberíase celebrar a conseguinte campaña electoral para elixir presidente -ou presidenta- da III República, xerminado do bandullo dos aparatos orgánicos dos principais partidos políticos ou de forzas emerxentes alimentadas viralmente polas redes sociais.

Tampouco me deteño no ruído social que acompañaría todo este proceso porque non me dá o espazo da columna para tanto, polo cal, colócome de contado na noite electoral con grande estrondo de trompetas de victoria para uns (dáme o mesmo cales) e longas faces de decepción e desespero para outros. E dun chouto paso directamente á toma de posesión do primeiro presidente da III República.

Habería que lle buscar acomodo local ou, dito doutro xeito, un fogar. Pero, xa que a Zarzuela tería quedado libre e forma parte do patrimonio nacional, alguén proporía -a aplaudirían os demais- que o presidente democraticamente electo e a súa familia máis achegada fosen vivir a ese outeiro da estrada da Coruña co fin de non abrir máis casas e aforrar.

Parece coherente tamén -a non ser que fose coma o presidente de Uruguai- que se lle tería que asignar unha caste funcionarial para que puidese cumprir coas súas obrigas de garante da pluralidade democrática, de árbitro da actualidade política e de sancionador das normas lexisladas nas cortes xerais.

Entón, ó chegar aquí decatariámonos de que estariamos no mesmo sitio, só que levantando unha inmensa polvareda social que non saberíamos se nos deixaría ver o camiño ata o final. De aí que unha sorte de lóxica elemental me leve a dicir: Pois a min váleme como está.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES