Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Non hai mellor país no mundo!

lunes, 23 de junio de 2014
Cando os galegos falamos da República Arxentina temos antes que mastigar un chicle de menta para previr calquera inxusta descalificación cunha terra que durante máis dun século mantivo ben quecidas as lareiras de centos de parroquias que recibían axuda da beira sur riopratense. Férveme o sangue cando escoito críticas interesadas de políticos desnortados que esquecen a fame que nos quitou o país solidario que hoxe preside a neta dun emigrante da Fonsagrada. Seguimos endebedados. A tempada de vacas gordas foi demasiado curta e non abondou para devolver o moito que recibimos.

A educación que se lle supón aos dirixentes políticos só se manifesta cando se trata de manter os seus propios privilexios ou os dos empresarios que os enchen de saborosas comisións que non se declaran no IRPF. Se hai coima todo vai ben e os voitres financeiros son alegres merlos brancos entoando fermosas melodías. Claro que a cousa cambia cando un país defende os seus recursos enerxéticos como fixo Arxentina en Neuquén. Entón, saen lixeiros os mercenarios da prensa. Os titulares na prensa adoitan atacar utilizando o recorrente adxetivo de “autoritario” para un goberno democrático nun intento de manipular a opinión públican. O feito de que Cristina Fernández fose elixida nun limpo proceso electoral por unha ampla maioría de cidadáns non significa nada..

A política dun país non debería estar relacionada co aumento no benestar dos gobernantes ou dos que xa máis teñen. Digo eu que o verdadeiramente importante é que se reduzan as diferencias sociais para que unha maior porcentaxe de familias poidan vivir decentemente do seu traballo. O actual goberno arxentino está mellorando calquera dos índices económicos e sociais que se queiran considerar. Defende os intereses nacionais e actúa respectando as normativas internacionais e cumpre co pagamento das débedas herdadas dunha administración que afundiu aos produtores industriais e agropecuarios.

Hai neste momento centos de novos vagóns de tren en circulación en liñas que foron esnaquizadas por un goberno corrupto que recibía todas as louvanzas dos xefes económicos do chamado mundo occidental. A nova presidenta recupera o transporte ferroviario e os “cara de pedra” da prensa insisten na mentira de que a súa xestión non é democrática. Estase a construír vivendas coa axuda de créditos hipotecarios regulamentados de acordo cos ingresos familiares. Os cerebros da prensa babosa din que só se fai para gañar votos. En Madrid venderon a prezos de oferta centos de vivendas erguidas en solo municipal a escuros grupos de investimento dos coñecidos “fondos voitre” e os espelidos comentaristas din que é cousa do libre mercado ou sexa da lei de oferta e demanda.

Poida que eu quedase ancorado no Montevideo de aqueles fermosos anos nos que o meu Peñarol gañaba ao mellor Real Madrid da historia [o de don Alfredo] e hoxe o correcto sexa axeonllarse para obter un traballiño dos donos dos cartos que moven a escea internacional. Se a presidenta Fernández traizoa aos seus cidadáns, axiña recibirá premios e condecoracións en Europa e Estados Unidos. Por certo, fago fincapé en que a señora Fernández Wilhelm aínda non foi distinguida pola Xunta de Galicia coa “Medalla de Ouro”. Dona Cristina é filla de Eduardo Fernández e neta do emigrante Pascasio Fernández Gómez que nacera na parroquia de San Pedro de Neiro. Non esquezamos que un dictador caribeño –-tamén de sangue lucense--- foi agasallado con todos os honores polo presidente da Xunta.

Agora mesmo, en Bos Aires temos un grave problema xa que o histórico e nobre Centro Galego está intervido por mandato xudicial. E que fai a nosa colectividade? En lugar de organizarse e unirse para o salvamento: negan a realidade. Ninguén foi culpable de nada. Os responsables das cinco agrupacións políticas “Pro Centro Gallego” non teñen a valentía de dar a cara e recoñecer que é o goberno nacional o que paga os salarios dos empregados. Os mesmos directivos que fracasaron teñen a pouca vergonza de criticar a quen mantén aberto un hospital con 400 camas e un centro cultural con teatro propio. Coido que os avós que foron directivos noutrora, andarán adevecidos berrando polo ceo adiante ao ver que os seus herdeiros incumpren a norma moral de ser agradecido con quen te axuda.

Desde moi noviño viaxei desde Montevideo ata a casa porteña dos meus tíos Romero-Suárez en Villa Bosch. O meu tío era empregado municipal no servizo de recollida de lixo. Nacera na aldea do Carballal, en terras de Cabana de Bergantiños. Era un home alegre que sempre tiña unha historia para contar sobre os seus comezos polas rúas porteñas. Lembraba con todo detalle a primeira “chata” onde emborcaba os desperdicios. Unhas palabras súas que recordo son moi axeitadas para facer reflexionar aos emigrantes desagradecidos: A min, sobriño, neste país nunca me faltou un peso no peto. Nesta bendita terra o que traballa e non estraga o seu soldo pode aforrar para mercar unha casiña propia. Non hai mellor país no mundo! Cando eu empecei na municipalidade quedei abraiado coa riqueza arxentina. Non había día que non recollese dúas ou tres costelas de tenreira que botaban no “tacho da basura” sen case comerlle nadiña. Dígoche eu que non hai quen poida afundir a este glorioso país.

O meu tío do Carballal era unha persoa educada que sabía a quen agradecer o seu benestar. Que está a pasar agora? Comprobo moi sorprendido que son moitos os emigrantes que cos seus petos cheos de dólares, manifestan: ”este es un país de mierda”; “acá son todos chorros”; “me cagan a impuestos”; “la culpa es de los negros que no laburan”. Habería que facer unha análise para determinar que especie de virus é o que leva aos nosos emigrantes a ser mentireiros, insolidarios, egoístas e case racistas. Quizais haxa soamente que calificalos de garroneros. Herdaron o patrimonio dos avós pero non o seu patriotismo de orgullosos residentes nunha terra que acolle con agarimo a quen sementa esperanza de futuro. Poida que o virus los convenza de que os únicos grandes laburadores da Arxentina son eles.

Un exemplo do contaxio deste perigoso virus de orixe descoñecida maniféstase diante do tema das pensións contributivas e non contributivas que reciben na Arxentina os nosos emigrantes. A cantidade que sexa vai a conta bancaria do beneficiario e queda reflictida como un ingreso en pesos, a moeda nacional. Atención! Os nosos emigrantes non paran de berrar contra do goberno. Queren cobrar en euros. En vez de calar a boquiña e agradecer que non lles aplican ningunha taxa impositiva polo ingreso do exterior; pois non, aínda teñen máis que dicir. Se fago referencia as pensións é para suliñar que –-por desgracia--- son poucos os que sufren pola desfeita no Centro Galego. Se andamos entolecidos trocando euros nas “covas” da céntrica rúa Florida non semella que teñamos interese en loitar pola continuidade do Centro Galego xa que sería mellor vendelo para edificar alí o novo SuperShopping “Cruz de Santiago”.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES