Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Corpus militarizado dos anos sesenta

lunes, 23 de junio de 2014
Estamos no mes do Corpus. Tres xoves hai no ano que relocen máis que o sol, Xoves Santo, Corpus Christi e o día da Ascensión, reza o refraneiro popular. Á miña memoria veñen aquelas procesións solemnes e fastuosas dos anos sesenta, que non se sabía moi ben se eran desfiles militares ou rituais litúrxicos. Tal que así deberían de velos os curas da época, que quixeron dar un golpe de temón e desproveer a festividade de tanto boato, pero ao final a cousa acabou sen cumprir o obxectivo e con algúns castigos aos sacerdotes, ademais dun toque de atención dado ao entón bispo da diocese, monseñor Argaya Goycoechea.

Foi precisamente no ano 1968 cando o Consello Presbiteral decidiu o cambio litúrxico da procesión do Corpus, reducindo ao mínimo o aspecto procesional limitando toda unha celebración da eucaristía a un acto na praza pública "para quitarlle á procesión o seu aspecto escandaloso de mero espectáculo", escribiu no seu día o teólogo Xosé Chao Rego, que fora cura da parroquia de Santa Mariña cando ocorría este contratempo, hoxe e desde hai moitos anos, secularizado.

Aquela toma de posición constituía, sen dúbida, un explosivo nunha cidade na que radicaba unha importante praza militar.

Queríase suprimir a escolta de soldados e mariñeiros, a tradicional bendición do mar desde Capitanía Xeral e un desfile procesional dunhas autoridades, civís e militares, que terían que asistir como simples fieis "se tal era a súa devoción", subliñaba Chao Rego en FerrolAnalisis nº 2, de xullo de 1991, publicación que edita o Club de Prensa, entón baixo a dirección do que isto escribe.

Pois ben, foi suficiente que un representante do clero castrense no Consello Presbiteral fose ao Capitán Xeral para informarlle de que aquelas eran artimañas de curas comunistas para que a máis alta autoridade, "con fama de ver comunistas debaixo da súa cama" puxese en marcha unha operación de caza de bruxas "da que varios inxenuos entusiastas da reforma litúrxica saímos feridos e o bo do bispo, desprestixiado", remarca Xosé Chao. O prelado houbo de retratarse e o cura Fernando Porta de la Encina, responsable da cerimonia, en tanto experto en liturxia, resultou deposto do seu curato da parroquia de San Xiao na que levaba escasas semanas de exercicio pastoral.

Chao Rego confesa no traballo ao que fixen referencia que non houbo intencionalidade política algunha, soamente interese pastoral "o que podo subscribir como secretario do Consello Presbiteral, o que me levou a enfrontarme co meu querido bispo, defender a Fernando Porta e protestar pola inxerencia da autoridade militar". Xa Jacinto Argaya Goicoechea marchara destinado a San Sebastián "e nunha emotiva reconciliación, acabamos os dous de xeonllos pedíndonos perdón mutuamente", conclúe Chao Rego o seu relato.
Castro, Man
Castro, Man


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES