Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Motivos de presunta implicación en presunta trama

jueves, 19 de junio de 2014
MOTIVOS DE PRESUNTA IMPLICACIÓN EN PRESUNTA TRAMA

Na miña colaboración en Galicia Dixital do xoves pasado referíame ó asunto das multas de tráfico en xeral é ó caso da presunta trama de Lugo destes últimos tempos máis en particular.

Nesta ocasión, como xa máis ou menos escribira Xulio Xiz, eu fun un dos cinco mil ou dos cincuenta mil lucenses que librou de verse imputado por ser sancionado e por buscar recomendación pra atenuar a sanción. Pero en cambio, se esta presunta movida se dese noutros momentos, podía ser un presunto imputado máis. Ó que, se cadra, se lle pedían de entrada catro anos de cárcere coma se fose un presunto aprendiz de terrorista e despois quedaba a cousa en catro días, coma se só se tratase dunha presunta coña marinera pra entreter ó persoal en espera do Arde Lucus.

Así e todo, a cousa resultou moi presuntamente clericaI, porque ó cura encausado amosáronnolo por activa e por pasiva os distintos medios, non sei se por ser cura ou se por ir de uniforme. Por morbo supoño que non foi e iso que deu ocasión pra que un periodista lle lese o pensamento ó señor fiscal que, polo que o periodista dicía, pensou: “¿Qué hacemos con el cura? É abondo!: Adiviñar o que pensa un fiscal. Pero o peor é que na súa crónica deixou ó cura e a algúns máis por mentireiros ante a opinión pública. Con periodistas tan sabidos non sei pra que fan falta xuíces nin avogados. Sería ben dicirllo a Gallardón pra facilitarlle os presuntos e imprevisible recortes.

Eu podía ser un imputado máis porque, como xa dixen, fun consultar cun alto cargo de tráfico un recurso que pensaba presentar, pero o que en realidade me moveu a ir a xunto del foi o inconfesable desexo de que fixese algo por min.

Relatarei en extracto os feitos que deron luar á sanción, pra que o presunto lector ou lectora, se hai algún por aí, poida poñerse no meu lugar e pensar que faría no meu caso.

Viña eu de dar un pregón da malla de Boimorto e un pouco antes de desembocar na autovía da Coruña cara a Lugo adiantoume un coche sen ningún distintivo especial. Pola ventaíña da dereita asomou unha man e o correpondente antebrazo que me sinalaban que arrimase pra un espazo fóra da calzada. O antebrazo estaba enfundando na manga dunha chaqueta dun garda civil. Eu obedecín, parei e saín do meu coche mentres dous vestidos de gardas civís saín do que traían. Un, o chofer, arredondaría ós cincuenta e cinco anos. O outro era bastante máis novo, bastante máis alto e bastante máis teso. Este foi o único que falou, do que deduzo que tamén era bastante máis locuaz.

Ningún dos dous me dixo “boa tarde”, senón que o primeiro que me espetou o estirado foi: “Le mandamos parar por conducción temeraria e intento de fuga”. Eu mireille prá cara e vino tan serio que só se me ocorreu contestarlle: “Se está de broma sería ben que puxese cara de risa, porque así igual me mete medo”. El máis serio aínda, se cabe, respondeu: “No. No estoy de broma en absoluto. Usted rebasó la línea contínua y no se detuvo cuando pusimos la sirena”. “Logo -seguín eu- se iso pra vostede significa condución temeraria e intento de fuga, falamos idiomas distintos e necesitaremos un intérprete antes de que se poña a escribir.

Vamos a ver: Eu pisei menos dun metro de liña continua nun adiantamento dun camión, sen poñerme en perigo nin poñer a ninguén, pareceume máis prudente ca dar un freazo brusco, porque tras min tamén viña adiantando outro turismo e podía chocar contra min polo freazo inesperado. Así el puido frear tranquilamnte e todos libramos ben. Non nego que eu fose algo imprudente por non calcular ben os tempo, ou que quen pintou a raia continua non comezase ou retrasase un metro máis do debido, pero de aí á temeridade hai moita diferenza. En canto á sirena, eu oín un sonido que me fixo mirar pra atrás polos retrovisores, pero non vin que me seguise ningún vehículo portador dunha sirena e ninguén me facilitou nunca un manual de instrucións pra identificar sirenas camufladas en coches normais. O que traen vostedes é tan normal que nin sequera ó adiantarme se lle acenderon no parabrisas de trás nin en ningún sitio esas luciñas que poñen “Guardia Civil”. E se vostedes non son de verdade e van disfrazados? Ademais, dígame se superei a velocidade permitida”. De mala gana contestou que non.

“Pois entón –volvín a seguir eu- como fala de intento de fuga?. O meu coche, que paguei eu so, ten menos cabalos ca o que traen vetedes, que o mercamos entre varios, pero algo máis de cen por hora dá.

Despois de outros razoamentos que non vou transcribir pra non cansar a ningún posible lector ou por se ninguén se pon a lerme- Despois de entregarlle a documentación que me pedía, pregunteille: “Vai propoñer a retirada de carné conforme á súa interpretación?”. Díxome que ía propoñer a retirada por un mes. Entón eu, trocando o cabreo por finximento díxenlle moi sorrinte: “Como levo anos necesitando uns días de descanso, se podo pasar un mes de vacacións, heille facer un regaliño”

Vese que tiña tan bo corazón e era tan sensible que cando me chegou a notificación vin que propuxera a retira por dous meses e tiven que reflexionar un chisquiño pra caer na conta de que súa nai non tiña culpa ningunha.

Ó fin, paguei a multa e fixen o recurso pola posible retirada do permiso de conducir despois de consultar con quen xa dixen. Nunca tiven resposta ó recurso e o número da benemérita quedou sen regalo. Que faría no meu caso un xuíz, un fiscal, un periodista ou un cidadán normal? Merecería eu ser imputado como traficante de influencias ou merecería o número sancionante subir un chanzo no escalafón por cumprir o cupo de sancións diarias que lle impón a superioridade? Por un casual, merecería ser cesado o alto cargo de tráfico que me recibiu e me animou a presentar o recurso por considerar excesiva a sanción?

Supoño que a resposta será: Depende, porque por un lado xa ves e por outro que quere que che diga? e unha mala hora tena calquera e non todos che son igual e o que fixo a lei fixo a trampa e…
E… ata outro día, se Deus quere.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES